O galego: proceso de normalización e desafíos

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,75 KB

O galego, lingua en vías de normalización

Contexto do plurilingüísmo

A tradición que atribuíu a un Estado unha soa lingua oficial é a responsable da consideración do plurilingüísmo como feito marxinal e anómalo, sendo frecuente o caso de Estados con máis dunha lingua nacional e linguas que son oficiais en máis dun Estado. As linguas minorizadas son as que viron reducido o seu ámbito por motivos extralingüísticos, van perdendo protagonismo na vida da comunidade e cedendo funcións e ámbitos de uso a favor doutra lingua máis poderosa e que constitúe unha ameaza para a súa supervivencia.

A solución a este problema sitúase en dúas tendencias: negar o pluralismo democrático ou recoñecer oficialmente esta diversidade lingüística e a igualdade legal. A segunda solución foi considerada como válida desde 1950 no Consello de Europa, onde se dicía que “non pode haber discriminación en materia lingüística dunha minoría”, para iso apuntaron uns obxectivos:

  • Protexer as linguas minorizadas.
  • Non reemplazar unha lingua por outra.
  • Integrar as linguas minorizadas na vida: escola, institucións gobernamentais, medios de comunicación, etc.

Proceso de normalización lingüística

Falamos de proceso de normalización lingüística cando estamos ante a recuperación dunha lingua que, sendo propia dunha comunidade, foi desprazada por outra foránea e viu restrinxidos os seus usos, especialmente os máis prestixiosos. O proceso de normalización lingüística constitúeno todas as medidas e accións legais, políticas, sociais e lingüísticas que teñen como obxectivo o uso normal dunha lingua minorizada en todos os ámbitos e a recuperación de todas as funcións dentro da súa propia comunidade.

Primeiras voces e o labor das Irmandades da Fala

Nos séculos XVIII e XIX xorden as primeiras voces en defensa do galego. Este labor reivinditicativo continúano as Irmandades da Fala no primeiro terzo do século XX, levando a cabo iniciativas que incidan no prestixio e na conquista de ámbitos para o noso idioma.

Marco legal e institucións

Na década dos 80 o proceso de normalización prodúcese dentro dun marco legal (Constitución española de 1978 e Estatuto de Autonomía do 1981) que contempla unha serie de institucións públicas que teñen como obxectivo a promoción social do idioma, como a Dirección Xeral de Política Lingüística ou o Servizo de Normalización Lingüística.

Logros e desafíos da normalización

Conquista de novos espazos

O maior éxito da normalización lingüística radica na conquista de novos espazos para o galego como o dos medios de comunicación, o ensino, a Administración, a política ou a vida cultural, en definitiva, o salto do uso privado ao uso público. A lingua galega está a vivir un proceso de adquisición de novos ámbitos e gañando unha nova consideración social.

Tendencias desgaleguizadoras e ritualización

Pero isto é aínda feble e non dá contrarrestado as tendencias desgaleguizadoras. Ademais, este proceso, de quedar só niso, pode acabar constituíndo un novo perigo para o galego, na medida en que supón a súa ritualización, é dicir, que quede confinado a un uso meramente simbólico, uso importante, pero non suficiente.

Ruptura da transmisión xeracional

Constátase que o proceso substitutivo segue avanzando. O español segue a gañar falantes, sobre todo nas zonas urbanas e nas capas máis novas da poboación. A ruptura da transmisión xeracional é o fenómeno máis preocupante que está a vivir o noso idioma e o que máis sombras deita sobre o seu futuro. Este é o principal reto e o máis difícil de conseguir no camiño da normalización.

Entradas relacionadas: