O Galego Hoxe: Normalización, Situación Actual e Trazos Lingüísticos

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 9,4 KB

O galego, lingua en vías de normalización

O proceso de normalización consiste na adquisición, por parte dunha lingua, de funcións e ámbitos de uso, así como na recuperación daqueles que lle foron usurpados por outra. Trátase de converter unha lingua nun vehículo normal de comunicación dunha sociedade, é dicir, que cada lingua desempeñe a totalidade das funcións propias no seu territorio. O obxectivo da normalización é conseguir que os individuos que forman unha sociedade sexan usuarios completos con dominio na lingua propia da comunidade.

O actual marco legal (Lei de Normalización Lingüística e Plan Xeral de Normalización Lingüística) conduce á recuperación e á normalización da lingua e require a intervención dos diferentes sectores sociais:

  • Acción institucional do poder político (Xunta, Concellos e Deputacións): elementos indispensables no proceso de normalización.
  • Acción colectiva non institucional: exercida por asociacións e colectivos (Nova Escola Galega, Pro Lingua, Queremos Galego...).
  • Acción individual: esforzo persoal e consciente para romper hábitos e condutas lingüísticas.

É preciso favorecer comportamentos positivos cara ao idioma, implicando a colectivos e individuos a través de medidas que promovan o uso da lingua e conciencien sobre a necesidade dun cambio de actitude na sociedade. Atopámonos agora nun momento decisivo. Nunca, desde a Idade Media, o galego dispuxo de tantas armas: oficialidade, mellora na consideración social, presenza no ensino e na cultura. Pero, por outro lado, nunca o perigo de substitución lingüística foi tan claro.

A cultura agraria e mariñeira foi a que mantivo viva a lingua. Pero esta corrente regaleguizadora non compensa a perda progresiva de falantes. Se esta dinámica continúa, a medio prazo, o galego pode converterse nunha lingua "ritual". Só a lealdade lingüística, froito dun compromiso individual, pero tamén económico e social, poderá evitar que siga o proceso.

O galego xa está presente nas aulas, o que permite un amplo coñecemento e uso do galego escrito. Mais a transmisión xeracional do idioma nunca foi tan baixa. Para uns, a situación da lingua é óptima e consideran que as autoridades apoian a normalización de forma clara e suficiente. Para outros, o futuro é moi escuro, pois perciben que non hai interese real pola normalización. Hai moita xente que manifesta amar o galego e expresa preocupación pola súa desaparición, pero opina que non se debe impoñer o seu uso.

O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística

A emigración seguiu a producirse durante as últimas décadas do século XX e primeiras do XXI. O proceso de abandono do rural chegou ao seu cumio, producíndose un despoboamento en moitas zonas.

Respecto á situación socioeconómica durante as últimas décadas, a maior parte da poboación traballa no sector servizos, despois dun abandono masivo do sector primario e das diversas crises que afrontou a industria.

En 1975 morre Franco e, tres anos máis tarde, as Cortes democráticas aproban a Constitución, que establece a cooficialidade do galego e o castelán. En 1981, no Estatuto de Autonomía, establécese que "a lingua propia de Galicia é o galego". No ano 1983 entrou en vigor a Lei de Normalización Lingüística, que regula o seu uso nas diversas administracións e servizos. O galego convértese na lingua oficial da Xunta de Galicia, de todas as súas Delegacións e do Parlamento. O seu ensino faise obrigatorio en Primaria e Secundaria.

En 2004 o Parlamento galego aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. En 2005 o Consello de Europa recomenda que en Galicia o ensino sexa "principalmente en galego". Nos anos 2007-2008 entra en vigor o decreto que establece que en Primaria e ESO o 50% das materias se impartan en galego. En 2010 un novo decreto reduce a presenza do galego no ensino ata un máximo do 50% e pretende introducir como lingua vehicular do ensino o inglés.

O galego está hoxe presente nas actividades políticas, institucionais, universitarias e culturais. O seu uso comercial comeza a ser economicamente rendible e prestixia certos produtos. Neste século XXI, temos que ter en conta tamén o seu uso na internet. Hai moitas webs, foros e chats nos que é frecuente o uso do galego. Temos tradutores e correctores ortográficos en galego.

A perda do número de falantes segue acelerándose. Nos últimos anos coñecéronse datos moi negativos que crearon unha grande repercusión na prensa. Ata hai pouco tempo era a lingua exclusiva no ámbito rural, pero xa non o é.

Modelos lingüísticos

Na norma escrita, entramos na fase do galego estándar: unha norma culta onde se eliminan dialectalismos, arcaísmos e hiperenxebrismos, e que se adapta á nova situación social e académica. Ademais, podemos sinalar a existencia de dous modelos de lingua: o espontáneo e o neogalego.

  • O galego espontáneo é a modalidade empregada polos galegofalantes que recibiron a lingua por transmisión familiar e xeracional e que non están moi influenciados polo galego estándar. Non tiveron contacto co galego no sistema educativo.
  • O neogalego é a modalidade empregada por neofalantes que non tiveron unha adquisición primaria da lingua. Caracterízase polo rexeitamento dos vulgarismos, a perda de trazos considerados de menor prestixio (como a gheada ou o seseo), a evitación de interferencias morfosintácticas do castelán, pero tamén por posibles interferencias léxicas e o uso de hiperenxebrismos.

O futuro da lingua

A sociedade galega é a responsable do futuro da súa lingua:

  • Pode escoller un proceso de recuperación, como están a facer en Cataluña e Euskadi grazas aos seus serios proxectos de normalización.
  • Ou pode deixar que a lingua siga esmorecendo, perdendo falantes e limitando o seu uso a certos ámbitos.

O posesivo: casos de uso sen artigo

A norma xeral indica que os posesivos en galego van acompañados de artigo (o meu can, as túas ideas). Non obstante, existen algunhas excepcións:

  • Nomes de parentesco (en singular): miña nai, teu pai, noso irmán (pero: os meus pais, as nosas irmás).
  • Nomes de carácter relixioso ou tratamentos de cortesía: Nosa Señora, Súa Excelencia, Meu Señor.
  • Cando aparece un distributivo: cada un colleu a súa mochila, cadansúa casa.
  • En vocativos e exclamacións: Meu Deus!, Amigo meu!, Nai miña!
  • En expresións e frases feitas: á miña maneira, en meu acordo, pola súa conta.
  • Diante de determinados adverbios e locucións: ao seu redor, diante miña, canda min.
  • Precedido de demostrativo: este meu amigo, aquela súa teima.
  • Nas expresións de meu, de teu, de seu, de noso, de voso, de seu; e cos distributivos cadanseu, cadansúa.

Oracións Bipolares (Subordinadas Adverbiais)

Oracións Concesivas

Expresan unha idea xeral de oposición ou dificultade para a realización dunha acción, pero esta acaba realizándose (ou non se impide). Estrutura: CONCESIÓN + CONSECUENTE. Os nexos empregados son: aínda que, malia que, a pesar de que, por máis que, por moito que, se ben, mesmo que, ben que.

Oracións Condicionais

Establecen unha relación de implicación entre dous feitos, onde un (condicionado) depende do cumprimento do outro (condicionante). Estrutura: CONDICIONANTE + CONDICIONADO. Os nexos empregados son: se, con tal (de) que, a condición de que, sempre que, a non ser que, agás que, fóra que, non sendo que, en caso (de) que, con que, contando que, a menos que...

Oracións Causais

Expresan unha relación de causa e efecto, onde o nexo introduce a causa. Estrutura: CAUSA + EFECTO. Os nexos empregados son: porque, que, como, pois, xa que, posto que, dado que, visto que, por causa de que, por culpa de que, como queira que, etc.

Oracións Consecutivas

Expresan a consecuencia que se deriva dunha situación ou acción previa (antecedente). Estrutura: ANTECEDENTE + CONSECUENTE. Os nexos empregados son: logo, daquela, entón, pois, por tanto, por conseguinte, consecuentemente, así que, de maneira que, de forma que, de xeito que, de sorte que; tamén correlacións intensivas como tan... que, tal... que, tanto... que.

Oracións Comparativas

Establecen unha relación de contraste ou comparación entre dous termos. Estrutura: 1º TERMO + NEXO + 2º TERMO. A comparación pode ser de igualdade (tan... coma/como, tanto... coma/como, igual de... ca/que), de superioridade (máis... ca/que, mellor... ca/que) ou de inferioridade (menos... ca/que, peor... ca/que).

Entradas relacionadas: