O Galego a Finais do Século XX: Contexto e Situación Sociolingüística
O galego a finais do século XX: contexto histórico e situación sociolingüística. As características lingüísticas.
Contexto Histórico e Protección Legal
A partir do ano 1978, coa aprobación da Constitución Española, a lingua galega avanza cara á cooficialidade co castelán e a protección por parte do Estado. O Estatuto establece que o galego é a lingua propia de Galicia e obriga os poderes públicos a facer cumprir a cooficialidade, a promoción da lingua e a non discriminación por cuestións lingüísticas.
No ano 1983 o Parlamento de Galicia aproba a Lei de Normalización Lingüística. Esta lei establece o dereito dos cidadáns ao uso do galego na administración pública. O galego é a lingua oficial nas administracións autonómica, local e nas entidades públicas que dependen da comunidade autónoma. Estas deben levar a cabo a promoción do uso da lingua, tanto oral como por escrito, nas relacións da Administración cos administrados. Tamén se regula a introdución do galego no ensino e a igualdade co castelán.
Situación Sociolingüística e Retos
Polo tanto, o galego atópase cunhas condicións de partida envexables para calquera lingua en situación de inferioridade con respecto a outra lingua oficial do Estado. É entendida pola práctica totalidade da poboación e pode falala a inmensa maioría. Non presenta graves problemas para a incorporación de novos falantes pola proximidade ao castelán, nin existe unha numerosa poboación de procedencia foránea.
Mais, a pesar desta nova situación para a lingua, non se consegue frear a perda constante de falantes. Segundo as estatísticas, o galego segue aparecendo como o idioma máis usado nas comunicacións diarias, pero entre a poboación máis vella, mentres que o seu número redúcese canto máis novos son os falantes.
Pola contra, pódese afirmar que en Galicia os falantes teñen moita maior competencia lingüística no idioma propio, sobre todo dende a súa introdución no ensino. Porén, esta competencia non se corresponde co aumento no número de falantes. O máis preocupante é a ruptura da transmisión da lingua de pais a fillos, pois os rapaces non a aprenden a través da familia, senón que a adquiren na escola coma se fose unha lingua allea.
Áreas de Mellora e Normalización
É no campo da normalización onde resta moito labor por facer. Así, nalgúns ámbitos sociais, como o da xustiza, o empresarial e o eclesiástico, a presenza da lingua galega segue a ser mínima. Faltan medios de comunicación que aposten polo seu emprego, a pesar das subvencións. Non se cumpre a lexislación vixente en varios dos ámbitos, incluídos o ensino e a administración. Polo tanto, bótase en falta un verdadeiro programa de normalización lingüística por parte do poder político.
Perspectivas Futuras e Diversidade Lingüística
O contexto sociolingüístico da Galicia do século XXI semella evolucionar cara a un multilingüismo equitativo, onde o individuo domine as dúas linguas oficiais e mais outras foráneas. Convén non esquecer que a lingua galega nos vincula con outros pobos do mundo e nos permite comunicarnos con moitos millóns de persoas que viven espalladas por diferentes continentes.
Características Lingüísticas: Avances e Ameaazas
En canto ás características lingüísticas, o feito máis positivo produciuse a nivel da escrita, pois dende o 2003 cóntase cunha “normativa de concordia” coa que se acadou o consenso.
No plano negativo, a maior ameaza á que se enfronta a lingua é a castelanización. A interferencia do castelán no galego, que se pon máis de relevo a nivel oral ca escrito, supón a perda das estruturas propias, da fraseoloxía, de tempos verbais e construcións tan nosas. Tamén se observa a aparición de erros cada vez máis frecuentes no que se refire á colocación dos pronomes persoais átonos ou á diferenciación das vogais abertas e pechadas.
Tamén hai que resaltar a perda da diversidade dialectal, pois fenómenos como o seseo ou a gheada foron experimentando unha notable diminución.