O Galego a Finais do Século XX e Comezos do XXI: Evolución e Retos
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,8 KB
O Galego de Finais do Século XX e Comezos do XXI
O galego de finais do XX e principios do XXI:
A pesar do aumento da urbanización e o consecuente éxodo rural que vive Galicia desde os anos 60, a finais do XX o rural segue tendo moito peso demográfico na sociedade galega. Ademais das sete cidades, hai unha serie de asentamentos de menor tamaño que presentan xa características urbanas. Da man sempre do proceso de urbanización, a substitución lingüística do galego polo castelán continúa imparable, non só nas cidades senón tamén, e cada vez con máis forza, nas vilas. O galego segue sendo a lingua maioritaria de Galicia aínda que en descenso e cunha distribución desigual. A transición democrática coincide coas primeiras voces de alerta con respecto ao perigo da desaparición do galego provocada pola introdución do castelán en ámbitos tradicionalmente exclusivos do galego. A chegada da democracia vai permitir iniciar o proceso de normalización e introducir o galego en ámbitos reservados ata ese momento ao castelán. Os progresos cualitativos do galego non foron quen de reducir o avance do castelán. En Galicia levouse a cabo unha política lingüística de baixa intensidade; na maioría dos casos non existiu unha verdadeira vontade política a favor do galego. No marco lexislativo, coa aprobación da Constitución Española de 1978, nace o Estado das Autonomías. O novo marco constitucional recoñece a Galicia, Cataluña e Euskadi como nacionalidades históricas e gobernos preautonómicos. Ata 1981 non se aproba en Galicia o Estatuto de Autonomía que supón o recoñecemento do galego como lingua propia e cooficial. Co fin de levar a cabo esta disposición era necesario elaborar e aprobar unha Lei de Normalización Lingüística que se fai real en 1983. O organismo encargado disto era a Dirección Xeral de Política Lingüística, creada en 1983 dentro da Consellería de Educación e Orientación Universitaria, pois orientaba claramente as súas intervencións cara o ensino, relegando outros ámbitos importantes como o empresarial ou xudicial. Compre esperar máis de dúas décadas para que se elabore e aprobe no 2004 o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega por unanimidade dos partidos.
Unha parte importante das medidas normalizadoras centráronse no ámbito do ensino. A introdución do galego no ensino e a correspondente necesidade de materiais que trouxo consigo favoreceu a creación de novas editoriais e a consolidación das xa existentes como Galaxia. Así como nalgún ámbito podemos chegar a falar dunha normalización bastante plena como na literatura infantil e xuvenil, no que respecta aos medios de comunicación a normalización está moi lonxe. Canto á prensa escrita, só a finais do XX aparece o primeiro diario monolingüe no noso idioma, O Correo Galego, substituído o 17 de maio de 2003 por Galicia Hoxe, existente na actualidade. O fito máis importante foi a creación da CRTVG en 1985 que nace co obxectivo explícito de promover o uso do galego e desfacer os prexuízos cara esta lingua.
As características lingüísticas fundamentais: as primeiras normas da época democrática son as bases para a unificación das normas lingüísticas do galego en 1977 e estas respondían á necesidade urxente de dispoñer dunha variedade codificada para ser usada nos novos ámbitos administrativos, educativos e de comunicación pública. Non obstante, un sector reintegracionista e incipiente e máis unha parte do nacionalismo político rexeitáronas, o que provocou que en 1980 houbese un novo intento promovido pola Xunta que tamén foi fallido e no 82 cando a Real Academia Galega xunto co Instituto da Lingua Galega saca á luz as normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego recoñecidas como oficiais pola Xunta de Galicia.