O galego entre 1936 e 1975: represión e resistencia

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,49 KB

O galego de 1936 a 1975: contexto e situación

Contexto sociolingüístico: período franquista

Etapas da cultura e lingua galega

Desde 1936 a 1950: o comezo

O comezo da guerra no 36 e a vitoria franquista provocan a supresión de todas as iniciativas da cultura galega, aniquilando as institucións, revistas, editoriais e ata as persoas que fixeran posible o avance da lingua e cultura galega. Algúns foron asasinados, como Quintanilla, outros encarcerados, como Celso Emilio, e outros lograron exiliarse, como Castelao. Esta situación provocou a interrupción case total da lingua e cultura. O centro da cultura galega traspásase a América, onde se refuxian moitos escritores, sobre todo na Arxentina e Uruguai. Xúntanse os exiliados e forman revistas como Galicia Emigrante, editoriais como Galicia e programas de radio como Galicia Emigrante. Mentres, en Galicia poucos libros pasaban a censura.

De 1950 a 1970: lenta recuperación

Lenta recuperación do galego como lingua culta a partir da década dos 50, coa posta en marcha das editoriais Bibliófilos Galegos, Monterrey e Galaxia. Esta última foi un dos principais referentes da cultura galega nas seguintes décadas. Anos 60: aparecen as primeiras asociacións culturais, mal toleradas polo franquismo, como O Facho ou a Agrupación Cultural Abrente, que tratan de achegar o uso do galego á sociedade. No 63 ponse en marcha a Real Academia Galega, novas editoriais como O Castro e a volta da revista Grial. Ao mesmo tempo, a oposición demócrata vaise organizando clandestinamente e fúndanse partidos políticos nacionalistas, entre eles a UPG, que empregaron o uso do galego e denuncian a represión lingüística. En 1938 a lingua galega vai ser usada polos alumnos universitarios, aumenta a preocupación pola aprendizaxe da lingua, a súa incorporación á universidade e aparecen novos dicionarios e gramáticas, como a Gramática elemental del gallego común.

Anos 70: recoñecemento

Recoñécese a posibilidade de estudar o galego nos centros de ensino, de xeito voluntario e fóra do horario regular. Coa morte de Franco no 75 e a chegada da democracia, comezará unha nova etapa para a lingua galega.

Situación sociolingüística (1936-1975)

A evolución da situación social da lingua galega foi catastrófica. A ditadura condenou esta terra ao atraso e perseguiu a súa cultura e idioma. Incrementouse o avance da diglosia e a desgaleguización, dado que o galego foi borrado do ensino. Xunto cos vellos prexuízos, aparecerán novos, relacionados co separatismo e a idea de anti-España. Os galegofalantes cultos eran acosados e obrigados a calar, mentres que aos galegofalantes populares inculcábanlles un sentimento de vergoña.

Na desgaleguización tiveron un papel decisivo tamén o ensino, os medios de comunicación e a Igrexa, que non usaban o galego. Os medios de comunicación tiñan unha enorme influencia sobre a poboación, e ambos os dous medios usaban o castelán e defendían o réxime franquista. A prensa escrita tamén estaba en castelán, e a Igrexa excluía a lingua galega da catequese.

A maioría da poboación galega seguía a ser monolingüe en galego ou bilingüe con predominio do galego. O emprego do castelán estendeuse máis alá das clases ricas debido á idea de mudar o galego polo castelán para poder acceder a unha clase social máis alta. En 1968 o galego é o idioma de uso preferente nas publicacións, partidos e sindicatos.

Entradas relacionadas: