O Galego na Democracia: Avances e Desafíos

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,62 KB

Marco Legal do Galego

Coa democracia nace un novo marco legal grazas ao que se amplían os usos do galego e se elabora a norma estándar. A nova situación lexíslase nos seguintes textos:

Constitución Española (1978)

Establece, no seu artigo 3, o castelán como lingua oficial do Estado e a cooficialidade de linguas nas comunidades con linguas de seu, se así o decretan os seus estatutos de autonomía.

Estatuto de Autonomía (1981)

No seu artigo 5, establece que a lingua propia de Galicia é o galego e é cooficial co castelán. Tamén se di que os poderes públicos garantirán o uso normal do galego e potenciarán o seu emprego, e que ninguén poderá ser discriminado por razóns de lingua.

Lei de Normalización Lingüística (1983)

Recolle as bases do proceso de normalización, desenvolve os dereitos lingüísticos e regula o uso oficial do galego nas diferentes administracións e servizos (Xunta, Parlamento, concellos, medios de comunicación, ensino).

Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004)

Constituído por 445 medidas para potenciar o galego.

(As leis agochan un desequilibrio a favor do castelán, única lingua para a que se establece o dereito de usala e o deber de coñecela).

Situación Actual do Galego

Na etapa democrática acadáronse avances significativos na normalización do galego, presente en ámbitos antes impensables e mellor valorado que en épocas anteriores. Con todo, seguen existindo prexuízos e unha situación de diglosia, cun claro desequilibrio a favor do castelán. Analizamos a súa presenza nos principais sectores:

Administración

  • A Xunta e o Parlamento están case normalizados na escrita e no uso oral dos altos cargos (aínda que ultimamente se está a producir un retroceso).
  • Avance significativo na Administración municipal, cunha progresiva galeguización nas últimas décadas.
  • A Administración de Xustiza é reticente (cando non hostil) ao uso do galego (a presenza do galego nos xulgados é do 3 %).

Ensino

Implantouse o ensino da lingua galega nos niveis non universitarios desde principios dos 80, tamén como lingua oficial da administración educativa. En 2007 entra en vigor un decreto que establece que o galego debe ser lingua vehicular doutras materias como mínimo no 50 % (nunca se chegou a cumprir, sobre todo no ensino privado e en moitos centros públicos). O Decreto do Plurilingüismo de 2010 reduciuno a un máximo do 30 %.

Universidade

As tres universidades declaran nos seus estatutos o galego como lingua propia; úsana de maneira exclusiva como lingua escrita, como lingua oral nos órganos de goberno e como lingua pública. A docencia en lingua galega é maioritaria nalgunhas facultades, mentres que noutras ten unha presenza escasa.

Medios de Comunicación

O dominio do castelán é absoluto: desapareceron os poucos xornais que había en galego, nos audiovisuais e na rede a presenza do galego tamén é minoritaria: fronte á Radio Galega e a TVG (1985) hai unha esmagadora presenza de emisoras e canles en castelán; é máis esperanzador o uso do galego na internet, con presenza de portais e xornais dixitais.

Sectores Económicos e Empresariais

Predomina o castelán.

Igrexa

Desempeñou un papel histórico de castelanización e segue allea ao uso do galego.

Perda de Falantes

Estes avances nos diferentes sectores non compensan o aspecto máis negativo: a perda de falantes, especialmente entre a xente máis nova, arrastrada polo proceso de urbanización (sobre todo nas vilas medias e mesmo no ámbito rural), polo predominio do castelán nos medios de comunicación, pola feble política normalizadora do ensino e pola perda da transmisión xeracional da lingua.

Características Lingüísticas

En 1982, o ILG e a RAG publican Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, aprobadas e aceptadas como oficiais pola Xunta de Galicia. Esta normativa tivo reaccións en contra por parte do reintegracionismo, defensores dun maior achegamento ao portugués. Entre estas dúas tendencias existe unha intermedia, a de mínimos reintegracionistas, que pretenden un achegamento progresivo ao portugués especialmente no léxico. A solución a este enfrontamento chegou coa modificación das normas en 2003, introducindo cambios que serviron de achegamento, especialmente no que se refire a buscar a referencia no portugués para os termos científicos e técnicos. Complétase con diversas gramáticas e dicionarios (dicionarios da RAG, Xerais, Galaxia, Ir Indo...).

Entradas relacionadas: