Fundamentos do Marxismo: Impacto na Sociedade e Economía Moderna
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 6,04 KB
A Revolución Industrial e o Xurdimento do Marxismo
No contexto da Revolución Industrial no século XVIII, con foco en Inglaterra, substitúese o traballo artesanal polo de fábrica, supoñendo un aumento da produción que favoreceu a chegada do capitalismo da man de autores como Adam Smith ou David Ricardo, que asentaron as bases do liberalismo económico. Este requiría da liberdade de iniciativa privada, do investimento de capital, man de obra, etc. Desde entón, a sociedade estruturábase en burgueses ou capitalistas e os traballadores ou proletariado.
Dada a desigualdade social, o proletariado comezou a asociarse en busca da defensa dos seus dereitos e na loita polo poder político, cos coñecidos movementos obreiros a través dunha estrutura sindical e a constitución de partidos obreiros autónomos. Destaca a AIT (Asociación Internacional de Traballadores) ou a Primeira Internacional a mediados do século XIX, na que Marx foi clave.
Karl Marx: Vida e Obra
Karl Heinrich Marx naceu en Tréveris, na antiga Prusia, e estudou Historia e Filosofía nunha época marcada polo pensamento hegeliano. Debido á súa ideoloxía política, non puido exercer a docencia e en París coñece a anarquistas como Bakunin e estuda o liberalismo económico. En Bruxelas, xúntase con Friedrich Engels e redacta o Manifesto Comunista, síntese do ideario comunista. Finalmente, aséntase en Londres e escribirá a súa obra máis importante, O Capital. Morre alí en 1883.
Influencias no Pensamento Marxista
O pensamento marxista estaba marcado polas influencias da esquerda hegeliana, entre os cales destacaba Feuerbach; o socialismo utópico de Fourier, Saint-Simon e Owen; o anarquismo de Bakunin e Proudhon; e o rexeitamento do liberalismo económico de Adam Smith e David Ricardo.
A Dialéctica Hegeliana
Marx herda de Hegel a súa explicación da realidade e da historia: a Dialéctica hegeliana. A idea central é que a oposición entre dous termos é o fundamento da Historia. Hai tres momentos clave: tese, antítese e síntese; sendo a síntese a superación do conflito e o punto de partida dun novo proceso dialéctico. Marx adapta este concepto desde o punto de vista dos hegelianos de esquerda.
O Materialismo Histórico
A aplicación da dialéctica para comprender a Historia é o Materialismo Histórico, que di que a materia (economía) fai avanzar a historia nun proceso de superación (dialéctica). É un método de análise da realidade con pretensión de cientificidade que pretende afirmar a loita de clases como motor da Historia. O materialismo histórico supón un distanciamento e crítica ao idealismo.
Infraestrutura e Superestrutura
En toda formación social podemos distinguir unha infraestrutura, composta polas forzas produtivas e as relacións de produción; e unha superestrutura, composta polas ideas, institucións e normas que definen unha sociedade nun momento dado, e que lexitiman a orde social e o tipo de sociedade.
A Alienación no Capitalismo
Segundo Marx, o traballo é natural ao ser humano, e denuncia que o traballo na sociedade capitalista é alienado, deshumanizado. Non se traballa para sentirse humano, senón para a obtención de beneficios do propietario. Explícase isto mediante o concepto de Feuerbach da alienación, pero estendéndoo a todas as esferas da actividade humana, habendo tres tipos de alienación:
- Alienación económica: Prodúcese cando o traballador non se sente valorado. Pódese dar con respecto ao produto ou ao acto de traballar. Explícase mediante a plusvalía, que é a diferenza entre o prezo de venda e o custo de produción, na cal reside o beneficio do empresario, polo que este procede da explotación (alienación) do obreiro.
- Alienación social: Da man da división da sociedade en clases posuidoras e non posuidoras, os traballadores vense con problemas económicos e marxinados (alienados).
- Alienación relixiosa: Consiste na deshumanización do ser humano creando un ser superior, Deus.
Todo isto conduce á alienación ideolóxica, que consiste na crenza do traballador de que é lexítima a apropiación da plusvalía. A ideoloxía é unha falsa conciencia segundo a cal os explotados acaban asumindo como naturais as súas condicións de vida. Considérase a culminación do proceso de alienación e cada realidade material ten a súa propia ideoloxía.
A Visión Marxista da Transformación Social
Con todo o que acabamos de ver, podemos describir a alienación do proletariado baixo o capitalismo, aplicando o materialismo histórico. O capitalismo (tese) aliena ao proletariado e beneficia aos propietarios, polo que se dará unha loita de clases entre os dous grupos; esta loita é o motor da historia. A negación e superación do sistema dáse cando os obreiros se rebelan e instauran a ditadura do proletariado (antítese). Cando o capitalismo colapse por completo, instaurarase a sociedade comunista (síntese) e, por tanto, desaparece a propiedade privada e a división de clases.
Conclusión e Legado
En conclusión, o marxismo é unha crítica ao idealismo, á alienación e á ideoloxía, e Karl Marx é un dos filósofos máis influentes dos séculos XIX e XX. A repercusión da súa obra vese reflectida nos movementos obreiros, nas revolucións rusa, chinesa e latinoamericanas, e na Escola de Frankfurt.