Fundamentos da Morfoloxía e Semántica do Galego: Léxico, Sufixos e Fenómenos Lingüísticos

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 25,14 KB

Categorías Gramaticais e a Súa Función

Pronome

  • Pronome relativo: O neno que chegou onte é o meu sobriño.
  • Pronome interrogativo: Que lugar é ese?
  • Pronome exclamativo: Que lugar máis fermoso visitamos!

Conxunción

  • Conxunción completiva: Din que cada vez se controla máis a emisión de gases.
  • Conxunción causal: Helena vai vir, que me chamou para avisarme.
  • Conxunción final: Avisoume que lle trouxese os discos.
  • Conxunción disxuntiva: Que acepte, que non acepte, a nós non nos preocupa.
  • Conxunción comparativa: O comportamento de Helena é mellor que o teu.

Ademais, a conxunción que forma parte de varias locucións conxuntivas, con diversos valores: aínda que, en caso de que, a pesar de que, de modo que, por máis que, a fin de que, a menos que.

A Morfoloxía Derivativa: Sufixos

Sufixos Apreciativos ou Alterativos

  • Engaden unha noción de tamaño, intensidade ou valoración afectiva.
  • Non cambian a categoría gramatical da palabra da que derivan.

Clasifícanse en: DIMINUTIVOS (-elo, -ela, -echo, -echa), AUMENTATIVOS (-azo, -aza, -ón, -ona) e DESPECTIVOS (-ucho, -ucha, -exo, -exa).

O Sufixo -IÑO/-IÑA no Galego

O sufixo -IÑO/-IÑA, un dos máis rendíbeis no galego, ten os seguintes valores:

  1. Propiamente diminutivo: Modifica o sentido dun substantivo concreto coa noción de menor tamaño: a mesiña de noite.
  2. Intensificador: Fundamentalmente con adxectivos, indefinidos e adverbios: o ceo está clariño; hoxe non fixen nadiña.
  3. Expresa o sentimento de afecto do falante sobre determinado ser ou obxecto: despois de xantar non perdoa a súa sestiña.
  4. Función apelativa: Úsase procurando o favor ou boa disposición do interpelado: tes que ser boíño e axudarme; sentidiño, rapaces, non fagades esa tolería.
  5. Valor despectivo (aínda que menos frecuente): que vas esperar desta xentiña?

Sufixos Derivativos

  • A partir de substantivos, adxectivos ou verbos crean novas palabras da mesma categoría ou doutra: branc-o (adx.) / branc-ura (subst.) / branqu-ear (verbo) / branc-a-mente (adv.).
  • É importante fixarse na categoría gramatical da nova palabra derivada para comprender o valor semántico que engade o sufixo: barb-eiro “profesión” // fest-eiro “calidade ou característica que posúe aquel que lle gusta a festa”.

Orixinan Substantivos a Partir de Substantivos

  • Colectivos: -ada (estacada, ramada), -ado (alumnado, profesorado), -axe (follaxe).
  • Vexetais: -eiro / -eira (piñeiro, figueira), -eiro / -eira (carballeiro, erbedeiro).
  • Locativos: -ario (herbario, incensario), -eiro (billeteiro, botelleiro).
  • Temporais: -ada (alborada, invernada), -eira (sementeira).
  • Acción: -ada (badalada, coitelada), -azo (estacazo, fungueirazo).
  • Profesión: -eiro / -eira (barbeiro, zapateiro), -ario / -aria (bibliotecaria, empresaria).

Orixinan Substantivos a Partir de Adxectivos

Engaden o significado de “condición, acción, que posúe a calidade de”...

  • -ada (parvada)
  • -ade: -idade/-iedade/-ldade/-ndade/-rdade/-ltade/-rtade/-zade (realidade, arbitrariedade, crueldade, irmandade, liberdade, dificultade, pubertade, amizade).

Crean Substantivos a Partir de Verbos

Engaden o significado de “acción e efecto de”...

  • -ado/-ada (mercado, furado, arroiada)
  • -ido/-ida (cocido, pruído, ferida, acometida).

Orixinan Adxectivos a Partir de Substantivos

Engaden o significado de: calidade de, xentilicios, relativo a, probabilidade...

  • -ado/-ada (colorado)
  • -al (coloquial, colosal)

Sufixos para Xentilicios

Para a formación dos xentilicios baseados en nomes de lugar galegos empréganse os alomorfos:

  • -án / -a: compostelán/compostelá, ourensán/ourensá, muradán/muradá.
  • -és / -esa: cambadés/cambadesa, vilanovés/vilanovesa, vigués/viguesa.
  • -ense: pobrense, miñense, bañense, tudense, pastoricense.
  • -ego / -ega: chairego/chairega.
  • -eiro / -eira: betanceiro/betanceira.
  • -ino: fonsagradino/fonsagradina, monfortino/monfortina.

Os lugares do bloque centro-oriental poden presentar un xentilicio coa terminación dialectal –ao/-á (lancarao/lancará, melidao/melidá, masidao/masidá, dezao/dezá, courelao/courelá, cortegao/cortegá...).

Orixinan Adxectivos a Partir de Adxectivos

  • -eiro/-eira (careiro, cativeiro).

Orixinan Adxectivos a Partir de Verbos

Engaden o valor de probabilidade, axente, relativo a...

  • -ble/-bel (incrible, axustábel) [valor de “probabilidade”]
  • -bundo (moribundo)

Orixinan Verbos a Partir de Substantivos e Adxectivos

Engaden o valor de “acción de, ás veces cun matiz de acción frecuente...”

  • -ar
  • A-.... -AR (ancorar, baleirar)
  • EN-... –AR (abombar, adiar)

Estes últimos son Afixos descontinuos (Parasíntese).

Orixinan Adverbios

Valor “modal”:

  • A partir de adxectivos (se ten flexión de xénero: feminino): loxicamente, boamente, facilmente, alegremente, posibelmente (en galego son palabras graves rematadas en vogal, polo tanto non se acentúan).
  • A partir de indefinidos: mesmamente.

Semántica Léxica: Significado e Relacións

Denotación e Connotación

Denotación ou Significado Denotativo

É o resultado da relación existente entre a palabra e o concepto mental ao que se asocia, é dicir, entre o significante e o significado. É o significado dunha palabra illada do contexto. É o que aparece definido nos dicionarios. É o significado convencional, o que lle é propio. O significado obxectivo, básico da palabra, o que nos remite ás cousas que nomean.

Connotación ou Significado Connotativo

Resulta de engadir ao significado base outros significados adicionais derivados do seu uso nunha determinada sociedade, cunhas determinadas estruturas socioculturais. É o significado adicional, subxectivo que se lle pode dar a unha palabra nun contexto determinado. Estes significados adicionais consisten nas impresións, nos valores afectivos e sociais, negativos ou positivos, as reaccións psíquicas que un determinado signo evoca. Este significado varía segundo as culturas, os grupos sociais e as épocas; varía tamén segundo a experiencia, a sensibilidade, a cultura e os hábitos de cada falante e oínte.

O Campo Semántico

Un campo semántico é un conxunto de palabras que comparten un significado común, de tal modo que cada unha delas se opón ás demais por uns determinados trazos. Para comprender mellor este concepto, cómpre definir os seguintes vocábulos:

  • ARQUISEMEMA: O sema común a todos os termos do campo.
  • SEMEMA: Conxunto de semas que caracterizan unha unidade lingüística.
  • SEMA: Cada un dos trazos que conforman o significado dunha palabra.

Relacións de Inclusión Léxica

A Hiponimia

É a relación entre un lexema máis específico (o hipónimo) e outro máis xeral. Todos os trazos significativos do termo máis xeral están contidos no hipónimo (A é hipónimo de B cando todos os A son B, pero non á inversa). Na hiponimia tamén se dá a propiedade transitiva: se A é hipónimo de B e B é hipónimo de C, podemos afirmar que A é hipónimo de C: “vaca” é hipónimo de “mamífero”, “mamífero” é hipónimo de “animal”; logo “vaca” é hipónimo de “animal”.

A Hiperonimia

É a relación inversa á hiponimia. É a relación que se dá entre un lexema máis xeral (hiperónimo) e outro máis específico (hipónimo).

Cohiponimia

É a relación existente entre hipónimos dun mesmo hiperónimo; son os termos incluídos baixo un hiperónimo que teñen unha amplitude significativa semellante. Por exemplo: cama, mesa, chineiro… son cohipónimos entre si.

Homonimia e Polisemia

HomonimiaPolisemia
Dúas palabras distintas, con distintos significados, coinciden no significante.A un único significante correspóndenlle dous ou máis significados.
O significante con varios significados procede de étimos diferentes.O significante con varios significados procede dun só étimo.
No dicionario recóllense como entradas distintas, normalmente numeradas.No dicionario recóllese como unha única entrada con varias acepcións.

Tipos de Homónimos

Podemos clasificar os homónimos atendendo a dous aspectos:

Tendo en conta a morfoloxía:
  • Absolutos: Coinciden fonética e morfoloxicamente: maceta (maza) / maceta (vasilla de barro para plantas).
  • Parciais: Só coinciden foneticamente, presentando diferente clasificación morfolóxica: paro (falta de traballo) / paro (do verbo parar); como (verbo comer) / como (conxunción); cal (substantivo) / cal (pronome).
Tendo en conta a grafía:
  • Homófonos: Coinciden na fonética pero non na grafía: baca (coche) / vaca (animal); vago ("preguiceiro", "nugallán", "lacazán") / bago ("uva, cada unha das froitas dun acio”); valor ("valentía", "calidade", "prezo"...) / balor ("mofo, fungo que se forma da putrefacción”); naval (relativo á navegación) / nabal (terreo sementado a nabos).
  • Homógrafos: Coinciden na grafía, e fonética ás veces: trincar (suxeitar con cabos ou cordas) / trincar (partir ou cortar cos dentes); bolo (peza de pan) / bolo (pau labrado); présa ("apuro", "urxencia") / presa ("encoro"; "puñado"; “prisioneira”; “captura”); bóla ("esfera, canica”) / bola ("peza de pan"); golpe (raposo) / golpe (choque violento).

Paronimia

Os parónimos serían palabras que presentan unha grafía parecida ou igual e un son moi semellante, con significados diferentes: extremo/estrema; descrición/discreción; apto/acto… e tamén óso/oso.

A homofonía e a homografía son conceptos que se refiren á ortografía, non ao léxico ou á semántica. A ortografía das linguas é algo convencional. Se na ortografía do galego non existisen dous grafemas ou letras (b, v) para representar un mesmo fonema /b/, “bago” e “vago” e mais “valor” e “balor” serían casos de homonimia, non de homografía. Por outra banda, se houbese no sistema ortográfico galego un signo para representar o e aberto /Ɛ/ e outro distinto para representar o e pechado /e/, un para o o aberto /Ɔ/ e outro para o o pechado /o/, nese caso /prƐsa/ e /presa/, /bƆla/ e /bola/ non serían nin homónimos nin homógrafos.

Procedementos de Formación de Palabras

A) Imitación

Dá lugar a onomatopeas. O significante reproduce o son que se designa ou ben fai referencia ao animal ou obxecto que o emite: paspallás, cuco, zigzag, tictac, nana…

B) Derivación

A derivación é o procedemento máis habitual que temos en galego para crearmos palabras novas, que poden ser dunha clase gramatical diferente á da palabra base: (adx.) → soidade (subst.). Para a derivación utilizamos diferentes afixos ou morfemas derivativos, que poden ir colocados antes do lexema (prefixos) ou despois do lexema (sufixos). O rendemento de sufixos e prefixos é bastante variable. Hai algúns frecuentísimos (des-, in-, -eir, -os, -al, -ismo, -ción, -sión...) en tanto que outros teñen un uso máis limitado e a súa capacidade de xerar novas palabras é máis reducida.

Derivación por Prefixación

Colocamos un afixo antes do lexema (re-ler, in-capaz, a-normal, des-cargar, etc.) para alterar ou modificar o seu significado, pero non a súa categoría gramatical. Únense directamente ao lexema, agás co prefixo NON- “que non é” e EX- “que foi e xa non é” que se unen ao lexema mediante un guión: non-aliñado, ex-alumno.

Derivación por Sufixación

Colocamos un sufixo despois do lexema: predic(ir) + ción = predición; branco + ura = brancura, sinxelo + eza = sinxeleza, mozo + idade = mocidade, etc. O termo primitivo experimenta algunhas transformacións, como a perda da súa última vogal átona ou a crase da vogal final da palabra coa vogal do sufixo: alto + ura = altura, casa + eiro = caseiro, bacallau + eir = bacalloeiro, etc. Ás veces, entre o lexema ou raíz e o sufixo derivativo aparece unha consoante de ligazón (interfixo), que non ten ningún valor gramatical e cuxa función é a de facilitar a pronuncia e evitar a cacofonía: cafe-t-eira. A derivación por sufixación pode facerse sucesivamente con máis dun sufixo. Teriamos así unha cadea de derivacións, por ex.: lei → legal, legal → legalizar, legalizar → legalización.

Tipos de Sufixos por Sufixación
  1. ALTERATIVOS: Son ponderativos, normalmente levan asociadas connotacións apreciativas xeralmente positivas – nos diminutivos –, e case sempre negativas – nos aumentativos –. O vocábulo resultante pertence á mesma clase mórfica ca súa base. Non adoitan ter entrada nos dicionarios.
    • DIMINUTIVOS: Restrinxen o significado no sentido de diminución de tamaño, conlevando en moitos casos connotacións afectivas: -IÑO, -IÑA: libriño, xentiña.

C) Parasíntese

Dáse en dúas situacións:

  • Ao mesmo tempo derivación con prefixo e sufixo (baixo determinadas condicións como xa vimos): aterrar, asilvestrado, engrandecer.
  • Composición + derivación: paracaidista.

D) Acurtamento

Consiste na eliminación de parte dunha palabra. Pode ser de dous tipos:

Abreviatura

  • Simple: Representación dunha palabra na escrita con unha ou varias das súas letras: r. “rúa”, Sto. “santo”, Cía. “compañía”, Admón “administración”, Dra. “doutora”, Fig. “figura”, Avda. “avenida”, íd. “ídem”, Páx. “páxina”, Tfno. “teléfono”, Secret. “secretario/-a”.
  • Composta: Redución de fórmulas estereotipadas: Vº e P. “Visto e Prace”, D. e P. “descanse en paz”.

Siglas e Acrónimos

  • Siglas (tamén denominada abreviatura complexa): Consiste na representación, mediante a(s) letra(s) iniciais de cada unha das palabras, dunha denominación complexa (xeralmente o título dunha institución, organismo oficial, organización social, publicación...): TVG (Televisión de Galicia), BNG (Bloque Nacionalista Galego), ONU (Organización das Nacións Unidas), ANT (A Nosa Terra)… O máis habitual é a utilización só da primeira letra de cada elemento, ás veces acrecéntase algún outro fonema: INGABAD (Instituto Galego de Bacharelato a Distancia), AGAL (Associaçom Galega da Língua). As siglas considéranse ás veces como unha variante dos acrónimos ou mesmo se usan os dous termos como sinónimos.
  • Acrónimos: É un nome formado polas iniciais e outras letras de varias palabras: diu (dispositivo intrauterino), nazi (national sizialist), Euroasia (Europa + Asia), informática (información automática)...

Fenómenos e Desviacións Lingüísticas

1. Vulgarismos

Incorrectos a nivel oral e escrito.

a) Vogais en Posición Átona:

  • Síncope da vogal precedida dunha consoante oclusiva ou fricativa e seguida dunha líquida: espranza, vran, difrenza, creixa...
  • a ˃ e por influencia de i en sílaba tónica, e por contacto con i formando ditongo: quemiño, esí, elí... gueiteiro, beilar, queixón...
  • e ˃ i por influencia dun i na sílaba tónica, ou pola presenza dun ditongo ei ou oi na sílaba tónica: viciño, pidir, midir, miniño... cirdeira, dispois, direito...
  • e ˃ o debido a unha LABIALIZACIÓN da vogal átona por influencia dunha consoante labial (m, p, b, f...) coa que está en contacto: somana, romedio, somellar, formento...
  • o ˃ u por influencia dun i na sílaba tónica, ou polo contacto dun r ou outros fenómenos de harmonización vocálica: cuciña, dumingo... Purtugal, curuxa...
  • e ˃ a, o ˃ a, o ˃ i, a ˃ i: zarrar... Mondañedo... chiculate... miñán...

b) Vogais Postónicas Non Finais:

  • Síncope da vogal postónica: esprito, moitismo, altismo...
  • DISIMILACIÓN: Normalmente as vacilacións postónicas ocorren entre vogais da mesma serie (e-i / o-u): múseca, úneco, nécura, estituto, menistro...
  • ASIMILACIÓN: Máis infrecuentes son as alteracións fóra da mesma serie (o-a / e-a / e-o): semáfaro, teléfano, númaro, brétoma, tanaza, torrón, dazaseis...

c) Outros Fenómenos Vocálicos:

Fenómenos de Adición:
  • PRÓTESE: Aumento dunha vogal ao comezo de palabra, normalmente a-: amoto, arradio...
  • EPÉNTESE: Aumento dunha vogal no interior da palabra, normalmente a vogal i: soio, aldeia...; saberaio, mátaio...; aialma, aiauga...
  • PARAGOXE de -e: Aumento dunha vogal ao final de palabra: mullere, corazonhe, eue, paie...
Fenómenos de Supresión:
  • AFÉRESE: Eliminar unha vogal no inicio da palabra: inda, topar, meazar...
  • SÍNCOPE: Eliminar unha vogal no medio da palabra: vran, pra, esprito, difrente...
  • APÓCOPE: Eliminar unha vogal ou sílaba no final de palabra: Ouréns, cas, quer, parez...

d) Consoantes:

  • PALATALIZACIÓN DE –S: O –s palataliza aproximándose á articulación do /š/: deš, marteš...
  • DESPALATALIZACIÓN DE /š/: peise, hose...
  • ASPIRACIÓN DE /s/ IMPLOSIVO: dehde, ti eh parvo...
  • METÁTESE DE /r/: Paso do fonema dunha sílaba a outra contigua: probe, frábica...
  • ALTERACIÓN L/R EN POSICIÓN IMPLOSIVA: álbore, almario, toxar, castañar...

2. Dialectalismos

(Ver T 5 de sociolingüística). Incorrectos a nivel escrito e aceptados a nivel oral. Dependendo da zona de Galicia onde nos atopemos:

  • Metafonía: Cambia o timbre dunha vogal tónica media por influencia da vogal final –o e –a:
    • Influencia dun –o átono sobre a vogal tónica facendo que esta (que era aberta) feche un grao (/Ɛ/ convértese en /e/, /Ɔ/ convértese en /o/): SOCRU ˃ s/Ɔ/gro ˃ s/ó/gro; METU ˃ m/Ɛ/do ˃ m/é/do.
    • Influencia dun –a átono sobre a vogal tónica facendo que esta (que era pechada) abra un grao (/e/ convértese en /Ɛ/, /o/ convértese en /Ɔ/): ILLAM ˃ /é/la ˃ /Ɛ/la, h/ó/ra ˃ /Ɔ/ra.

    Este fenómeno ten distribución dialectal pero as isoglosas non son uniformes, son irregulares. Así: “m/e/do” que abarca toda Galicia menos a zona oriental, “m/Ɛ/sa” soamente na costa de Pontevedra, ou “c/Ɛ/go” sen metafonía en todo o territorio. A metafonía queda sempre na isoglosa da parte occidental do territorio.

  • Palabras –e ou que teñen –e na sílaba postónica: O /Ɛ/ tónico muda o seu timbre para /e/: n/Ɛ/ve ˃ n/é/ve, fix/Ɛ/se ˃ fix/é/se. Fenómeno que se dá no sur de Pontevedra.
  • Vogal trabada por nasal: A presenza dunha consoante nasal traba unha vogal media aberta /Ɛ/ e /Ɔ/ que altera o timbre etimolóxico destas facendo que pechen un grao (/Ɛ/ ˃ /e/ - /Ɔ/ ˃ /o/): t/Ɛ/mpo ˃ t/é/mpo, p/Ɔ/nte ˃ p/ó/nte. O fenómeno tamén afecta á zona occidental sendo característico da metade do territorio no caso de /e/, e da case totalidade (excepto a área asturiana) no caso de /o/.
  • SESEO: Consiste en pronunciar o fonema fricativo interdental xordo /θ/ como fricativo alveolar xordo /s/. Segundo o contexto distinguimos dous tipos de seseo:
    • Seseo explosivo ou total: Dáse en todas as posicións, a isoglosa parte das localidades de Laxe e Ponteceso segue pola comarca compostelá e baixa por Padrón.
    • Seseo implosivo ou final: Case toda a provincia da Coruña, grande parte de Pontevedra, a Limia Baixa en Ourense: cinco, facer, lus, des, ves...
  • GHEADA: Realización do fonema oclusivo velar xordo /g/ como unha aspiración semellante ao h do inglés en calquera contexto. Dáse nas provincias da Coruña, Pontevedra, occidente de Lugo, metade de Ourense: ghato, amigho...
  • ROTACISMO: -s pasa a –r ante consoante sonora, e ás veces ante as fricativas xordas: or domingos, derde... ar flores, or zocos... (centro de Lugo e Ourense).

3. Arcaísmos

O coñecemento da literatura galega medieval permitiu acudir ao galego da Idade Media para recuperar formas lexítimas da nosa lingua. Incorrectos a nivel oral e na lingua escrita: vegada (vez), capiduo (capítulo), tiduo (título), coor (corazón).

4. Hipergaleguismos ou Hiperenxebismos

Son ultracorreccións da lingua, creadas por reacción diferencialista respecto do castelán; preténdese darlles unha aparencia galega. Incorrectas a nivel oral e na lingua escrita: nazón, primaveira, sinceiro, hourizonte, humán, urbán, semán, brilar, orguloso, destiño, diviño, gasoliña, inconvinte, estrano...

5. Castelhanismos

  • Fonéticos: (inexistencia dos fonemas /Ɔ/, /Ɛ/).
  • Léxicos: *Dios, *iglesia, *pueblo, *luna, *persona, *rodilla, *huevo, *embudo... *mortaxa, *cexa, *antoxo, *conexo...
  • Morfolóxicos: *a mel, *a sal, *a costume... *estos, *esos, *aquelos... *cuios, *quenes... *había feito... *anduven, *conduzco, *produxo, *anduvera... *casarse, *marcharse, *espertarse...
  • Sintaxe: *me dou conta do que pasou.
  • Ortográficos: *abogado, *abó, *armonía, *Kilómetro...

6. Lusismos

A semellanza das dúas linguas irmás fai que o portugués sexa unha fonte inestimable para subsanar as deficiencias léxicas do galego. Incorrectas a nivel oral e na lingua escrita: ele (el); até, proprio, frango (polo), presunto (xamón), comboio (tren); hoje, povo, nosso...

7. Anglicismos

O inglés relaciónase con progreso, modernidade, tecnoloxía avanzada... Nas mensaxes publicitarias, técnico-científicas e informáticas aparecen moitos anglicismos que debemos desbotar:

  • *vivenda de alto standing > vivenda de luxo;
  • *parking > aparcadoiro;
  • *show > espectáculo;
  • *best-seller > éxito;
  • *ranking > clasificación...
  • *ferry > transbordador;
  • *gasoil > gasóleo;
  • *vídeo clip > vídeo musical;
  • *walkman > cascos;
  • *long play > longa duración...
  • *chip > microprocesador;
  • *hardware > soporte físico...

Entradas relacionadas: