Frontes Atmosféricas e Aridez: Conceptos e Índices Climáticos
Enviado por Chuletator online y clasificado en Plástica y Educación Artística
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,56 KB
Frontes Atmosféricas
As frontes son zonas limítrofes entre dúas masas de aire de características dispares que, xeralmente, se desprazan unha cara á outra.
Frontes Cálidas
As frontes cálidas son aquelas nas que unha masa de aire quente, ao desprazarse, remonta unha masa fría. Adoitan levar aparelladas nubes de desenvolvemento horizontal e precipitacións persistentes, pero febles. Represéntanse nos mapas de presións como liñas con lóbulos de cor vermella.
Frontes Frías
As frontes frías son aquelas nas que unha masa de aire frío empuxa unha masa cálida, obrigándoa a ascender bruscamente. Adoitan traer consigo nubes de desenvolvemento vertical e precipitacións copiosas, pero de duración máis escasa. Represéntanse nos mapas de presións como liñas con dentes de cor azul.
Fronte Ocluída
Cando unha fronte se despraza detrás doutra, poden acabar por alcanzarse. Cando iso sucede, denomínase fronte ocluída e acaba coa disolución da fronte, ao equilibrarse a temperatura das dúas masas de aire lindeiras. Nos mapas de presións represéntanse con liñas nas que se alternan lóbulos e dentes.
Fronte Polar
A fronte que máis afecta á península é a fronte polar, que separa as masas de aire polar (frío) e subtropical (quente). Nos mapas obsérvase como unha sucesión de frontes frías e cálidas asociadas a borrascas (borrascas frontais).
Evapotranspiración e Aridez
A evapotranspiración é un concepto que tenta calibrar a cantidade de auga que, desde a superficie da terra, é devolta á atmosfera. Isto faise a través de dous procesos: a evaporación (o proceso polo cal a auga pasa de estado líquido a gasoso e ascende) e a transpiración (a expulsión de vapor de auga polos organismos vivos, sobre todo as plantas). A evapotranspiración depende de varios factores, como a temperatura, o vento e a humidade.
Relacionada coa evapotranspiración está a aridez. A aridez defínese como o déficit hídrico dun territorio. Dise que hai aridez cando a cantidade de auga precipitada é inferior á auga que é devolta á atmosfera pola evapotranspiración.
A aridez estímase mediante diferentes índices:
Índice de Martonne
(Para a definición da aridez dun clima).
Fórmula: Índice de aridez (Ia) = P / (T + 10)
- P = Precipitación total anual
- T = Temperatura media anual
Clasificación segundo o Índice de Martonne:
- Ia < 5: clima desértico.
- 5 < Ia < 10: clima estepario.
- 10 < Ia < 20: clima semiárido.
- Ia > 20: clima húmido.
Índice de Gaussen
(Para medir a aridez mensual).
Criterio de aridez: P < 2T
Un mes é árido se o valor das precipitacións non supera o dobre valor da temperatura media.
Índice de Lautensach-Mayer
(Relaciona aridez mensual e definición de clima).
Criterio de aridez: P < 30 mm
Un mes é árido se as precipitacións totais non alcanzan os 30 litros por m².
Clasificación climática:
- Clima húmido: ningún mes é árido.
- Clima semihúmido: a aridez non pasa dos tres meses.
- Clima semiárido: a aridez vai de catro a seis meses.
- Clima árido: a aridez supera os sete meses.