Fortuna, Providencia e Razón na Historia: unha Análise
Enviado por Patricia y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en gallego con un tamaño de 19,99 KB
Historia e Finalidade
5.1. A Fortuna na Historia e a Historia Providencia
a) A Fortuna na Idade Antiga
Durante a Antigüidade greco-romana, a historia aparece a miúdo dominada polo destino e, polo tanto, procúrase adiviñalo interrogando as profecías e os oráculos para guiar a conduta.
Con Heródoto a historiografía grega intégrase nunha concepción fortemente moral, que pretende encontrar a xustiza co auxilio dos deuses e evitar calquera forma de desorde.
- O destino determina non só a sorte dos homes senón a dos deuses como unha especie de poder sobrenatural que guía as vidas de calquera ser de forma necesaria e, a miúdo, fatal.
- Máis adiante, Polibio, na súa busca das causalidades dos acontecementos, dá unha intervención destacada á Fortuna da historia.
Para este autor a Fortuna exerce un poder case que absoluto que dá sentido e coherencia ao conxunto da historia. A Fortuna organiza todos os acontecementos nunha dirección única e obriga a todos os asuntos humanos a orientarse cara a unha única meta.
- Na concepción histórica de Polibio, a Fortuna ten incluso unha actividade consciente, racional e manifesta as súas emocións e os seus motivos de satisfacción ou descontento.
Posteriormente, na historiografía romana, a Fortuna, como no caso grego, inflúe de forma decisiva sobre o destino dos pobos que, a miúdo, non poden escapar das súas determinacións.
- Para Tito Livio o destino está na base do funcionamento do universo, e tanto os deuses como os homes están baixo a influencia dunha forza superior encarnada pola Fortuna da que son simples instrumentos.
Por outra banda, o historiador Tácito busca as causas que fan actuar aos homes, a miúdo sen sabelo, e a pesar do papel relevante que outorga aos homes cre na intervención decisiva dos deuses que se manifestan sobre todo nas cuestións humanas para castigar os actos inmorais e desencadean diversas calamidades calificadas de naturais.
- Para Tácito, a relación do destino é totalmente independente da vontade humana e representa unha lóxica inexorable e tráxica, aínda que este historiador recoñece a existencia de zonas de indeterminación onde o home pode intervir debido á súa liberdade.
- Precisamente para Tácito, a función do historiador consiste na investigación desa marxe de espazo libre, pero pechado dentro dos estritos limites da fortuna.
b) A historia providencialística na Idade Medieval
- Durante o período medieval as formas básicas de rexistro histórico son os anais e as crónicas. Os anais representan a forma máis rudimentaria de representación histórica e comprenden unha lista de datos e sucesos que non se intenta relacionar entre si como unha secuencia ou conxunto significativo. Por outra banda, as crónicas conteñen toda a información sobre o pasado e acadan gran coherencia ao centrar a súa atención sobre obxectos específicos como o reinado dun monarca.
- Tanto os anais como as crónicas da época medieval aparecen caracterizados pola frecuente intervención divina nos acontecementos humanos.
- Na sociedade europea occidental os clérigos ven na historia a realización dun plan xa determinado por Deus, converténdose a historia nunha teleoloxía estrita animada por consideracións morais como sucedía na Antigüidade.
- Esta historia sacralizada sitúa os historiadores na tensión permanente entre o recoñecemento do papel omnipresente de Deus e a admisión da liberdade humana.
- A historia providencialista inaugúrase con Eusebio de Cesarea (265-341) autor dunha Historia eclesiástica apoiada en documentos auténticos e que describe as persecucións dos primeiros cristiáns e a traxectoria da Igrexa ata a súa época.
- A renovación da vida durante a época de Carlomagno (século VIII), e os progresos da erudición dos monxes bieitos deron ao clero letrado un novo lugar na sociedade e un papel novidoso pola súa relación directa co poder político.
- Neste contexto multiplícase a escritura de gesta episcopurum (rexistro dos bispos). Este xénero cercano á xenealoxía pretende recordar as liñaxes episcopais e establecer a composición das familias dos bispos.
- A partir dos séculos IX e X os bispos prestan menor atención á historia e os mosteiros pasan a ser os principais centros historiográficos.
- A recopilación dos cartularios (colección de documentos orixinais recollidos nun só volume) polos monxes permite o progreso das técnicas de análise dos documentos así como a ordenación dos feitos mediante o establecemento de cadros cronolóxicos.
- Continuando coa concepción greco-romana da percepción inmediata, para a historia providencialista da época ver é saber, e por tanto, considérase que os mellores relatos proveñen dos testemuños presenciais.
- Como complemento da visión directa, o historiador dispón da tradición oral, da recopilación das testemuñas dos protagonistas dos feitos. Pero as fontes privilexiadas dos tempos medievais son as escritas e, sobre todo, a Biblia latinizada que pasa a ser fonte de inspiración constante e de numerosas citas.
- Aparte do recurso bíblico, o material de arquivos diversifícase e vólvese cada vez máis abundante grazas á utilización de cartas e correspondencia e á redacción de anais nos que se consignan os feitos cotiáns na súa sucesión cronolóxica.
- A historiografía que ata o século XIII é unha actividade case que monopolizada polos monxes dos grandes mosteiros, ábrese a un público máis amplo e urbano, e adquire un carácter máis laico desde os séculos XIV e XV.
- Como resultado do crecemento urbano e o desenvolvemento dos estados nos séculos XIV e XV, as administracións multiplican os depósitos de arquivos e comezan a clasificalos, o que beneficia aos historiadores.
- Agora ben, nesta época, en xeral, a historiografía continúa a ser un xénero menor auxiliar ao servizo de disciplinas consideradas fundamentais, sobre todo da teoloxía.
5.2. A Historia providencialista e a Razón na Idade Moderna
a) Historia e Providencia: Bossuet e Vico
- Durante a Época moderna a Historia Providencialista conta con dous representantes destacados: Bossuet e Vico.
- Jacques Bossuet (1627-1704) desempeñou altos cargos políticos e publicou con fins pedagóxicos en 1681 a súa obra Discurso sobre a historia Universal.
- Segundo Bossuet, a historia é froito da vontade divina e a tarefa do historiador consiste en narrar os designios da Providencia.
- O seu discurso sobre a historia Universal aparece divido en tres partes.
- En primeiro lugar, expón os períodos sucesivos comprendidos desde a creación ata o reino de Carlomagno desde a perspectiva dun destino providencial.
- En segundo lugar, o Discurso intenta demostrar o carácter uniforme da relixión e a súa continuidade desde a orixe do mundo.
- A terceira e última parte está adicada a trazar a historia dos imperios e a forma na que a Providencia regula a sucesión dos imperios.
- Para Bossuet toda a realidade histórica debe pregarse a este esquema providencial e, cando parece contradicir a súa lóxica, o que debe cuestionarse é a percepción humana a miúdo extraviada polas paixóns.
- Outro gran exaltador do providencialismo foi Giambattista Vico (1668-1744).
- Na súa obra Principios dunha Ciencia Nova aparecida en 1725 Vico intenta explorar a cultura do seu tempo e para isto emprega a historia como instrumento de coñecemento intelixible pois cada cultura soamente pode ser comprendida na súa época específica.
- A súa actitude mantén unha tensión constante entre, por unha banda, a preocupación por restituír a particularidade de cada sociedade que só o historiador pode establecer, e por outra banda, unha vontade de unificación da pluralidade no marco da Providencia.
- Vico ve a historia como a sucesión non lineal, nin cíclica senón espiral de tres idades da humanidade orientadas pola Providencia: a idade dos deuses, a idade dos heroes, e a idade dos homes que é a da ciencia e a filosofía.
- Na primeira etapa (idade dos deuses) aparecen a relixión, a familia e outras institucións básicas; na segunda (idade dos heroes) a sociedade é dominada mediante a forza pola aristocracia; na terceira etapa (Idade dos homes) os individuos, mediante a razón, rebélanse e logran a igualdade, pero no transcurso do proceso, a sociedade comeza a se descompoñer e retómase ao inicio do ciclo.
- Este esquema da historia mostra un relativo progreso: os patróns de comportamento colectivo repítense pero en cada ciclo prodúcese unha certa melloría ou superación do estado anterior. Calquera avance que se dá na historia non é intencional senón providencial. A Providencia garante que a colectividade siga o camiño que deba seguir.
- Para Vico, a historia responde, en última instancia, aos designios da Providencia.
b) Kant e a idea dunha historia cosmopolita
- A filosofía da Ilustración defende o carácter racional do proceso histórico cara a unha sociedade máis perfeccionada e prescinde da idea dunha Providencia actuante na historia.
- A clave desta reflexión é a marcha continua cara a un maior progreso dentro do proceso gradual de emancipación da humanidade.
- Este é o sentido fundamental da concepción da historia de Emmanuel Kant (1724-1804) que desenvolve principalmente na súa obra Ideas para unha historia universal en clave cosmopolita publicada en 1784.
- Kant elabora un concepto da historia universal que toma como modelo as ciencias da natureza. A historia cosmopolita kantiana concíbese como un sistema de corpos celestes e a súa referencia é o modelo astronómico.
- Pero Kant asigna á historia da humanidade unha dirección que é a da realización progresiva do dereito e o perfeccionamento da humanidade.
Segundo Kant, a natureza ou Deus guían o home polo camiño da historia. Pero para evitar o desencadeamento das paixóns e para garantir a existencia dunha sociedade reguladora, o home recorre ao dereito, único factor capaz de impedir a alteración da liberdade dos demais.
- Kant elabora unha concepción sobre a historia desde unha perspectiva teleolóxica e cosmolóxica que ten ao cidadán como protagonista fundamental e na que o cosmopolitismo non se opón ao nacionalismo senón que procura articular ambas dimensións.
c) Hegel e a Razón na Historia
- Hegel (1770-1831) é o primeiro filósofo en colocar a historia no centro da súa reflexión e substitúe a historia lineal do progreso por unha filosofía da contradición.
- Sobre a base do postulado de que o real é racional e todo o real é racional Hegel considera que a razón goberna a historia e que a historia universal se desenvolve racionalmente.
- Todo movemento histórico está atravesado por unha contradición interna que lle dá o seu carácter singular, ao mesmo tempo que prepara a súa superación potencial nun novo momento.
- Así, Hegel afirma que o espírito particular dun pobo pode declinar ou desaparecer pero constitúe unha etapa na marcha xeral do Espírito do Mundo e este non desaparece.
- Os homes cren facer a súa historia cando en realidade os individuos non poden impedir que suceda o que deba suceder. O paso sucesivo das diferentes civilizacións é considerado por Hegel como unha parte do movemento do Espírito obxectivo.
- Para Hegel o Estado representa o estadio último do Espírito obxectivo e a etapa do proceso de adquisición da liberdade.
- Para algúns autores a filosofía hegeliana da historia é a negación da continxencia, isto é do non necesario, pois os acontecementos históricos están indisoluble ou necesariamente vinculados uns a outros. Pola contra outros autores consideran que a continxencia ocupa un lugar eminente na obra Hegel e rexeitan o suposto determinismo hegeliano.
- En todo caso, o pensamento hegeliano sobre a Historia posúe unha enorme importancia porque desde o momento da súa formulación pasou a constituír unha das bases que posibilitarán o desenvolvemento do discurso histórico moderno dominante no século XIX e boa parte do XX.
5.3. O Materialismo histórico
a) Marx e a Historia
Marx e Engels establecen na obra A ideoloxía alemá (1846) as bases iniciais da súa concepción do materialismo histórico.
- Nesta obra os autores fan da actividade real, do traballo do home o elemento constitutivo das súas relacións co mundo.
- Para Marx, o traballo é o elemento diferenciador da especie humana con respecto á natureza; dese xeito, a produción mesma e as relacións sociais de produción son as chaves para comprender o proceso histórico.
- A historia é o resultado dunha dialéctica de transformación das relacións sociais de produción e as forzas produtivas que constitúen en conxunto o que este autor denomina un modo de produción.
- Nunha fase do seu desenvolvemento as forzas produtivas entran en contradición coas relacións sociais de produción existentes, é dicir, as formas de propiedade convertidas en obstáculos para o desenvolvemento das forzas produtivas, iniciándose entón unha época de revolución social.
Para algúns autores que realizan unha lectura economicista das concepcións de Marx sobre as sociais consideran que as instancias supraestruturais político-xurídicas e ideolóxicas da sociedade son un simple reflexo da actividade da infraestrutura económica. Outros autores, pola contra, destacan a autonomía que a instancia político-xurídico e ideolóxica mantén con respecto á base económica.
- Nas obras nas que Marx realiza unha análise concreta de determinadas situacións históricas é posible observar as diferenzas entre a temporalidade política e económica, así como a correlación entre intereses de clases e loitas políticas.
- Marx recoñeceu non ter inventado a noción de loita de clases estimando que a principal aportación da súa concepción da historia foi, por unha banda, demostrar a existencia de clases vinculadas a certas loitas históricas ligadas ao desenvolvemento da produción; e, por outra banda, sinalar que a loita de clases conduce necesariamente á ditadura do proletariado e que esta ditadura constitúe unicamente un período de transición cara a supresión de todas as clases e a constitución dunha sociedade comunista.
b) A teleoloxía histórica marxista
- Para moitos pensadores a concepción histórica de Marx non deixa de representar unha forma de pensamento teleolóxico que adopta a forma dunha profecía case que relixiosa orientada á desaparición da sociedade de clases e a construción do comunismo.
- Para Marx existe un fío condutor que fai intelixible o proceso histórico que leva a humanidade desde a prehistoria pasando por varias etapas ata chegar ao estadio final da sociedade comunista.
- Esta teleoloxía histórica que postula que todo está rexido pola finalidade está moi presente nos primeiros escritos de Marx, e, aínda que parece atenuarse nas súas obras posteriores, non desaparece totalmente porque é o punto de apoio da práctica política marxista.
- Para o posmodernismo historiográfico o marxismo constitúe unha modalidade do que se denomina gran relato pois defende unha concepción teleolóxica dunha historia orientada cara a un fin determinado, a sociedade sen clases.
5.4. O final da Historia
a) A idea do final da historia en Kojève
- Hegel menciona o famoso tema do fin da historia ao terminar a súa obra Fenomenoloxía do Espírito, non como un estado último da historia, senón no sentido de que o saber absoluto pon fin á historia ideal da conciencia.
- Noutras obras Hegel afirma que a historia vai do leste ao oeste pois Europa é o seu termo, e Asia o seu comezo. Tamén afirma que a súa propia época representa o último estado da historia.
- Esta cuestión do fin da historia foi obxecto de numerosas lecturas contraditorias por parte dos seguidores de Hegel.
- Un destes intérpretes, Alexander Kojève, defendeu durante a década dos trinta do século XX a idea do fin da historia sobre a base da súa lectura da Fenomenoloxía do Espírito, aínda que fai unha interpretación peculiar e moi libre de Hegel transformando a filosofía en antropoloxía.
- De acordo co seu hegelianismo antropolóxico, Kojève pensaba que a condición humana era unha fonte de enerxía para a dinámica histórica, e cría que os seres humanos non estaban motivados pola razón senón polo desexo de ser recoñecidos polos outros.
- Kojève distinguía dous tipos de axentes históricos: os amos e os escravos. Os amos eran aqueles que, na súa loita polo recoñecemento por parte dos outros, estaban dispostos a enfrontarse á morte. O resto, isto é, a maioría dos seres humanos eran escravos que elexían a autopreservación.
- A loita mestre-escravo constituía o centro da historia: o mestre loita pola xerarquía e o escravo pola igualdade. Kojève pensaba que a dinámica histórica culminaría co triunfo dos escravos.
- Kojève dá unha nova forma á versión hegeliana da teoría do progreso e considera o saber absoluto como o principal testemuño de que a historia está esencialmente terminada; pois co triunfo dos escravos e da ciencia desaparece a historia, a historia acaba por se deter.
- Para Kojève, o fin da historia marca o inicio dun home reconciliado plenamente coa Natureza, sen outro porvir que a perpetuación dunha vida natural esencialmente antihistórica, na que se preserva todo aquilo que fai feliz ao home (arte, amor, xogo, luxo...). O home permanece vivo en harmonía coa Natureza.
b) Fin da historia e democracia liberal: Fukuyama
- O libro de Francis Fukuyama O fin da historia e o último home aparecido en 1992 e inspirado na interpretación de Kojève do pensamento hegeliano, desatou unha ampla polémica e relanzou o tema do fin da historia.
- Fukuyama, seguindo a Hegel e Kojève, sinala que a historia constitúe un proceso unitario e coherente que ten como forza impulsora o desexo de recoñecemento que propicia a colisión entre as aspiracións dos homes movidos pola megalothymia (ambición de ser recoñecido como superior e propia das sociedades tradicionais) e os movidos pola isothymia (ambición de ser recoñecido como igual e propia das teorías e prácticas modernas).
- Fukuyama afirma que a historia como loita de ideoloxías xa rematou e fai da democracia liberal e do capitalismo a realización última do desenvolvemento da historia da humanidade, e a forma final de goberno humano.
- Agora ben, o fin que indica Fukuyama non é o da historia como sucesión de acontecementos senón o da Historia, é dicir, un proceso simple e coherente de evolución que tomaba en conta a experiencia de todos os pobos ao mesmo tempo.
- Fukuyama basea a súa demostración no concepto hegeliano de contradición e afirma que non hai contradicións fundamentais, capaces de producir unha situación histórica de natureza diferente do mundo liberal.
- A posmodernidade, marcada polo fin da historia xa non ten horizonte de expectativa e por iso o home moderno é, na opinión de Fukuyama, o último home.
- A maioría das reaccións á obra de Fukuyama foron negativas. Moitos pensadores rexeitaron a súa concepción dun final da historia e outros centraron as súas criticas na consideración de Fukuyama da democracia liberal e o capitalismo como o marco institucional final e universal da evolución da humanidade.