O Foro Galego: Estrutura da Propiedade, Rendas e a Cesión de Terras
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,59 KB
O Foro: O Sistema Predominante de Cesión da Propiedade en Galicia
O sistema predominante en Galicia era o foro, unha forma de cesión da propiedade que consistía en que o titular do dominio, o propietario (na maioría dos casos eran mosteiros ou tamén señores laicos e eclesiásticos), cedíalle unhas terras (con casa ou non) ao campesiño, fixando a duración da cesión e a renda que debía pagar por iso.
A División da Propiedade no Foro
No foro a propiedade queda dividida en dous dereitos distintos, creando unha relación de cuasipropiedade para o cultivador:
- O Dereito de Dominio Directo: Pertence ao que cede a terra (o propietario orixinal). Consiste no dereito a cobrar unha renda fixa.
- O Dereito de Dominio Útil: Pertence ao cultivador (o foreiro). Ten dereito a cultivala, a transmitila seguindo unhas normas, e mesmo a vendela, hipotecala, etc. É dicir, os foreiros son cuasipropietarios.
Duración da Cesión: De “Voces” a “Vidas de Reis”
A cesión da terra facíase tradicionalmente por “voces” ou “xeracións”. Por exemplo, se o foro se establecía a “3 voces”, a cesión da terra pertencía aos campesiños cos que se establecía o foro, aos seus fillos e aos seus netos. Pasados estes, os propietarios iniciarían un novo foro.
O Problema da Temporalidade e o Seguimento Familiar
O problema do foro era que se trataba dunha cesión temporal, aínda que de bastante duración. Cando un mosteiro facía un foro por voces, tiña que seguir a historia familiar de cada explotación para saber en que voz se atopaba. Este seguimento familiar era complexo, tendo en conta a amplitude das cesións e mesmo a ocultación das familias.
O Cambio de Sistema no Século XVII
Esta complexidade fixo que se optase por cambiar o sistema de cesión da terra por “voces” a un sistema de cesión da terra por “vidas de reis”, máis frecuente a partir do século XVII. Deste xeito, os propietarios controlaban moito mellor a duración dos foros que cedían. Por isto tamén coinciden os conflitos cos foros coa morte dos reis.
As Rendas do Foro
As rendas do foro normalmente estipúlanse en especie. Era unha renda fixa en especie, de cereais ou viño, á que podían engadirse porcos, capóns, etc. Ademais, o foreiro tiña que trasladar a renda a onde se lle indicara para aforrar custos de transporte aos señores.
Características dos Pagos
Normalmente na época moderna as rendas eran fixas e eran fixadas en partes proporcionais, ademais de ser pagos anuais. De aí que os campesiños xa soubesen o que ían pagar e os rendistas o que ían recibir.
Importante: Se o foreiro pasaba dous anos sen pagar o foro, este perdía validez. Ademais, a renda era independente da colleita.
Rendas Proporcionais
Se a renda era proporcional, o rendista tiña que vixiar a colleita. As rendas proporcionais, frecuentes na Idade Media, só se mantiveron nas comarcas vitícolas e nalgunhas do litoral na época moderna.
O Foro fronte ao Arrendamento
A proba de que o foro daba moitos dereitos ao campesiño témola no Catastro de Ensenada, onde os que declaran as terras son os campesiños (os que teñen os dereitos útiles).
Mentres que cando as terras son arrendadas (un período máis curto, sen transmisión nin venda), decláraas o propietario, xa que o campesiño non posúe o dominio útil.