O Formalismo Moral de Kant: Razón, Deber e Autonomía

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,23 KB

O Formalismo Moral:

Buscar unha definición de ser humano implica contestar as cuestións: Que podo saber? Que debo facer? E que me está permitido esperar? Para levar a cabo este proxecto, Kant recoñece, desde o seu punto de vista de filósofo ilustrado, como único instrumento a razón. A importancia que Kant lle dá á razón móstrase no seu antimilitarismo e na defensa da Revolución francesa. A ética de Kant recibe o nome de ética formal.

A Razón Práctica e a Ética Formal

Kant analiza o uso práctico da razón, pretendendo dar resposta á segunda das súas grandes cuestións: Que debemos facer? Para este filósofo, o coñecemento humano explícase desde a forma de coñecer da razón (teórica), máis que desde o contido do coñecemento, pois este, en canto que dependía da experiencia, non podía achegar universalidade nin necesidade ao coñecemento. De igual maneira, a moral non vai encontrar o seu fundamento no contido das accións, como sosteñen as éticas materiais, senón na forma de actuar que a razón (práctica) dita á vontade. Nisto consiste a ética formal de Kant.

Crítica ás Éticas Materiais

Segundo Kant, as éticas materiais, en canto que fundan a obriga moral nalgún contido que necesariamente ten que ser empírico, é dicir, que só se pode coñecer a súa bondade pola experiencia, son insuficientes. Kant está convencido de que se o ser humano reflexiona profunda e seriamente e non se deixa levar por inclinacións e intereses, terá que xulgar que a única cousa boa en si, prescindindo das pretensións e os resultados, é a boa vontade.

A Boa Vontade e o Deber

Kant avoga por unha ética da vontade. O ben terá que definirse, non polo que se efectúa ou realiza, non polas consecuencias, senón polo “querer”. Non se trata dunha ética da mera intención, pois “a boa vontade” non debe entenderse como mero desexo, senón como o acopio de todos os medios que están no noso poder para realizar o querer da vontade. O moral non depende do obxecto proposto, nin dos efectos conseguidos, senón que depende da boa vontade, do “querer da vontade”. Non depende do que se quere, nin do conseguido polo querer, senón da FORMA de querer unha boa vontade.

A boa vontade é aquela que actúa por deber, e o deber non se define por ningún contido material, senón que o deber é o cumprimento da lei, lei que con carácter universal e necesario, que dita a razón práctica. Así, a vontade, é aquela que, como razón práctica, é capaz de presentar un deber que se manifesta como lei universal e necesaria para toda razón, expresado como lei incondicionada, debe someterse, polo tanto, a esa vontade.

A Razón Pura e a Lei Moral

Só o deber pode ser ditado pola razón pura, á marxe de toda experiencia. Agora ben, toda a Natureza está sometida a unhas leis, só o ser humano como ser racional é capaz de acomodar a súa conduta á representación da lei que o obriga. Só o ser racional é capaz de facerse cargo da lei que ten que cumprir. Aínda que a razón presenta o que é obxectivamente bo, o ser racional, a vontade, non está exclusiva e totalmente determinada pola razón (pola lei da razón), hai inclinacións, gustos... é dicir, aspectos subxectivos que tamén inflúen na vontade e que poden apartar a esta daquilo que a razón presenta como bo. A razón presenta aquilo que é bo como un “deber”, isto é, como un imperativo.

Tipos de Imperativos

Os imperativos son as fórmulas que expresan o mandato da razón. Os imperativos poden ser de dous tipos:

  • Imperativos Hipotéticos: utilizados nas éticas materiais; son aqueles que ordenan unha acción como boa para conseguir algún propósito. O seu valor radica no fin que pretende alcanzar.
  • Imperativos Categóricos: son aqueles que mandan unha acción como boa en si, e, por tanto, como necesaria, sen referencia a outro fin ou propósito. Son leis universais e necesarias. Este é o imperativo da moralidade formal kantiana.

O Imperativo Categórico

O imperativo categórico é o único que se expresa en LEI práctica, en lei da vontade. Kant propón varias formulacións deste imperativo categórico. As dúas máis importantes son:

  1. “Actúa sempre de tal maneira que a máxima que dirixe a túa vontade poida ser convertida en lei universal”. Isto supón que non debemos facer a outros o que non queremos que nos fagan a nós.
  2. “Actúa sempre de tal maneira que non consideres a ningunha persoa como medio para alcanzar algo, senón como un fin en si mesma”. Non se pode facer das persoas un obxecto de poder ou interese algún.

Autonomía e Liberdade

Unha acción boa será a realizada por unha vontade boa. Esta é sempre unha vontade autónoma. A Ética Kantiana é unha ética do deber. A acción ten en si mesma o principio da súa xustificación, levándonos a concibir a súa propia autonomía, xa que a vontade racional ten a capacidade de lexislar universalmente. Desta maneira, a verdadeira moralidade queda así identificada coa liberdade. As éticas materiais son heterónomas xa que a vontade busca a lei fóra de si mesma.

Entradas relacionadas: