Fomento da Autoestima e o Respecto na Aula: Estratexias para un Aprendizaxe Positivo
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 4,41 KB
Animar ó alumno sen necesidade de facer xuízos sobre o que fixo. Pero os alumnos tamén teñen que aprender que por fallar en algo non se acaba o mundo. Por iso é moi importante ter en conta e destacar o esforzo dun alumno aínda que as cousas non lle saian ben.
Respecto
Unha forma básica de mostrar respecto é aceptar as decisións do alumno, cando se lle ofreceu unha elección válida. O alumno tamén se sente respectado cando o mestre/profesor lle pide a opinión e escoita as súas respostas con atención. Preguntas como: “¿Pensas que deberiamos...?” poden contestalas incluso alumnos moi pequenos.
Outra forma sería evitar humillalo en calquera situación, pero especialmente diante dos outros. Explicar a razón de cada regra ou norma é outra forma de mostrar respecto. Hai estudos que demostran que alumnos cunha alta autoestima teñen pais moi firmes no control que exercen nos seus fillos, pero dedican bastante tempo a explicar as razóns das súas accións. Este tipo de acción é respectuosa pois considera que o alumno é o bastante importante como para merecer unha explicación e o suficientemente intelixente para entendela.
Tampouco hai que esquecer que os alumnos son moi conscientes do que o mestre/profesor pensa da súa familia. Mostrar respecto consistiría, entre outras cousas, evitar comentarios negativos, escoitar e atender calquera demanda dun dos seus membros, etc.
Mensaxes Adecuadas Durante a Realización dunha Tarefa
Antes de empezar unha tarefa, ó alumno débenselle dar pautas de como realizala pero dirixidas ó proceso máis que ós resultados. Durante a realización a mensaxe debe ir encamiñada á busca e comprobación de posibles medios para superar as dificultades, deixándolle ver, se é posible, que a realización por pasos pode levalo a un final exitoso. Despois da tarefa, informar ó alumno con honestidade, tanto do correcto como do incorrecto da súa realización pero centrándose no proceso seguido e no que aprendeu, tanto nun caso como no outro.
Avaliación do Alumno con Criterios Positivos
O alumno debe ser comparado, se é o caso, consigo mesmo e non con outros alumnos, á hora de avaliar as súas realizacións. A avaliación ten que ser un instrumento máis para que o alumno poida aprender dela, pero non para despersonalizalo.
Para que estes principios se concreten na práctica, a avaliación debe ser considerada de tal forma que:
- O mestre/profesor, no momento de comunicarlle os resultados ó alumno, incida máis nas posibilidades do alumno, con mensaxes estimulantes, que na cualificación en si.
- Se deseñe un modelo de avaliación no que importe menos “cualificar e clasificar” ó alumno que coñecer os seus progresos, e se estes parecen inadecuados tratar de determinar as causas.
- Se potencie a información cualitativa, evitando, no posible, a información cuantitativa, de tal xeito que a primeira mensaxe que reciba o alumno faga referencia ó que aprendeu, sen deixar de informarlle de que debe corrixir e aprender.
Quizais poderiamos resumir este apartado cun parágrafo de Fernández Torres (1991) que, ademais de destacar a importancia de facerlle chegar ó alumno a idea de que sempre merece confianza e respecto, fai fincapé en que a mellora do rendemento académico é clave para mellorar a autoestima dos alumnos que manifestan ter unha pobre valoración de si mesmos como estudantes, xa que toda mellora no rendemento académico reflíctese nunha mellora da autoestima.
¿Por que deben de ter en conta os sentimentos no currículo?
“Con moita frecuencia confundimos os síntomas do estrés, mal dominado nos nenos, cunha conduta inapropiada que se debe corrixir” (Linda Lantieri).
Unha enquisa elaborada nos Estados Unidos preguntáballe a 875 nenos, entre 9 e 13 anos, sobre que lles producía estrés e cales eran as estratexias que seguían para facerlle fronte. Segundo as súas respostas, eran tres as principais fontes de estrés:
- As notas, o colexio e os deberes (36 %).
- A familia (32 %).
- Os amigos, os compañeiros, os comentarios e as burlas (21 %).