A Filosofía Política de Platón: O Estado Ideal e a Xustiza no Teeteto

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,31 KB

Contexto e Obra: O Teeteto de Platón

Este texto pertence ao libro Teeteto, unha obra escrita por Platón que consiste nun diálogo que trata sobre a natureza do saber. No fragmento fálase sobre como as concepcións de leis nunha sociedade dependen do acordo desta nun momento determinado, pois cambian dependendo da opinión do pobo.

Biografía e Influencias do Autor

Platón é coñecido como un dos filósofos gregos máis importantes e influentes de toda a historia. Naceu en Atenas a finais do século V a.C. e foi o alumno máis destacado de Sócrates, do que recibiu unha gran influencia que se pode ver en que moitas das súas obras, especialmente as primeiras, fanse a modo de diálogo socrático. Fundou a Academia de Atenas, a cal foi un importante centro científico e do saber ata a súa clausuración no século VI d.C. Platón instruíu a grandes filósofos como Aristóteles e é autor de obras fundamentais como Parménides, A República, Apoloxía de Sócrates e Gorxias, entre outras.

A Filosofía Política e a Concepción do Estado

Este texto identifícase dentro da filosofía política, polo que cabe explicar primeiro a concepción política que tiña Platón. Ao nacer en Atenas, Platón xa coñecía de antemán a idea da democracia como forma de goberno. Porén, Platón non estaba de acordo cos sofistas gregos e coa súa teoría do convencionalismo, que postulaba que as leis non son algo natural, senón que son froito do acordado entre os membros da sociedade e que son variables en función do que se acorde entre estes membros.

O Estado Ideal fronte ao Convencionalismo

Platón defendía un estado ideal e sostiña que as leis son algo natural que vai máis alá das nosas concepcións e que son inalterables. Para Platón, a virtude é a mellor cualidade do ser humano e a mellor virtude social é a xustiza, que só se pode acadar aplicando dúas condicións:

  • Educar á cidadanía.
  • Facelo de tal modo que o poder se recolla nos mellores.

Tamén para Platón hai unha relación na que o Estado e o individuo se esixen mutuamente para poder acadar o estado ideal: para o perfecto desenvolvemento dun individuo, este ten que se desenvolver nun estado perfecto e, para poder chegar a ese estado perfecto, ten que haber individuos virtuosos.

A Organización do Estado Ideal

Na organización deste estado ideal existen tres grandes bloques sociais:

  1. Os filósofos gobernantes: coa sabedoría como gran virtude que empregan para lexislar.
  2. Os guerreiros e gardiáns: coa virtude da valentía e a función da protección; ao igual que os filósofos, non poden obter bens materiais.
  3. Os produtores: coa virtude da temperanza, que atenden as necesidades básicas de toda a sociedade.

Obviamente, para que o estado ideal funcione, ten que haber un desempeño total de todas as partes co beneficio unicamente colectivo para toda a sociedade e non individual para lograr ter xustiza. Loxicamente, a educación é o fundamento do Estado, pois vai ser a encargada de que os diferentes membros da sociedade acaden un bo desenvolvemento das súas virtudes e para seleccionar aos mellores de cada campo para acadar o poder; deste xeito, acadarase o estado ideal para todos.

Reflexión Crítica sobre o Pensamento Platónico

Finalmente, vou mencionar a miña opinión acerca deste asunto. Non coincido na idea de Platón de que as leis aplicadas a unha sociedade son algo natural e inquebrantable, pois sempre, en todas as sociedades, se aplicaron en función de aspectos como a ética ou as concepcións colectivas concretas nese momento. Dependendo do marco no que se educase a esa sociedade, as leis resultantes poden variar moito, pois as concepcións son diversas.

Si que coincido en que os mellores para cada virtude deberían ser os que teñan o poder para intentar acadar un estado ideal, pero discrepo en que as leis resultantes deste sistema sexan inamovibles. O ser humano é un ser de constante cambio e adaptación que sabe aprender dos seus erros para mellorar. Por iso, penso que un sistema ideal sería un de transición das leis, adaptándose ás circunstancias e, por suposto, que esas leis sexan beneficiosas para toda a sociedade sen excluír ningún grupo, pois o que se busca é un avance colectivo. O máis importante é buscar o beneficio colectivo sen lucro propio.

En canto á organización da sociedade que establece Platón, discrepo en que debería haber máis grupos sociais e moitas máis virtudes. Tamén creo que os filósofos non deberían ser os únicos coa virtude da sabedoría, senón tamén os intelectuais cunha educación apropiada. Evidentemente, todos os grupos sociais deben estar ben formados, intentando sacarlle o máximo partido ás súas virtudes para lograr un maior avance colectivo. No proceso de educación tamén se lles aplicarían probas para seleccionar aos mellores como dirixentes, mais sen acumulación de poder para evitar un desequilibrio.

Entradas relacionadas: