A Filosofía Política de Aristóteles: Sociedade, Ética e Formas de Goberno

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,04 KB

1. A Concepción Aristotélica da Sociedade e o Ser Humano

Aristóteles, no seu libro Política, defende que os seres humanos somos sociais por natureza e só podemos desenvolvernos como persoas en convivencia cos demais. Esta concepción opoñíase á dos sofistas, que pensaban que a sociedade derivaba dun pacto inventado polos seres humanos para aproveitarnos das vantaxes que nos ofrece a vida en común. Para Aristóteles, a sociedade non é ningunha invención, senón que é unha necesidade básica da nosa natureza.

Como xa defendera Platón, Aristóteles tamén pensa que os seres humanos non somos autosuficientes, senón que necesitamos dos demais para poder sobrevivir (como podería sobrevivir un bebé recén nacido só e sen a axuda doutras persoas?). Debido a que o ser humano é un animal político (zoon politikón), temos a necesidade de relacionarnos cos demais. Por iso necesitamos a ética e a política, ambas moi relacionadas entre si.

  • A ética permítenos aprender a comportarnos adecuadamente na nosa relación cos demais, desenvolvendo as virtudes éticas e dianoéticas, para acadar mediante elas a felicidade.
  • A política permítenos determinar cal é a mellor forma de organizarnos como sociedade, é dicir, en que tipo de réxime político podemos ser máis felices (o fin do Estado é a felicidade e a perfección moral da cidadanía).

2. As Formas de Goberno Segundo Aristóteles

Mentres que Platón intentou propoñer como debería ser unha sociedade ideal e perfecta, Aristóteles, que é máis realista, parte do estudo das distintas formas de organización social que realmente existen no seu tempo. Ao comparar os distintos sistemas de goberno que existían naquela época nas polis gregas, Aristóteles chegou á conclusión de que todos eses sistemas podían ser agrupados en dous grandes grupos:

  • Réximes políticos xustos: orientados ao ben común de todos os cidadáns.
  • Réximes políticos inxustos: que só atendían ao ben particular dos que tiñan o poder.

Dependendo do número de persoas que tiveran o poder, os réximes xustos podían ser:

  • Monarquía: o poder é exercido por unha soa persoa que busca o ben común.
  • Aristocracia: o poder recae nun grupo de individuos que buscan o ben común.
  • Democracia: o poder está en mans do pobo e este busca o ben común.

E os inxustos serían:

  • Tiranía: unha persoa, o tirano, ten o poder e úsao para buscar o seu propio beneficio.
  • Oligarquía: un grupo de persoas teñen o poder e buscan satisfacer os seus propios intereses.
  • Demagoxia: a maioría exerce o poder para beneficiarse a si mesma, sen preocuparse do conxunto de toda a poboación e podendo chegar a ser inxusto coas minorías.

3. O Estado Ideal e o Goberno Moderado

A diferenza de Platón, Aristóteles non cría que puidese determinarse unha forma ideal de goberno que fose válida para todos os Estados, pois para saber que forma de goberno é mellor, habería que estudar con detalle as características de cada territorio, da súa economía e da súa sociedade. Por iso, nalgunhas sociedades a mellor forma de goberno pode ser a monarquía, noutras a aristocracia, e noutras a democracia.

Lembremos que para Aristóteles non existe un sistema político ideal e que calquera réxime pode ser xusto se busca o ben común e non o ben particular dos que gobernan; é dicir, a meta da política é buscar a felicidade de toda a sociedade.

Con todo, se tivese que deseñar unha forma de goberno ideal, que fose mellor que as existentes, Aristóteles dá a súa opinión: trataríase dun Estado cun tamaño nin demasiado grande nin demasiado pequeno.

  • Se o territorio do Estado é moi grande, os cidadáns non se coñecen entre si e iso faría difícil gobernalo adecuadamente.
  • Se é moi pequeno, non tería o suficiente para abastecerse a si mesmo (non sería autárquico) e tería que depender doutros Estados.

O mellor réxime político sería aquel que tivera un goberno moderado, que tratara de evitar os excesos e favorecer que todos os seus cidadáns desenvolvesen as virtudes éticas e dianoéticas para acadar a felicidade. Para Aristóteles, o poder debería telo a clase media, xa que os ricos corren o risco de empregar o poder para enriquecerse aínda máis, e os pobres poden aproveitarse do poder para saír da pobreza quitando os bens aos demais. Como a clase media non é moi rica nin moi pobre, debería poder fuxir dos extremos e gobernar de forma xusta atendendo ao ben de todos.

Para Aristóteles, o tamaño óptimo do Estado sería o da polis grega, algo ao que se opuxo o seu discípulo, Alexandre Magno, ao defender o imperialismo que dará lugar á época helenística.

Entradas relacionadas: