Filosofía Moral de Kant: Razón, Deber e Ilustración no Século XVIII

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 8,58 KB

Introdución: Kant e o Século das Luces

Este texto pertence ao formalismo moral, obra de Immanuel Kant, filósofo alemán do século XVIII. Neste século xorde un movemento cultural, a Ilustración, que pretende clarificar todos os aspectos da vida. Coñécese como o Século das Luces xa que pretendía levar a cultura a todas as clases sociais.

Contexto Histórico do Século XVIII

Contexto Político

Desde o punto de vista político, o século XVIII caracterízase por unha época de revolucións que provocaron cambios políticos en Europa. Así, por exemplo, destaca a decadencia de España que provoca un enfrontamento entre Francia e Inglaterra para incrementar o seu poder, conflitos entre estados polo auxe do absolutismo, en Inglaterra constitúese unha monarquía parlamentaria, e prodúcese a independencia dos Estados Unidos de América. Pero o feito máis destacable foi a Revolución Francesa en 1789 co ascenso de Napoleón ao poder.

A burguesía vai acumulando cada vez máis poder fronte aos estamentos tradicionais da sociedade, consolidando o réxime liberal burgués nun enfrontamento claro coas monarquías absolutas que eran tendencia en Europa. Esta necesidade de cambio que se plasmou en Francia coa revolución pronto contaxiaría o resto do continente.

Contexto Cultural: A Razón Ilustrada

Culturalmente, caracterízase por deixar atrás unha sociedade chea de superstición e de medos, e por unha necesidade de que o coñecemento e a crítica abarquen todos os aspectos da vida dos homes. Nin sequera a relixión será capaz de escapar desta crítica, xa que a base deste movemento é a forza da razón como único motor de cambio na vida do home, que xa non ten medo e non se deixa dominar por dogmas relixiosos e sociais.

A característica da razón ilustrada é a crítica: crítica aos prexuízos que a paralizan, crítica á razón que nos afixia. A pesar disto, a razón ilustrada é unha razón tolerante.

Características da Razón Ilustrada

  • Carácter Analítico: A razón non está formada por un conxunto de ideas innatas, senón que será entendida como unha capacidade para chegar a un coñecemento tomando como punto de partida a experiencia.
  • Secularización Total: Destaca a secularización total de todos os aspectos da vida, facendo que as cuestións de fe se sometan ao imperativo da razón.

A pesar de que Kant se formou coas ideas racionalistas, a alma da Ilustración quedará plasmada en toda a súa obra. Así, en palabras do autor, a Ilustración trae consigo a saída do home da minoría de idade, é dicir, deixará a incapacidade de pensar por un mesmo. A frase “Sapere aude!” (Atrévete a saber/pensar) será o espírito da Ilustración.

O Formalismo Moral de Kant

Para Kant, o pensamento sobre o formalismo moral e a actividade racional e humana non se limita ao coñecemento de obxectos. O home necesita tamén coñecer como debe obrar. A razón humana posúe dúas funcións diferenciadas:

  • Razón Teórica: Ocúpase de coñecer como son as cousas.
  • Razón Práctica: Ocúpase de coñecer como debe ser a conduta humana (principios polos cales se debe rexer o obrar do home).

Éticas Formais vs. Éticas Materiais

A ética de Kant é unha ética formal. Son éticas materiais aquelas para as cales a bondade ou maldade da conduta depende de algo que se considera ben supremo para o home. Toda ética material comeza por determinar cal é o ben ou fin último do home, e unha vez establecido, di que se debe facer para conseguilo. Os actos serán bos cando nos acheguen a tal ben e malos cando nos afasten del.

Crítica de Kant ás Éticas Materiais

Para Kant, as éticas materiais non poden dar lugar á formulación de leis universais e necesarias. Para determinar cal é o ben supremo para o home, as éticas materiais recorren á experiencia, e non poden dar lugar á formulación de leis universais. Kant considera que os mandatos morais deben ser universais e necesarios, deben ser válidos independentemente da experiencia (o mandato “hai que dicir a verdade” seguirá sendo verdade aínda que ninguén a diga).

Ademais, os preceptos das éticas materiais presentan as seguintes características:

  1. Hipotéticos: Non valen absolutamente, senón dun modo condicional, como medios para seguir un fin. Tamén por este motivo, a ética material non pode ser universalmente válida.
  2. Heterónomos: É o contrario a autónomo. Esta heteronomía consiste en recibir a lei desde fóra da propia razón, porque a vontade é determinada a actuar dun modo ou outro polo desexo, e non pola razón.

Así pois, as éticas materiais son empíricas e hipotéticas.

A Ética Formal Kantiana

Polo contrario, a ética kantiana é unha ética baleira de contido, unha ética formal (non di o que se debe facer, limítase a como se debe obrar sempre). Os seus imperativos son absolutos ou categóricos, é unha ética autónoma. Esta ética formal limítase a determinar como temos que obrar sempre. Un ser humano actúa moralmente cando actúa por deber.

A Boa Vontade e o Deber

O valor moral non depende para Kant do obxectivo proposto, nin dos efectos conseguidos, senón da boa vontade. Esta boa vontade, di Kant, é aquela que actúa por deber. O deber é o sometemento á lei, non por buscar a propia satisfacción, senón por respecto á lei mesma. Para que unha acción teña valor moral non basta con que sexa conforme ao deber, debe ser feita por deber.

A autonomía da vontade é para Kant o fundamento da dignidade de todo ser racional.

Os Imperativos Morais

Segundo Kant, a vontade humana está tamén baixo a influencia doutros impulsos. Por este motivo, a lei moral preséntase como un mandato. Mentres os imperativos hipotéticos ordenan a acción como boa para un fin, os imperativos categóricos mandan a acción como boa en si mesma, sen relación con outro fin.

O imperativo moral só pode ser un imperativo categórico xa que só este ten un carácter universal e necesario. Por exemplo, dado un imperativo hipotético: “Se queres ter éxito na vida, debes traballar con dureza”. Se non aceptas o propósito, non se busca o éxito.

Formulacións do Imperativo Categórico

Kant ofrece varias formulacións do imperativo categórico:

  1. “Obra só segundo unha máxima tal que poidas querer ao mesmo tempo que se tome universal.”
  2. “Obra como se a máxima da túa acción debese tomarse, pola túa vontade, como lei universal da natureza.”
  3. “Obra de tal modo que utilices a humanidade, tanto na túa persoa como na persoa de calquera outro, sempre como un fin e nunca meramente como un medio.”

Este imperativo non establece ningunha norma concreta, senón que debe ter calquera forma concreta. A primeira formulación di que a máxima da acción debe ser tal que poida quererse como lei universal. A segunda formulación di que a máxima poida incluso tomarse como lei da natureza. A formulación terceira deste imperativo categórico di de maneira que o uso que se faga, tanto dun mesmo como dos demais, sexa sempre cun fin en si mesmo. Por exemplo, o home que se suicida para escapar dunha situación dolorosa, estase utilizando a si mesmo como simple medio para outro fin, o de evitar o sufrimento.

Influencia Posterior de Kant

Finalmente, Kant foi un pensador de gran influencia posterior. Así, o Idealismo Alemán, que ten en Hegel o seu maior representante, partiría do papel que a filosofía kantiana outorga ao suxeito do coñecemento. En xeral, pódese percibir a súa influencia en todas as correntes contemporáneas da filosofía, en canto á súa liberdade e á súa autonomía moral. Por outro lado, destaca o intento da ética kantiana de atopar principios universais e a oposición á consideración dos seres humanos como medios e non como fins en si mesmos.

Entradas relacionadas: