Filosofía Helenística: Transición e Legado no Mundo Antigo
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,11 KB
O Tránsito Cara o Mundo Helenístico
A mediados do século IV a.C., o reino de Macedonia constituía unha pequena pero poderosa potencia. Os seus monarcas comezaron un proceso de expansión que culminaría nun grande imperio, o Imperio Macedónico, que acabaría sometendo á democrática Atenas, xa debilitada. A vida de Aristóteles transcorreu entre estes dous mundos en constante conflito. Aristóteles era un home que se atopaba moi próximo ó poder macedónico, pero que se formou intelectualmente en Atenas, onde acudiu como alumno á Academia de Platón e logo formou a súa propia escola, o Liceo. A súa obra veríase fortemente influenciada polo seu mestre Platón, pero acabaría distanciándose del e formulando as súas propias teorías.
Recibe o nome de filosofía helenística a filosofía desenvolvida despois de Aristóteles, durante o Helenismo. A conquista de Grecia por Alexandre Magno terminou coa independencia das Polis gregas. Agora os cidadáns das Polis xa non viven nunhas comunidades nas que se pode participar activamente. Esta falta de arraigo na cidade reflectirase en varios aspectos da filosofía helenística:
- Cosmopolitismo: A superación do provincianismo mediante a reivindicación do mundo enteiro como patria.
- Individualismo: A crenza de que a felicidade do individuo non coincide necesariamente co ben do Estado e a comunidade no seu conxunto. Este individualismo está moi lonxe dos ideais morais e políticos da época clásica.
As Escolas Éticas Atenienses e o Helenismo Científico Alexandrino
O pensamento helenístico segue dúas vías principais:
- As escolas éticas atenienses: As preocupacións filosóficas fundamentais refírense a cuestións morais e á felicidade. O tema constante é o ideal do sabio (quen sabe vivir ben)
- Epicureísmo: Epicureo, o fundador desta escola, resalta a importancia do corpo como fundamento da existencia e afirma que a felicidade do home consiste no pracer, baseado na evitación da dor mediante a moderación dos desexos.
- Estoicismo: Os estoicos entenden a liberdade como a aceptación do que é inevitable. Esta aceptación sitúanos nun estado de ánimo que denominan apatheia, e que consistiría na evitación da paixón e dos desexos que tentan opoñerse ao inevitable.
- Escepticismo: Os escépticos parten da idea de que non podemos coñecer a realidade. Non se pode coñecer o que son as cousas en si, e o máis aconsellable é absterse de facer calquera xuízo, pois non hai nada falso nin verdadeiro.
Helenismo Científico Alexandrino
O interese científico polo mundo derivado do Liceo de Aristóteles trasladouse nesta época á cidade de Alexandría. Alí as ciencias tal e como as entendemos hoxe independizáronse da filosofía. O estudo das matemáticas tivo unha importancia enorme. Estes estudos favoreceron o coñecemento da astronomía. Espertouse un novo interese científico por coñecer a Terra. Tamén se fixeron estudos no campo da medicina e das ciencias naturais.