A Filosofía da Autonomía: A Maioría de Idade da Razón Segundo Immanuel Kant

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,36 KB

A IDEA KANTIANA DA ILUSTRACIÓN

Kant fixo seus os principios impulsores da Ilustración e, ao repensalos desde a súa filosofía, enriqueceunos e afondounos. A idea kantiana da Ilustración aparece reflectida no seu artigo “¿Que é a Ilustración?”.

A Ilustración como Idade da Razón

A Ilustración é a “idade da razón”, unha razón liberada de autoridades, tradicións e imposicións externas. Kant asume estes ideais ilustrados, apostando por unha razón crítica e autónoma, que permitirá a todos os seres humanos saír do que chama “minoría de idade”.

Minoría de Idade: A Culpabilidade do Home

Esta expresión fai referencia á incapacidade de servirse do propio entendemento, buscando a seguridade en algo exterior ao propio suxeito, deixándose tutelar por outro. Para evitar isto, Kant convídanos a confiar na propia razón, sen outros límites que os que marque a súa propia natureza. Este atrevernos a utilizar a propia razón é o que Kant chama “maioría de idade”.

É importante recalcar que Kant culpabiliza ao propio home da súa “minoría de idade”; é culpable por non ter o valor suficiente para saír desta situación. As causas principais son:

  • A preguiza.
  • A covardía.

Estes factores fan que gran parte dos seres humanos prefiran seguir tutelados antes de exercer libremente a propia razón, xa que lles resulta máis cómodo deixar que outros os guíen. Ademais, aqueles titores que collen esa carga xa se aseguran de que gran parte dos seres humanos consideren o feito de pensar como algo difícil e incluso perigoso. Desta maneira, os homes acostumáronse de tal xeito a esta situación que só uns poucos conseguiron saír dela a través do cultivo do espírito, sendo particularmente difícil para a maioría deles deixar as tutelas.

O Camiño cara á Ilustración Xeneralizada

Para que o uso da propia razón sexa algo xeralizado na sociedade, será necesario que ao home se lle dea liberdade, para que pouco a pouco se vaia ilustrando.

Reforma Gradual vs. Revolución

Kant di que este cambio nunca se podería levar a cabo mediante unha revolución, xa que así non se acadaría unha verdadeira reforma do xeito de pensar; moi ao contrario, novos prexuízos virían ocupar o lugar dos vellos e novos amos collerían a tutela intentando vingarse da situación anterior.

Para esta reforma gradual proposta por Kant, sería fundamental a liberdade de facer uso público da propia razón en todas partes, ou sexa, atreverse a opinar publicamente como cidadán sobre calquera tema de interese social.

Os eruditos teñen especial responsabilidade de opinar publicamente para que o resto do pobo se vaia ilustrando e tomando conciencia da necesidade de pensar por si mesmo.

Os Inimigos da Razón Autónoma

Para que isto sexa posible é necesario liberarse doutro inimigo: a coerción política. Os gobernantes deben deixar que o pobo poida facer uso público da súa propia razón.

Dous son, pois, os inimigos que nos impiden facer uso da nosa propia razón:

  1. A preguiza e a covardía.
  2. A coerción política.

Depende da nosa vontade liberarnos destes inimigos que nos limitan e adoptar unha postura crítica. Neste sentido, entende a Ilustración como un cambio de actitude: é máis importante querer coñecer que o coñecemento mesmo.

A Época de Ilustración

Kant remata o escrito advertindo que a súa época aínda non é unha época ilustrada, xa que aínda falta moito para que os homes se poidan servir libremente da súa razón, pero os atrancos para poder saír desta situación van sendo cada vez menos, polo que si se está vivindo unha época de Ilustración.

Destaca o papel que neste sentido está tendo o rei Federico de Prusia ao introducir a Ilustración no seu país e concédelle especial importancia ao feito de que non impoña ningún tipo de credo, deixándolle ao pobo total liberdade en materia relixiosa, xa que Kant considera que a imposición neste tipo de cuestións é especialmente daniña.

Entradas relacionadas: