A Filosofía de Aristóteles: Hilemorfismo e a Alma
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,93 KB
O Hilemorfismo: Concepto de Substancia en Aristóteles
O hilemorfismo, como aproximación ao concepto de substancia dende a física, rexeita a teoría das Ideas de Platón, pero non todo o que Platón entendía por Idea. Aristóteles segue sostendo que o universal ten algún tipo de realidade, coa diferenza de que non o concibe como algo transcendente, separado do mundo físico, senón como algo inmanente a este. A este universal Aristóteles denomínao forma, que xunto coa materia constitúe as cousas do mundo físico. Denomínase hilemorfismo a esta teoría aristotélica segundo a cal todo se compón de materia e forma.
A Materia Prima (Hyle)
Aristóteles chámaa materia prima e non materia a secas, para distinguir a pura materia desprovista de toda forma dos corpos materiais compostos de materia prima e forma. A próte hyle ten as seguintes características:
- É o substrato absolutamente indeterminado que entra na composición de todas as cousas físicas.
- É eterna: non naceu nin pode perecer.
- Agora ben, tal materia non existe independente da forma; os corpos máis simples que existen son, segundo Aristóteles, a auga, o aire, a terra e o lume; e tales corpos xa son un composto de materia e forma.
- É grazas a estaren compostos desta materia que os seres cambian.
- A materia primeira é, polo tanto, pura potencia.
- É un principio de individuación, é dicir, é a materia a que fai o individuo fronte á forma que fai a especie.
A Forma Substancial e a Esencia das Cousas
As formas veñen a ser un equivalente do que eran as Ideas para Platón. Ao igual que aquelas, son universais e eternas, e constitúen a esencia das cousas. Pero, a diferenza das Ideas, as formas aristotélicas están nas cousas mesmas e non son nada á parte da materia.
Aínda que, en xeral, Aristóteles denomina substancia ao composto de materia e forma, ás veces tamén denomina así á forma por si soa, e neste caso chámaa substancia segunda. A esta forma soa, ou substancia segunda, tamén a chama ás veces forma substancial, porque constitúe a substancia, e distínguea das formas accidentais que simplemente producen determinadas modificacións da substancia.
O Composto Humano: Alma e Corpo
No caso dos seres vivos, a forma é a alma, e dependendo do tipo de alma que teñan, terán unhas ou outras capacidades, o que nos leva a formular a cuestión da alma en Aristóteles. Os seres vivos caracterízanse por ter en si mesmos un principio vital, que os diferencia dos simples seres físicos. Tal principio radica na forma; é a forma á que Aristóteles chama alma.
Disto dedúcese que, para o noso autor, todos os seres vivos teñen alma, aínda que hai distintos tipos de alma e, por tanto, distintos tipos de vida. Así:
- Os vexetais: teñen alma vexetativa, que é o principio de nutrición, de crecemento e de reprodución.
- Os animais: teñen alma sensitiva, que dá vida ás sensacións, aos estados de pracer e dor, e aos desexos que impulsan determinados movementos.
- Os seres humanos: teñen alma racional, que ademais de cumprir as funcións da alma sensitiva, é principio de coñecemento racional e da vontade libre. O ser humano é o resultado da unión de corpo, que é material, e alma. É, pois, un composto hilemórfico.
Platón sostiña que a unión alma-corpo era meramente accidental; Aristóteles afirma, polo contrario, que dita unión é substancial, é dicir, alma e corpo únense para formar unha única substancia: o ser humano. Por outra banda, mentres Platón afirmaba a inmortalidade da alma, Aristóteles consideraba que a alma (incluso a humana) é corruptible como o corpo.