Figuras Clave e Obras Emblemáticas da Literatura Galega do Século XIX
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 4,21 KB
Rosalía de Castro: Pioneira da Literatura Galega
Nunha sociedade como a decimonónica, que lle reservaba ás mulleres unha función reprodutora e como coidadoras da familia, e que consideraba a lingua galega como un dialecto rústico impropio da cultura, o papel desempeñado por Rosalía de Castro foi admirable. A defensa continuada que fixo das mulleres na súa obra revélanos que a súa foi unha toma de posición consciente da problemática da muller.
A súa loita constante por querer ser escritora en galego, nun mundo de homes, fíxoa merecedora de múltiples desprezos naquela época e en posteriores. Neste sentido, converteuse nunha icona da rebeldía contra a sociedade patriarcal da época e en defensora dos dereitos lingüísticos e políticos do pobo galego.
Cantares Galegos (1863): Un Fito na Historia
Publicouse o 17 de maio de 1863 e constituíu un fito na historia de Galicia, pois inaugurou a literatura galega contemporánea. Cen anos despois, instaurouse esa data como o Día das Letras Galegas.
Está formado por 36 poemas nos que unha voz poética, na maioría dos casos identificada cunha rapaza, desenvolve un cantar popular que aparece ao comezo ou ao final de cada poema. Presenta unha estrutura circular, xa que no primeiro poema faise unha presentación dunha voz feminina á que a autora representa o pobo. No último poema, esta voz escúsase por ter cantado con pouca graza a moita formosura de Galicia.
Temáticas en Cantares Galegos:
- Costumista: Son poemas de carácter descritivo e narrativo nos que se recrean escenas cotiás da vida labrega e crenzas relixiosas dominadas pola superstición e a resignación.
- Amorosa: Son poemas nos que se expoñen, desde o punto de vista popular, conflitos acontecidos entre namorados.
- Intimista: Poemas nos que emerxe a visión pesimista do amor, a dor ou a saudade da propia Rosalía.
- Social: Son poemas de defensa da xustiza social onde se denuncia a emigración, o caciquismo ou a miseria dos labregos.
Manuel Curros Enríquez: Compromiso Político e Literario
Naceu en Celanova en 1851, onde pasou a infancia ata que os continuos conflitos co seu pai provocaron que marchase da casa para ir vivir a Madrid, onde moraba un irmán seu. Alí rematou o bacharelato e comezou a carreira de Dereito, que non chegou a acabar.
Nestes anos de Madrid participou activamente en ambientes universitarios e intelectuais, ao tempo que viviu a Revolución de 1868. Este feito conformou o seu pensamento político, que o levou a defender apaixonadamente a república como forma de goberno e o federalismo como modelo de organización do Estado.
O Divino Sainete (1888): Sátira e Crítica Social
Trátase dun longo poema narrativo de carácter burlesco que parodia a Divina Comedia do escritor clásico italiano Dante Alighieri. Está protagonizada polo propio Curros que, en compañía do poeta Francisco Añón, realiza unha viaxe a Roma para gañar o xubileu. Añón será o guía de Curros nun percorrido que os levará polos sete vagóns dun tren, que representan os sete pecados capitais: preguiza, envexa, gula, ira, luxuria, avaricia e soberbia.
Prosa e Teatro no Século XIX: Desenvolvemento e Temáticas
Marcial Valladares (A Estrada, 1821-1903)
Publicou por entregas durante 1880 Maxina ou a filla espúrea, novela na que se reflicte o seu comportamento diglósico, xa que os personaxes urbanos falan castelán.
Antonio López Ferreiro (Santiago, 1837-1910)
Foi o máis importante narrador nesta época. As súas obras, escritas integramente en galego, independentemente da clase social dos personaxes, están ambientadas en diferentes épocas da historia de Galicia:
- A tecedeira de Bonaval (1894) no século XVI;
- O castelo de Pambre (1895) no século XIV;
- O niño de pombas (1905) no século XII.
Con este pano histórico de fondo, desenvolve unha serie de conflitos amorosos e sentimentais. O seu obxectivo era que a xente coñecese a historia de Galicia, para o cal utilizaba como atracción unha relación sentimental.