Figuras Clave do Rexurdimento Galego: Rosalía de Castro, Pondal e Curros Enríquez
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 13,45 KB
Rosalía de Castro: Vida e Obra Fundamental
Traxectoria Vital
Rosalía de Castro naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837, filla de nai fidalga, Teresa de Castro, e con probábel paternidade do seminarista Xosé Martínez Viojo. Criouse en Padrón e máis tarde trasladouse a Santiago, onde recibiu unha formación cultural pouco común para as mulleres da época, estudando francés, música e debuxo. Alí tamén comezou a súa vida literaria e artística, relacionándose con figuras como Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre.
En 1856 marchou a Madrid, onde publicou La flor (1857) e casou con Manuel Murguía en 1858. Viviron entre Galicia e Madrid ata 1861, época na que Rosalía estableceu contactos literarios como Bécquer. En 1863 publicou Cantares gallegos, obra fundamental do Rexurdimento galego, e posteriormente Follas novas (1880), onde expresa unha forte crítica social, especialmente á situación da muller.
A partir de 1870 residiu definitivamente en Galicia, nos últimos anos na casa da Matanza en Padrón. Alí escribiu En las orillas del Sar xa gravemente enferma. Faleceu o 15 de xullo de 1885 aos 48 anos. Os seus restos descans an no Panteón de Galegos Ilustres en Santiago.
Cantares gallegos: Estrutura e Significado
Cantares gallegos, publicado por Rosalía de Castro o 17 de maio de 1863, marca o inicio simbólico do Rexurdimento galego. Composta inicialmente por 32 poemas, a obra recolle cantares e refráns populares co obxectivo de recuperar e dignificar o espírito do pobo galego.
Estrutura e Voz Lírica
- A súa estrutura é circular, empezando e rematando coa voz dunha moza aldeá, a "meniña gaiteira", que canta en galego, converténdose en símbolo da identidade colectiva galega.
- Entre estes dous puntos, Rosalía dá voz a varios personaxes do rural galego, retratando a sociedade a través das súas xentes, costumes e linguaxe.
- Tamén incorpora unha voz lírica persoal, na que expresa os seus propios desacougos e reflexións, integrándose activamente na comunidade galega que quere representar.
Poesía Folk, Voz de Muller e Alegoría Identitaria
A obra presenta un lirismo popularizante que reflicte as vivencias cotiás do rural galego. O ton varía entre o desenfadado e o melancólico, pero sempre mantén un compromiso social. Abundan os poemas sobre o amor, as separacións, as dificultades das clases populares, cun enfoque especial na "voz de muller". Rosalía dá protagonismo a nais, labregas e mendigas, retratando as súas emocións, anhelos e sufrimentos, á vez que denuncia a súa marxinación e os abusos que sofren, facendo unha clara mostra de sororidade.
A dimensión sociopolítica de Cantares gallegos é evidente, pois denuncia temas como a emigración, a miseria, a opressón e a incomprensión de Castela cara a Galicia. A obra, así, convértese nunha alegoría da identidade galega, defendendo a súa cultura, idioma e dignidade.
Recursos Estilísticos e Métricos
Á sinxeleza temática dos poemas de Cantares gallegos, sen perder por iso eficacia estética, pódese engadir a sinxeleza na forma. Asentada a obra sobre unha lingua popular, os recursos son tamén populares. Tense repetido que Rosalía abusa das comparacións e descoida a metáfora. Abundan os paralelismos, anáforas, repeticións e antíteses. Son varias as composicións nas que utiliza o verso da muineira e as formas populares da arte menor (cantar popular, seguidilla, romance octosílabo...), aínda que tamén se encontran décimas, cuartetas, redondillas e oitavas reais.
Pódese facer esta comprobación comparando os dous poemas seguintes e os seus recursos formais:
- O primeiro sérvelle a Rosalía para mostrar a música e a linguaxe popular. Obsérvese a métrica.
- O segundo é o final dun longo poema de 39 estrofas onde se relata o conto de Vidal. Cómpre ler o poema completo para ter información sobre a «historiña» á que fai mención Rosalía.
Follas novas: Intimismo e Existencialismo
Follas novas, publicado en 1880, é o segundo libro de poesía en galego de Rosalía de Castro. Nesta obra, a autora afástase do ton máis vitalista de Cantares gallegos para mergullarse nun lirismo moito máis intimista, existencial e pesimista, tanto sobre o mundo como sobre a propia condición humana. A publicación inclúe unha dedicatoria de agradecemento á Sociedade de Beneficencia dos galegos na Habana, un prólogo de Emilio Castelar e un texto da propia autora no que explica o cambio de rumbo literario. A obra estrutúrase en varios libros, sendo o primeiro, Vague-dás, unha reflexión sobre ela mesma como autora e sobre o sentido da súa poesía.
Temática Central
Neste poemario, Galicia pasa de ser a protagonista absoluta (como en Cantares gallegos) a converterse nun escenario simbólico onde Rosalía proxecta os seus sentimentos máis profundos. Os temas principais de Follas novas son:
- A dor interior, a soidade, o desencanto vital, a morte e o sufrimento existencial.
- A inxustiza social e a marxinación das clases populares.
- Moi especialmente a condición da muller, á que Rosalía dedica unha mirada comprensiva e solidaria.
Todo isto configúrase nun ton escéptico e sombrío, no que a escrita xa non se presenta como ferramenta de esperanza, senón como expresión da desolación.
Métrica e Estilo
A nivel formal, Follas novas destaca pola súa diversidade métrica. Aínda que mantén certos ecos das formas tradicionais, como o romance octosilábico, as cuartetas ou as redondillas, introduce importantes innovacións formais. Rosalía emprega combinacións polimétricas, alternando versos longos e curtos, e constrúe estrofas mixtas, que crean un ritmo entrecortado e ás veces disonante, moi axeitado ao ton introspectivo e ao contido existencial da obra.
O estilo de Rosalía en Follas novas é sóbrio e sinxelo, con poucos adornos retóricos. Apenas usa metáforas, pero si abundan as comparacións, os paralelismos e os contrastes, que lle dan forza e musicalidade aos seus versos. Un dos aspectos máis destacados é o uso de símbolos que condensan sentimentos e ideas abstractas. O máis famoso é a “negra sombra”, que simboliza a dor que sempre acompaña a vida da autora. Outro exemplo é o “cravo”, que representa unha dor intensa que, ao desaparecer, deixa un baleiro que simboliza a nostalxia ou a saudade desa dor.
Eduardo Pondal: O Bardo Celta do Rexurdimento
Eduardo Pondal naceu en Ponteceso (A Coruña) o 8 de febreiro de 1835. Tras estudar en Santiago de Compostela, onde cursou a carreira de Medicina, dedicouse á literatura en 1863, abandonando a súa profesión médica. Participou activamente no Liceo de la Juventud, un espazo de encontro de mozos con ideais progresistas, e no Banquete de Conxo en 1856. Compartía co seu amigo Manuel Murguía a visión de que a historia de Galicia comezaba cos celtas, considerados os auténticos fundadores da galeguidade.
A súa obra máis coñecida é Queixumes dos pinos (1886), e tamén publicou outros textos como Os eoas, que non se deu a coñecer ata 2005. A súa poesía ten unha forte vocación cívica, centrada no pasado celta, a liberación do pobo galego e a exaltación da terra desde unha perspectiva panteísta.
Temas e Estilo de Pondal
Entre os temas máis destacados da súa obra están:
- Celtismo: Pondal defende o carácter celta de Galicia, inspirándose en topónimos e creando personaxes míticos.
- A figura do bardo: O bardo é o poeta que guía e instruí o pobo, a miúdo incomprendido.
- Relixiosidade panteísta: A natureza e a terra simbolizan tanto o pasado heroico como unha nova era.
- Ética castrense: A súa obra valoriza a virilidade e a enerxía, asociadas co masculino.
- O papel das mulleres: A súa actitude cara ás mulleres foi criticada como misóxina, aínda que tamén se pode interpretar dentro dun contexto épico.
Estilo: Utiliza adxectivos opoñentes e epítetos reiterados para crear unha linguaxe con forte capacidade simbólica.
Pondal faleceu en A Coruña en 1917, deixando un legado literario que continúa a influír na cultura galega.
Os Eoas: A Epopea Fundacional
Os eoas é a obra na que Pondal aspiraba a demostrar a validez do galego para expresar feitos elevados e consolidarse como vate nacional. Comezou a traballar nela en 1858, pero debido ao seu desexo constante de mellorar os versos e ás dificultades editoriais, a obra non se publicou antes da súa morte, sendo editada só en 2005. O poema conservouse en fragmentos e papeletas autógrafas, que Pondal deixou á Real Academia Galega.
En Os eoas atopamos unha síntese do mundo poético de Pondal (celtismo, bardismo), creado cun propósito ambicioso: cantar unha xesta que fose ao mesmo tempo universal, hispánica e galega, para demostrar as capacidades do galego e a súa altura como escritor. Seguindo a tese de que Colón naceu en Galicia, Pondal une Galicia, España, Iberia e o cristianismo nunha epopea fundacional, coa intención de conseguir unha dimensión histórica a través da súa obra.
Manuel Curros Enríquez: O Rebelde Progresista
Manuel Curros Enríquez, nacido en Celanova (Ourense) en 1851, foi unha das figuras clave do Rexurdimento galego. Coa súa personalidade inconformista e o seu compromiso cos ideais progresistas, converteuse no "Rebelde" do movemento. A súa obra, de carácter cívico, social e realista, destaca pola súa defensa da liberdade, o progreso e a luz, sendo un referente na literatura galega.
Curros iniciou a súa carreira literaria como columnista en Madrid, onde tamén compuxo as súas primeiras obras en galego, como a famosa "Cántiga". En 1880 publicou Aires da miña terra, obra que causou controversia e lle fixo gañar popularidade, especialmente despois de ser denunciado pola Igrexa pola súa suposta blasfemia.
Despois de varios problemas persoais e profesionais, en 1894 trasladouse a Cuba, onde continuou a súa actividade literaria e participou na creación da Academia Galega. Regresou á Península en 1904, sendo coroado poeta laureado na Coruña. Morreu en febreiro de 1908 en La Habana e foi enterrado en A Coruña, onde o seu funeral se converteu nun acto de homenaxe popular.
Aires da miña terra: Compromiso Social
Aires da miña terra de Manuel Curros Enríquez é unha obra que combina temas sociais, progresistas e galeguistas, reflectindo o forte compromiso do autor co pobo e a loita contra a inxustiza.
Curros defende a función social da poesía, crendo que os intelectuais deben estar ao servizo do pobo, revelándolle a verdade e guiándoo cara á liberdade. A obra tamén aborda a loita entre o atraso e o progreso, sendo o autor un firme defensor do avance material como medio para acadar a liberdade e a luz.
Unha das características principais da obra é a crítica á Igrexa, á que Curros acusa de estar ao servizo dos poderosos e descoñecer as inxustizas que sofre o pobo. Aínda que presenta elementos costumistas, o enfoque sempre é social, destacando en obras como A Virxe do Cristal, onde se recollen tradicións populares e relixiosas desde unha perspectiva crítica e social. A pesar de que algúns poemas teñen un enfoque intimista, Curros mantén a súa constante denuncia contra as inxustizas sociais.
O Divino Sainete: Sátira e Crítica
Por outra parte, O divino sainete (1888) é unha das obras máis importantes de Curros, aínda que foi silenciada pola crítica da súa época debido ao ataque directo á xerarquía católica e ás forzas reaccionarias.
A trama comeza cun encontro entre Curros e o espírito de Francisco Añón en Madrid, e xuntos viaxan a Roma para asistir ao xubileu do papa León XIII. Durante o percorrido, exploran os sete vagóns dos pecados capitais, representando a personaxes reacionarios que se opoñen ao progreso e á liberdade.
A obra, inspirada na Divina comedia de Dante, mestura sátira e farsa, usando o riso e a parodia para criticar aos carlistas, frades corruptos e outras figuras, como a escritora Emilia Pardo Bazán. Curros emprega elementos populares do Entroido e referencias cultas para transmitir a súa crítica. O estilo do autor destaca pola súa claridade expresiva, cunha linguaxe que utiliza repeticións e anáforas para reforzar o ton satírico.