Figuras Clave do Rexurdimento Galego: Rosalía de Castro e Curros Enríquez
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 4,35 KB
Rosalía de Castro: Voz do Rexurdimento Galego
Das principais figuras do Rexurdimento, a máis mitificada foi Rosalía de Castro, non só por ser a autora da primeira obra maxistral escrita en galego, Cantares Gallegos, senón tamén por converterse na voz da Galicia marxinada que seguía a falar galego.
Traxectoria Vital e Obra
En 1837 nace en Santiago de Compostela María Rosalía Rita de Castro.
En 1854, trasládase a Santiago. Tres anos máis tarde, marcha para Madrid, onde publica o seu primeiro libro, un poemario titulado La flor.
En 1858, Rosalía casa con Manuel Murguía. Fóra de Galicia, decide escribir en galego, levada pola morriña e polo desexo de demostrar que a súa terra é digna de louvanzas e que a súa fala non é ese dialecto bárbaro que cren coñecer os que aldraxan; e así xorde Cantares Gallegos.
Nos trinta e seis poemas que compoñen o libro, falan diferentes personaxes galegos acerca dos seus amores, dos seus costumes... e das súas mágoas ante os males sociais padecidos, como é a emigración.
No tempo que transcorre ata a publicación do seu segundo libro en galego, Follas Novas, cómpre destacar a publicación doutros dous libros escritos en castelán: Ruínas (1868) e El caballero de las botas azules (1867). Durante este período, é importante salientar tamén a morte da súa nai e de varios dos seus fillos.
Follas Novas (1880)
Follas Novas sae á luz en 1880. Os poemas aparecen distribuídos, segundo a temática, en cinco partes:
- Vaguedás
- Do Íntimo
- Varia
- Da Terra
- As Viúvas dos Vivos e as Viúvas dos Mortos
Nas partes I (Vaguedás) e II (Do Íntimo), Rosalía relega a un segundo plano a poesía popular e trata das interferencias entre a vida e a poesía, facendo unha reflexión angustiada e pesimista acerca da existencia humana.
Nas partes IV (Da Terra) e V (As Viúvas dos Vivos e as Viúvas dos Mortos), Rosalía denuncia a miseria da xente do campo e a súa inxusta consecuencia, a emigración, que fai das mulleres galegas Viúvas dos vivos e viúvas dos mortos, porque os homes que non morren tamén están lonxe delas.
Na parte III (Varia), como indica xa o seu nome, hai poemas de temática moi variada.
En 1884, Rosalía escribe o seu último libro, un poemario xa en castelán, En las orillas del Sar, e un ano despois, en 1885, morre na súa casa de Matanza en Padrón, na miseria.
Manuel Curros Enríquez: O Poeta Cívico e Crítico
Manuel Curros Enríquez nace en Celanova, Ourense, en 1851. Alí vive ata que, con catorce anos, debido aos frecuentes enfrontamentos co seu pai, decide irse a vivir a Madrid, onde estudará —baixo a protección dun veciño— e máis tarde traballará de xornalista.
Traxectoria e Compromiso Literario
De Madrid —e despois de pasar un ano de exilio en Londres por mor dun artigo político— volve a Ourense, onde se establece despois de gañar un concurso literario. Este feito anímalo a publicar en 1880 o seu primeiro libro en galego, Aires da miña terra, que, formado por poemas cívicos, costumistas e intimistas, supón a súa definitiva consagración como poeta.
Estes e outros poemas da obra, tremendamente críticos coa Igrexa, provocan a súa excomuñón.
E así, en 1888 —máis inconformista e crítico, se cabe, e xa moi afastado da Igrexa católica por todo o que viña de pasar— escribe o seu segundo libro, O divino sainete, parodia da Divina Comedia, no que aproveita para arremeter contra os seus inimigos, encarnación dos vicios humanos que el quere criticar, con claves de humor pesimista e sarcástico propios da nosa terra.
Despois deste segundo e último libro, desgustos profesionais e familiares lévano a residir en Cuba, deixando de lado unha breve estadía en Madrid na que ninguén lle ofrece traballo. Morre alí en 1908.
O seu corpo trasládase á Coruña, onde é enterrado, acompañado, unha vez máis, de gran polémica: se a oficialidade optou polo enterro católico, a oposición non deixou de reivindicar o seu carácter laico e librepensador.