Figuras Clave da Literatura Galega do Século XX: Castelao, Otero Pedrayo e Outros

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,34 KB

Figuras Clave da Literatura Galega do Século XX

Daniel Rodríguez Castelao

Colaborou activamente no Grupo Nós. Aínda que hai moitas características que afastan a Castelao do elitismo dos escritores ourensáns, sempre mantivo un sincero compromiso coas clases populares e a súa temática estaba centrada na vida do pobo. Foi, xunto con Rosalía de Castro, o gran descubridor da dignidade do paisano galego.

Nel conflúen dúas facetas: a de escritor e a de debuxante. Unha obra plástica destacada foi Cousas da vida. Outra característica é o uso do humor, que vai vencellado a unha intención moral.

Castelao é esencialmente un narrador. Apréciase nas súas obras un marcado lirismo que ás veces o aproxima á poesía. Os seus textos narrativos están dominados polo sintetismo e prefire as estruturas breves.

As súas creacións máis populares inclúen:

  • Cousas (1929): Unha colección de 44 pezas acompañadas dunha ilustración.
  • Retrincos (1934): De carácter autobiográfico.
  • Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922): Un retrato satírico da sociedade galega da época.
  • Os dous de sempre: A súa única novela, con capítulos breves que xiran arredor de Pedriño e Rañolas.

As publicacións máis destacadas despois da Guerra Civil son a obra teatral Os vellos non deben namorarse (1943) e o ensaio Sempre en Galiza (1944).

Ramón Otero Pedrayo

Foi o autor máis prolífico da súa época e posúe unha das obras máis amplas da literatura galega. O seu estilo é complexo, de sintaxe exuberante e barroca. Foi o primeiro novelista galego e o creador da nosa prosa literaria moderna.

Iniciouse con tres relatos breves, nos que trata temas como: a identificación coa terra, o protagonismo da figura do fidalgo e a evolución da conciencia galega.

As súas novelas pódense clasificar en dous grupos:

  • Obras realistas: Como Os camiños da vida (1928), na que reconstrúe a transformación vivida pola sociedade galega durante o século XIX, desde a Desamortización de Mendizábal ata a Revolución de 1868.
  • Novelas culturais: Céntranse no tema da evolución da conciencia galega, como Arredor de si (1930).

A súa obra ensaística é moi ampla e variada, incluíndo ensaios sobre a cultura galega e estudos sobre historia e xeografía.

Outros escritores

Florentino López Cuevillas

Prehistoriador do Grupo Nós. Dedicouse ás tarefas investigadoras e cultivou a prosa e o ensaio literario. Escribiu Prosas galegas (1962), que reúne textos literarios e estudos nos que explica as principais características da cultura galega. A prosa de Cuevillas caracterízase pola riqueza léxica, a expresividade sintáctica e a descrición da paisaxe impresionista.

Rafael Dieste

Autor contemporáneo que non pertenceu ao Grupo Nós. Escribiu Dos arquivos do trasno (1926), obra que reúne 20 relatos sobre temas como a ausencia, o regreso, a ilusión, a emigración e a morte.

Entradas relacionadas: