Fidalguía e pazos no século XVIII: urbanización, patrimonio e cultura material
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,21 KB
Enriquecemento e urbanización da fidalguía no Antigo Réxime
Os afortunados por este proceso agregativo viron de súbito multiplicarse os seus ingresos, cobrados agora en lugares moi distantes. Este proceso de enriquecemento foi unido á urbanización da fidalguía, que se vai asentando nas cidades e vilas.
Patrimonio e residencias
Houbo enormes patrimonios moi espallados e antigas residencias abandonadas, pois os señores non podían residir en todas, e menos cando se trasladaron a unha cidade ou vila. Os matrimonios entre vinculeira e vinculeiro e a falta de sucesión motivaban que unhas casas se subordinasen a outras e rematasen mesmo escurecidas.
Xerarquía interna da fidalguía
A fidalguía estaba internamente moi xerarquizada na etapa final do AR. As diferenzas proviñan de varios factores:
- polas rendas;
- pola residencia, xa rural, xa vilega (as familias máis ricas habitaban nos núcleos urbanos);
- porque había fidalgos que tiñan un hábito de orde militar e mesmo un título;
- matices como a distinción entre fidalgo notorio e fidalgo de privilexio;
- sen esquecer os moitos labregos da montaña luguesa que tiñan a condición xurídica de fidalgos, aínda que vivisen pobremente; estaban, iso si, libres das quintas.
As desigualdades e os modos de vida
As desigualdades dentro dun grupo que no século XVIII tiña unhas 6.500 familias non permiten xeneralizar á hora de falar dos modos de vida, que tampouco foron moi estudados. Sabemos máis da orixe social dos fundadores de casas, da estratexia de “reprodución social” e da forma e constitución dos patrimonios que da vida cotiá da fidalguía pacega, un asunto para o que se adoita recorrer á literatura.
Os pazos na literatura e na historia
Os pazos foron materia moi frecuentada por autores como Pardo Bazán ou Otero Pedrazo. A imaxe que nos transmiten non é moi positiva, se ben hai que ter en conta que a literatura en cuestión se ocupou da “sociedade de pazos” cando esta estaba desaparecendo.
Perspectiva historiográfica
Poderíamos dicir que os historiadores se ocuparon principalmente do trunfo da fidalguía. De calquera xeito, o que imos sabendo da chamada cultura material dos pazos e das súas bibliotecas pon en cuestión moitos dos tópicos que nos transmite a literatura.
Impacto social e circulación de modas
Os mellores pazos foron promovidos por familias que habitaban nas cidades e vilas e que levaron ao mundo rural unha civilidade urbana, que se reflicte no mobiliario, nas roupas, na decoración das estancias, nos libros e mesmo na sociabilidade. A influencia que teñen os pazos na súa contorna é moi importante, pero o mundo dentro dos pazos era moi diferente do das casas labregas que estaban na contorna.
De calquera xeito, os muros non impedían que os pazos fosen centros desde os que se espallaban modas (a través dos criados). A maior parte non podían ser imitadas nas casas labregas, pero si algunhas.