Fenómenos Atmosféricos Clave: Temperatura, Humidade e Xeadas no Clima Ibérico
Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía
Escrito el en
español con un tamaño de 3,21 KB
A Temperatura Atmosférica
A temperatura do aire é o grao de calor do aire. Mídese en graos centígrados (ºC) mediante o termómetro. Nos mapas represéntase mediante isotermas ou liñas que unen os puntos de igual temperatura.
As temperaturas medias son máis suaves preto do mar e descenden cara ao interior, cara ao norte e coa altura. Aspectos importantes das temperaturas en relación co clima son a amplitude térmica anual e as xeadas.
A Amplitude Térmica Anual
A amplitude térmica anual ou oscilación térmica anual é a diferenza entre a temperatura media do mes máis cálido e a do mes máis frío. No Estado español, as amplitudes térmicas máis baixas danse en Canarias e nas costas, especialmente nas do norte peninsular.
As Xeadas
As xeadas prodúcense cada vez que a temperatura do aire baixa de 0 ºC. Poden ser de irradiación, polo arrefriamento do solo que se transmite ao aire que está en contacto con el, ou de advección, pola chegada dunha masa de aire moi fría.
No Estado español, o menor número de xeadas dáse nas costas (a influencia do mar suaviza as temperaturas), e o maior, na Submeseta Norte, sistemas montañosos e o val do Ebro, onde no inverno son frecuentes as inversións térmicas.
3. Humidade do Aire, Néboa e Calixeiro
A Humidade do Aire
A humidade do aire é a cantidade de vapor de auga que contén este, procedente da evaporación. Depende da proximidade ao mar e da temperatura (diminúe cando aumenta a temperatura). No Estado español supérase a media do 70% anual nas áreas costeiras e na Submeseta Norte, aquí con acusadas variacións entre os máximos invernais e os mínimos estivais.
A Néboa
A néboa é un tipo diferente de nubosidade, xa que xeralmente non se forma por ascensión do aire. É a suspensión de diminutas pingas de auga na capa inferior da atmosfera, que limita a visibilidade a menos dun quilómetro. Prodúcese cando a humidade do aire se condensa na capa inferior da atmosfera. As dúas causas máis habituais de formación da néboa son a advección e a irradiación.
Tipos de Néboa e a súa Formación
- Néboa por advección: Prodúcese pola chegada de masas de aire cálidas e húmidas sobre un solo frío, o que xera a condensación do vapor de auga, ou ben de masas de aire frío sobre un solo máis cálido e moi húmido, coma un encoro ou un río.
- Néboa por irradiación: Prodúcese pola perda de calor do chan por irradiación nocturna, propia do inverno, acada o punto de xeada e, por iso, a condensación do vapor.
O Calixeiro (Bruma Seca)
O calixeiro é unha bruma seca que reduce a visibilidade. Prodúcese nas capas baixas da atmosfera pola presenza de gran cantidade de partículas moi finas de po. Fórmase nas zonas secas no verán, en situación anticiclónica, cando os solos están resecos e as partículas de po que conteñen poden ser elevadas e mantidas en suspensión no aire por movementos de carácter ascendente ocasionados polo continuo e intenso quecemento do solo.