Factores que inflúen no clima de España

Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,73 KB

Factores xeográficos

  • Latitude: España sitúase na zona temperada do hemisferio norte, o que determina a existencia de catro estacións: verán, inverno, primavera e outono.
  • Situación: A Península Ibérica atópase entre o océano Atlántico e o mar Mediterráneo, e entre Europa e África, o que a converte nunha encrucillada de masas de aire con características distintas.
  • Influencia do mar: É escasa no interior da Península, o que xera diferenzas entre a periferia costeira e as terras interiores, con tendencia climática continental.
  • Relevo: A disposición, altura e orientación das montañas inflúen no clima. Os sistemas montañosos paralelos á costa frean a influencia do mar. A posición oeste-leste dos relevos favorece a entrada de masas de aire marítimo do oeste. As concas pechadas por montañas, como as depresións do Douro e do Ebro, teñen precipitacións escasas e néboas frecuentes.
  • Altura: Fai diminuír as temperaturas (aproximadamente 6º por cada 1000 metros de ascenso) e determina precipitacións orográficas nas ladeiras de barlovento, precipitacións “ocultas” (xeada e orballo) e precipitacións “horizontais” (producidas polas nubes).
  • Orientación: Crea contrastes climáticos entre as zonas de solaina e as de avesedo, e diferenzas pluviométricas entre as abas de barlovento e sotavento.

Factores termodinámicos

Circulación en altura: a corrente en chorro

Circula en dirección oeste-leste. O chorro separa as baixas presións que hai sobre o polo en altura, que quedan á esquerda da súa traxectoria, das altas presións tropicais, situadas á súa dereita. A súa velocidade e os seus desprazamentos estacionais inflúen no tempo en superficie.

A velocidade da corrente é variable. Cando circula rápido, presenta suaves ondulacións e ten un trazado case zonal. Pero cando a súa velocidade diminúe, describe profundas ondulacións: cristas ou dorsais que orixinan altas presións e vales ou vaguadas que orixinan baixas presións. Ambas as dúas reflíctense en superficie e dan lugar a anticiclóns e borrascas dinámicos.

Circulación en superficie

  • Centros de acción: Son áreas de altas e baixas presións. A presión atmosférica é o peso do aire sobre unha unidade de superficie. Un anticiclón é unha zona de altas presións rodeada por outras de presión máis baixa. Os ventos circulan ó seu redor no sentido das agullas do reloxo, producindo tempo estable. Unha borrasca ou ciclón é unha zona de baixas presións rodeada doutras de presión máis alta. Os ventos circulan ó seu redor no sentido contrario ao das agullas do reloxo, producindo tempo inestable e frecuentemente chuvioso.
  • Masas de aire: Son porcións de aire cunhas características determinadas de temperatura, humidade e presión. Estas características adquírenas nas súas rexións de orixe. Debido á latitude de España, as masas de aire que lle afectan son a ártica (A), a polar (P) e a tropical (T). As dúas primeiras dan lugar a masas de aire frías e a terceira orixina masas de aire cálido. Unha masa de aire orixinariamente seca que realiza un percorrido mariño, humedécese e inestabilízase; unha masa de aire orixinariamente húmida que realiza un percorrido continental, desécase e estabilízase.
  • Frontes: Son superficies que separan dúas masas de aire de características distintas. Polo tanto, a ambos os dous lados dunha fronte prodúcese un cambio brusco das propiedades do aire. A fronte máis importante para España é a fronte polar.

Entradas relacionadas: