Explorando a Percepción Humana: Unha Visión Profunda
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 3,08 KB
A Percepción Humana
A percepción é unha operación que permite darnos conta do medio que nos rodea como algo que ten significado para nós. É a través dos sentidos como entramos en contacto co noso contorno.
O mundo que percibimos non é un mero reflexo do exterior, senón unha construción do suxeito que selecciona, configura e interpreta a información que recibe, outorgándolle sentido e dotándoa dun significado cognoscitivo. O sistema sensorial da especie supón un primeiro filtro para os estímulos do mundo físico, pero non todo o que chega aos nosos sentidos vai ser percibido.
Certas predisposicións e os intereses e necesidades que temos en cada momento actúan como un foco de luz que ilumina certas zonas e deixa outras na escuridade. Deste modo, algúns elementos do medio adquiren unha relevancia especial e van quedando como primeiras configuracións dentro da variedade de sensacións que pasan a un segundo plano. A atención selectiva ten xa, pois, unha función configuradora e esquematizadora.
Por medio da percepción, os humanos obtemos un coñecemento do mundo circundante que nos permite adaptarnos e sobrevivir. Grazas á linguaxe, somos libres para construír sobre ese mundo perceptivo un mundo conceptual que nos permite dispoñer dun coñecemento das cousas que vai máis alá das fronteiras biolóxicas impostas polo noso sistema neurosensorial, un mundo de realidades independentes e significativas que non necesitan estar presentes.
Podemos, pois, sabelo todo de cousas que xa non existen e que aínda non existiron e mesmo que non poderían existir, podemos transmitir ese saber. Este mundo formado por conceptos é exclusivo dos humanos.
Conceptos Clave na Percepción
Un concepto é unha construción lóxica do intelecto humano que resulta de designar cun termo lingüístico unha idea ou contido referido a unha entidade do mundo. Podemos distinguir entón:
- Referente: entidade do mundo empírico (nivel de realidade).
- Idea: concepto (nivel cognitivo).
- Termo: nivel lingüístico que lle dá materialidade á idea.
A cuestión é se a relación entre o termo lingüístico e o referente, a entidade que designa, é convencional, é dicir, se son convencionais os significados dos conceptos, xa que ademais de permitirnos crear mundos posibles, a linguaxe permítenos relacionarnos co noso contorno, poñéndoo diante de nós, representándoo.
Podemos responder que en certo modo non son convencionais, pero en certo modo si. Agora ben, iso non quere dicir que as cousas garden unha relación directa coas cousas que designan, pero convención non quere dicir arbitrariedade, senón acordo. Se queremos entendernos, necesitamos poñernos de acordo, por iso os significados conceptuais son compartidos. Seguramente foron desenvolvéndose progresivamente, coa colaboración dos membros dunha sociedade co fin de resolver algún problema común.