Explorando a Narrativa Galega: Realismo e Innovación nos Anos 60
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 6,24 KB
A Narrativa Galega nos Anos 60: Realismo e Renovación
Nos anos 60, a narrativa galega caracterizouse por dúas tendencias principais: por un lado, unha narrativa realista (próxima ao socialrealismo peninsular) centrada nos problemas de Galicia e nos da diáspora, con Xosé Neira Vilas como figura destacada. Por outro lado, xurdiu un movemento renovador con trazos semellantes aos doutras literaturas do momento: a Nova Narrativa Galega.
Xosé Neira Vilas
Xosé Neira Vilas crea unha narrativa realista de espírito crítico centrada na Galicia rural e na América da emigración. A Galicia de posguerra preséntase chea de miseria, opresión, prexuízos e dominada polo poder civil e relixioso. Obras destacadas inclúen Memorias dun neno labrego e Xente no rodicio.
O mundo da emigración aparece como a única saída para fuxir da miseria. Unha vez chegados ao destino, xorden novos problemas como o illamento, a morriña e o fracaso.
Nova Narrativa Galega (NNG)
A denominación Nova Narrativa Galega (NNG) aplícase aos primeiros textos dun grupo de escritores relacionados entre si por unha serie de experiencias xeracionais comúns. A nota esencial e definitoria do grupo é o seu afán de renovación temática e formal, fuxindo tanto dos modelos galegos anteriores como do socialrealismo característico da narrativa castelá do momento.
Características Literarias Comúns:
- Espazo: Galicia e o mundo rural deixan de ser o espazo preferente. Dominan os universos urbanos (sen localización concreta, conflitivos, mesmo con valores simbólicos ou alegóricos) e os espazos interiores (sórdidos, claustrofóbicos, enigmáticos...).
- Tempo: Búscase a ruptura da linearidade temporal. Os saltos temporais procuran reproducir a existencia caótica e desasistida dos personaxes.
- Personaxes: Desaparece o heroe. Ábrense paso os protagonistas colectivos e os individuos anónimos sen identidade, rexidos polas forzas hostís dun mundo socioeconómico que os manexan e marxinan.
- Narrador: A pluralidade de voces narrativas, o monólogo interior ou a técnica do ollo cinematográfico impóñense sobre os tipos de narrador máis convencionais.
- Idioma: A lingua oral deixa de ser o referente básico. Novas realidades e novos temas esixen unha reconfiguración do galego literario.
- Temas: O tratamento intensivo do absurdo existencial; a presenza reiterada da violencia; a liberalidade con respecto ao tema sexual; a fusión dos mundos real e fantástico a través dunha temática variada... configuran novos eixes temáticos.
- Abandono da pedagoxía ideolóxica: Non se utiliza a literatura para defender ou dar a coñecer unha ideoloxía, nun contexto de ditadura.
Xosé Luís Méndez Ferrín
Xosé Luís Méndez Ferrín naceu en Ourense en 1938. Cursou estudos universitarios en Santiago e logo en Madrid, onde fundou o Grupo de poesía Brais Pintos. Participou na creación de partidos nacionalistas de esquerdas, algúns na clandestinidade (UPG), e sufriu o cárcere por motivos políticos. Segue a ser un dos máis grandes referentes da cultura galega.
As obras deste autor que deben encadrarse dentro do movemento da NNG son:
- Percival e outras historias (1958): Catorce relatos nos que se mestura o fantástico co real. Dáse un emprego de topónimos e antropónimos exóticos que aparentemente non gardan relación con Galicia. Os temas dos relatos son a violencia, o odio, o terror e a morte como elementos que definen ao ser humano.
- O crepúsculo e as formigas (1961): Colección de relatos coas seguintes características: mestura do real e do imaxinario; ambiente lúgubre, sórdido e escuro no que os personaxes se dirixen a un tráxico destino; a violencia (asasinato e suicidio), a morte, a pobreza, os seres marxinados; procedementos técnicos coma o monólogo interior, a ruptura temporal ou a técnica cinematográfica.
- Arrabaldo do norte (1964): É a primeira novela de Ferrín, influenciada polo “nouveau roman” francés, sobre todo na técnica obxectalista, é dicir, na precisa descrición dos obxectos. A acción desenvólvese nun arrabaldo urbano polo que se move un home, perdido polas rúas, sen saber quen é e o que busca.
Carlos Casares (1941-2002)
Mentres a Nova Narrativa Galega centraba os seus esforzos na experimentación técnica e en fuxir do realismo, Carlos Casares combinará as innovacións coa volta ao país concreto. O experimentalismo técnico ponse ao servizo da denuncia social.
Do conxunto da súa produción narrativa, pertencen á Nova Narrativa Galega:
- Vento ferido: Doce relatos nos que os espazos e personaxes están baseados na realidade galega. Os temas xiran arredor do sufrimento vital nunha realidade social hostil. Desde o punto de vista técnico, prodúcese un xogo cos planos temporais, e utiliza, en ocasións, o obxectalismo.
- Cambio en tres: Trátase dunha novela que relata a historia dun emigrante galego en Francia. En canto á técnica narrativa, mestúrase o narrador en 1ª persoa testemuña co narrador en 3ª persoa e bótase man do monólogo interior.
María Xosé Queizán
María Xosé Queizán iniciouse literariamente con A orella no buraco, típica novela obxectalista moi influenciada polo nouveau roman. Céntrase na vida dun emigrante fracasado que regresa a Galicia. As súas obras posteriores abordarán problemáticas sociais diversas (a homosexualidade, a sida, a violencia, etc.) desde unha perspectiva marcadamente feminista.
Coma no caso de María Xosé Queizán, moitos integrantes da NNG seguen escribindo máis tarde abandonando completamente esta tendencia. De feito, as súas obras máis salientables pertencen a períodos posteriores.