Explorando a Lingua e Literatura Galega: Diáspora, Fraseoloxía e Rexurdimento
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 17,32 KB
· A **diáspora** é a dispersión de grupos humanos que abandonan o seu lugar de orixe por diversas causas, como guerras, persecucións, desastres ou migracións. Se maioritariamente o termo foi empregado para referirse ao exilio xudeu fóra da Terra de Israel e a posterior dispersión do pobo xudeu polo mundo, ampliouse o seu significado para designar todo pobo que se atope diseminado fóra do seu país de orixe.
· **Diáspora galega**: coñécese como diáspora galega ao proceso de emigración masiva que se produciu en Galicia durante as 3 últimas décadas do século XIX ata ben pasada a metade do século XX. Nas súas orixes obedeceu a razóns económicas, principalmente á pobreza como consecuencia da falta de traballo, á que se lle sumaron razóns políticas, fundamentalmente a represión franquista, que en Galicia comezou en xullo de 1936, ao pouco de estalar a Guerra Civil.
· **A fraseoloxía**: fraseoloxismos, frases feitas, modismos ou locucións idiomáticas son secuencias compostas por dúas ou máis palabras lexicalizadas e usadas en sentido figurado, é dicir, non teñen un significado literal ou ao pé da letra.
· **O diálogo** é un texto no que interveñen alternativamente varias persoas para intercambiar información ou expresar as súas ideas e opinións. Cada un dos participantes recibe o nome de interlocutor. A persoa que toma a palabra é o emisor, a que escoita a mensaxe é o receptor; ao longo da conversa os papeis vanse cambiando. Ex: conversa de WhatsApp
- **Diálogo oral** - Os interlocutores están presentes. - Transmítese mediante a voz. - Vai acompañado de elementos paralingüísticos. - É expresivo e natural. - Vocabulario sinxelo, con posibles incorreccións, frases feitas, repeticións. - Oracións curtas e con frecuencia inacabadas. - É efémero (a súa duración limítase ao momento da emisión). - É a forma máis habitual de comunicación entre as persoas (conversa, debate).
**Diálogo escrito**: - Os interlocutores non están presentes. - Transmítese mediante a escritura (grafías). - Vai acompañado de signos ortográficos (comas, puntos suspensivos...) para reflectir a entoación, as pausas... - É menos expresivo e espontáneo. - Vocabulario máis coidado, con menos erros porque dá tempo a pensar e corrixir. - Oracións máis longas e completas. - Maior permanencia (pode lerse unha e outra vez). - Aparece en textos literarios (conto, novela, teatro...).
**Diálogo espontáneo**: prodúcese de maneira casual, sen preparación previa.
**Diálogo planificado**: prodúcese en situacións programadas, cunha preparación previa.
**Características lingüísticas dos textos dialogados** - Abundancia de pronomes persoais tónicos e átonos.
- Oracións curtas, ás veces mesmo frases inacabadas. - Frecuentes onomatopeas, cun claro valor expresivo.
- Emprego de recursos que faciliten a conversa e que contribúan a que o receptor estea atento.
- Abundantes interrogacións, exclamacións e interxeccións: Que che parece?
**Diálogos nos textos narrativos**: Narrar consiste en contar cousas, contamos o que vivimos, dicimos de que tratan as películas, os libros.
Están presentes en tres modos de discurso: **Narración**: o narrador conta o que fan os personaxes. **Descrición**: o narrador describe o espazo, as persoas… **Diálogo**: o narrador transcribe as palabras que intercambian. Estas poden reproducirse en:
a) **Estilo directo**: reproduce literalmente as súas palabras, introducíndoas mediante verbos declarativos (dicir, responder, murmurar, preguntar...) e comiñas, ou situándoas en liña á parte precedidas de raia.
b) **Estilo indirecto**: reproduce en 3ª persoa o que di o personaxe mediante un verbo declarativo seguido dunha conxunción (que, se...).
**Diálogos nos textos teatrais**: · O diálogo é o soporte principal. A través del coñecemos os personaxes e a súa problemática, e seguimos o desenvolvemento da acción. A intervención de cada personaxe vai precedida polo seu nome.
· As anotacións son as indicacións para a posta en escena da obra. Informan das características do espazo escénico, das entradas e saídas de personaxes, da entoación e acenos, etc. É dicir, desenvolven o papel do narrador nun texto narrativo.
**O diálogo no cómic**: As palabras e pensamentos sitúanse no interior de globos ou bocadillos formados polo corpo (de forma circular, rectangular...) e o delta (o rabiño que sinala o personaxe ao que corresponde o texto). No interior das viñetas inclúense sinais cinéticos, onomatopeas e ideogramas ou metáforas visuais.
**Ortografía**: **Dous puntos**: diante dunha enumeración, para introducir citas textuais, despois das formas de saúdo nas cartas e documentos e antes de un verbo que sirva de exemplificación do que se está a dicir.
**Puntos suspensivos**: ao final dunha enumeración se queda aberta, para expresar momento de dúbida, para deixar un enunciado incompleto e cando se omite unha parte dunha cita textual.
**As comiñas**: para reproducir citas textuais, os pensamentos dos personaxes, para indicar o título pero non dun libro e para indicar unha palabra ou expresión non apropiada.
**A raia**: para marcar que o texto é dito por distintas persoas e para facer aclaracións.
Literatura Galega: Séculos Escuros e Rexurdimento
**Os Séculos Escuros (XVI, XVII e XVIII)**: Con eles dá comezo un período de decadencia para a nosa lingua, que queda fóra dos ámbitos de uso do poder e da cultura. Galicia estará subordinada política e culturalmente a Castela, o que provocará a chegada dos cregos e funcionarios de orixe castelá.
- O castelán convértese nestes séculos na lingua da Administración e das clases privilexiadas, na lingua escrita e culta. - O galego segue sendo o idioma maioritario entre a poboación galega, pero o seu uso queda relegado aos ámbitos orais e coloquiais das clases populares.
Outros factores que influíron neste proceso de castelanización e marxinación do galego foron: - Uso exclusivo do castelán, xunto co latín, nas prácticas relixiosas por parte da igrexa. - Educación en castelán e latín na escola, que tamén era dependente da Igrexa.
No século XVIII, coa chegada da Ilustración, un grupo de ilustrados denuncia a situación de marxinación e atraso que sofre Galicia e procuran a dignificación do idioma. Defenden o valor da nosa lingua como idioma de cultura e inician os primeiros estudos lingüísticos sobre o galego. Recuperan ademais o seu cultivo literario, o que servirá de base para o Rexurdimento do século seguinte. Destacan:
• **Frei Bieito Xerónimo Feixoo**: Demostrou a orixe latina da nosa lingua, en contra da crenza oficial de que o galego era un dialecto do castelán, e a unidade lingüística co portugués.
• **Frei Martiño Sarmiento**: Discípulo de Feixoo, é considerado o fundador da Filoloxía galega, xa que foi o primeiro en recompilar léxico e fraseoloxía. Denunciou os prexuízos lingüísticos e a marxinación do galego, defendendo o seu uso escrito e a súa introdución na escola e na igrexa.
**O galego no século XIX**: Durante a época coñecida como Idade Contemporánea iníciase un proceso de dignificación social do noso idioma, que vai supoñer a súa recuperación como lingua escrita. No século XIX ten lugar o nacemento dunha ideoloxía galeguista que dará a coñecer a singularidade de Galicia, defenderá a dignidade da lingua galega e potenciará o seu uso na creación literaria. Aínda que o galego segue sendo a lingua falada pola maior parte da poboación, o castelán continúa a súa expansión, coa castelanización das clases urbanas debido, entre outros factores, aos xornais, ao aumento das escolas de Primaria, á presenza de empresarios e comerciantes de orixe foránea etc.
**Recuperación e dignificación da lingua** • O galego reaparece como lingua escrita e retoma o seu cultivo literario, que se consolidará no período chamado Rexurdimento, protagonizado por Rosalía, Curros e Pondal, principalmente.
• Aparece a prensa en galego: o primeiro xornal escrito integramente na nosa lingua foi *O Tío Marcos da Portela*, creado en 1876 en Ourense por Valentín Lamas Carvajal.
• Créanse os primeiros dicionarios e gramáticas, para reivindicar o emprego correcto da lingua en todos os ámbitos. Así comezan a fixar as peculiaridades fonéticas, morfolóxicas e léxicas do galego.
• Nacen as primeiras editoriais: Biblioteca Gallega (1885).
**A ortografía do galego no século XIX**: Os escritores desta época carecen dunha normativa e cada un transcribe a lingua falada na súa comarca, moi deturpada polo influxo do castelán. Adoptan como modelo ortográfico o castelán, xa que é a lingua que mellor coñecen.
• Presenza de moitas vacilacións na representación dos fonemas inexistentes en castelán.
• Presenza abundante de apóstrofos e guións para marcar as contraccións.
· Representación do seseo e algo da gheada.
• Abundancia de dialectalismos (maos, rapás, canciós) e castelanismos (gallego, jueves, virgen). Co paso do tempo, os escritores abandonan os dialectalismos e procuran unha lingua común, que estea por riba das variantes dialectais concretas, pero esta fase non se concretará ata o século XX.
Literatura nos Séculos Escuros (XVI-XVII)
Durante estes séculos, a lingua galega, ante as presións da lingua castelá, perde o seu anterior prestixio e vese relegada ao ámbito oral e familiar. Así, a literatura galega enmudece e vese privada dunha continuidade. Porén, conservamos algunhas mostras literarias:
Poesía
· Cantigas e romances populares de tradición oral (cantigas de berce, cantigas amorosas, romances de cego, coplas de maios, desafíos, regueifas etc.).
• Romances ou coplas sobre feitos históricos e sociais que causaron un grande impacto na sociedade do momento: sobre a execución do mariscal Pardo de Cela en Mondoñedo en 1483, o «Saqueo de Cangas polos turcos», sobre a crueldade dos piratas turcos que no ano 1617 destruíron O Morrazo.
Algúns sonetos renacentistas e barrocos.
· Poemas das Festas Minervais, organizadas pola universidade compostelá.
• Panxoliñas e cantigas de Nadal: Presentan unha galeguización do Nadal, baseándose na similitude léxica entre as palabras galego e galileo, e entre a pobreza de Xesús e a dos labregos galegos daquel tempo.
Prosa
Contos e lendas populares de tradición oral.
• Un texto do século XVI: *Relación da carta executoria*, que narra a execución de Pardo de Cela, indicando os 23 traidores que venderon o mariscal.
Teatro
· Farsas, autos populares sobre temas relixiosos (Corpus, Nadal) ou profanos (Entroido).
· A primeira obra teatral de autor coñecido é o *Entremés famoso sobre a pesca no río Miño*, de Gabriel Feixóo de Araúxo (1671). Trata dos conflitos entre pescadores galegos e portugueses pola pesca no río.
A Literatura no Século XVIII
Aínda que os ilustrados galegos escribiron a maior parte das súas obras en castelán, tamén recuperaron o cultivo literario do noso idioma. Destacan:
• **Martín Sarmiento** (1695-1772). A súa obra máis representativa é *Coloquio de 24 galegos rústicos*, composto por 1201 coplas de tema satírico co obxectivo principal de recoller vocabulario galego.
• **Benito Feijoo** (1676-1764). É autor de *Teatro crítico universal* (1726-1729), un conxunto de ensaios sobre temas diversos: medicina, filoloxía, agricultura etc.
• **Diego Antonio Cernadas e Castro** (1702-1777). Coñecido como o cura de Frume, foi autor de 24 poemas en galego nos que fai unha loanza da nosa terra.
• **Francisca de Isla e Losada** (1734-1808), foi unha muller intelixente e cunha gran formación, mais a situación das mulleres naquelas datas relegouna a un lugar secundario e ela mesma destruíu algúns dos seus escritos. Ademais de poeta foi tamén editora.
• **Xosé Cornide y Saavedra** (1734-1803). Foi autor de estudos de historia, xeografía e economía, tamén elaborou mapas e crónicas de viaxes. Escribiu poemas en castelán e en galego.
A Literatura do Século XIX
No século XIX iníciase o proceso de dignificación social e recuperación como lingua escrita do noso idioma e, por tanto, a literatura galega inicia a súa progresiva recuperación. Centrándonos na perspectiva literaria, podemos diferenciar dúas etapas:
**Prerrexurdimento (1808-1863)**: primeiros textos e precursores do rexurdimento.
**Rexurdimento (1863-1916)**
1808: Comezo da Guerra da Independencia. Remata en 1814 coa derrota napoleónica.
1863: Publicación de *Cantares gallegos* de Rosalía de Castro.
1916: Creación das Irmandades da Fala.
Primeiros Textos
Nas primeiras décadas do século XIX comezan a aparecer textos en galego, publicados na prensa ou distribuídos en follas soltas. Trátase de obras de escaso valor literario e de contido propagandístico, é dicir, unha «literatura de circunstancias».
2 son os temas principais:
• Contra a invasión francesa: «Un labradar que foi sarxento aos soldados do novo alistamento», *Proezas de Galicia* (José Fernández Neira, 1810).
• A favor das ideas liberais, a Constitución de 1812 e contra a Inquisición: «Os rogos dun gallego» (Manuel Pardo de Andrade, 1813). Tamén se escriben textos teatrais ou parateatrais (denominados tertulias e diálogos): *Tertulia da Quintana* (anónimo, 1820). En 1842 publícase xa *A casamenteira*, obra teatral de Antonio Benito Fandiño que trata o tema das vodas de conveniencia.
Os Precursores do Rexurdimento
Cara á metade de século, xorde a xeración dos denominados Precursores do Rexurdimento, na que se inclúen todos os escritores que teñen obra publicada antes da aparición dos *Cantares gallegos* de Rosalía (1863). Na súa maioría vencellados á xeración de 1846, constitúen a primeira xeración galeguista. O rexurdir da literatura en lingua galega vai unido ao nacemento da ideoloxía galeguista, é dicir, a recuperación literaria non é un fenómeno exclusivamente cultural, senón que vai ligado ás reivindicacións políticas e económicas. A escolla do galego como lingua poética supón, neste sentido, unha actitude de compromiso.
Os temas principais da literatura do momento son:
• Exaltación da paisaxe galega.
• Apoloxía do idioma, defendendo a súa dignificación social e o seu emprego en todos os niveis, así como o seu estudo.
· Denuncia dos males que padece o país: atraso económico, emigración.
• Defensa fronte aos ataques e desprezos que sofren Galicia e os galegos.
O ano 1861 celébranse na Coruña os primeiros Xogos Florais da Coruña, un concurso literario que gañou Añón co seu poema «A Galicia». O ano seguinte publicouse o *Álbum de la Caridad*, un libro no que se recollían as composicións premiadas e tamén outras de autores da época como Rosalía, Pintos e Pondal. Neste período destacan:
**Xoán Manuel Pintos** é o autor de *A gaita gallega* (1853), o primeiro libro da literatura galega contemporánea. Preséntase como un compendio do mundo cultural galego a través das ensinanzas que un vello gaiteiro lle dá ao seu tamborileiro, Pedro Luces, de orixe castelá. Ambos dialogan sobre as características da lingua galega e outros temas como a emigración, a fame. É unha defensa da lingua e da cultura galega.
**Francisco Añón** publicou en revistas e xornais da época un bo número de composicións de temática costumista e reivindicativa: a fermosura da paisaxe, as lembranzas da infancia, a negativa situación de Galicia, a esperanza no progreso...
O Rexurdimento
A consolidación da literatura galega prodúcese no período que chamamos Rexurdimento e que se inicia no ano 1863 coa publicación de *Cantares gallegos* de Rosalía de Castro, e finaliza cara a 1916 coa creación das Irmandades da Fala. Nesta etapa confírmase a recuperación do cultivo literario en galego da man de autores como Rosalía, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal, que marcarán un dos momentos culminantes da nosa literatura. Xunto a eles, hai que destacar tamén outros autores como:
• **Valentín Lamas Carvajal**. A súa obra de máis sona é *O catecismo do labrego*, que denuncia a dura vida dos labregos. Tamén publicou varios libros de poesía (*A musa das aldeas*, *Gallegada*, *Espiñas, follas e flores*).
• **Manuel Leiras Pulpeiro**. Publicou o libro *Cantares gallegos*, de temática costumista, social e anticlerical.
• **Filomena Dato**. É autora do poemario *Follatos*, libro de temática relixiosa, intimista e de reivindicación feminista (defensa da muller e denuncia dos estereotipos de xénero).
• **Marcial Valladares**. Ademais da súa gramática e do dicionario, foi o autor da primeira novela en lingua galega: *Maxina ou a filla espúrea*.
• **Antonio López Ferreiro**. Autor de tres novelas históricas de carácter romántico (*A tecedeira de Bonaval*, *O niño de pombas*, *O castelo de Pambre*).
• **Francisco Álvarez de Nóvoa**. Publicou o libro de relatos *Pé das Burgas* e numerosos contos en revistas e xornais.