Explorando Épocas Clave na Arte e Civilización: Grecia, Roma, Goya e o Impresionismo

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 11,76 KB

Contexto Histórico e Cultural da Grecia Clásica

A Época Clásica (séculos V-IV a.C.) iníciase coas Guerras Médicas (490-479 a.C.), conflito que enfrontou ás polis gregas co xigantesco Imperio Persa, e do que as primeiras saíron vencedoras. Especialmente reforzada saíu a polis de Atenas, que á fronte dunha coalición de cidades marítimas (a Liga de Delos), iniciou un período de hexemonía no eido político, cultural e artístico. O chamado Século de Pericles –polo nome do gran estadista ateniense–, remata con outro conflito bélico, as Guerras do Peloponeso (431-404 a.C.), entre Atenas e Esparta, que marca a decadencia política e económica das polis gregas no século IV a.C.

Características Fundamentais da Arte Grega Clásica

O antropocentrismo, o racionalismo e a busca da beleza formal abstracta son as principais características que definen a arte grega clásica.

1. Antropocentrismo: A Dimensión Humana

Todas as manifestacións culturais de Grecia están presididas pola preocupación polo home. Trátase dunha cultura antropocéntrica (en palabras do filósofo Protágoras, “o home é a medida de todas as cousas”). Toda a arte grega faise á medida do home e para o home. É unha arte que non serve aos deuses, como o facía a exipcia, nin adopta o colosalismo que os exipcios mostraron nas súas construcións levantadas para o deus vivo. Os edificios gregos fixéronse tomando o home como medida e para o seu uso e goce. A figura humana é o tema principal da escultura grega. As formas escultóricas plasman os aspectos visibles da concepción ideal do ser humano.

2. Busca da Beleza Ideal

Trátase dunha beleza froito do estudo, unha beleza racional, abstracta, un tanto fría e distante, que se basea no mundo real pero que se somete á corrección do home.

Orixes e Evolución da Civilización Romana

A cidade que conquistaría un Imperio, que no momento de maior esplendor dominaba gran parte da actual Europa, Asia Menor e o Norte de África, tivo unhas orixes bastante humildes. Ao principio non era máis que unha pequena cidade do Lacio baixo o dominio etrusco, que segundo a lenda, fundaran os xemelgos Rómulo e Remo, fillos do deus Marte, no 753 a.C. No século VIII a.C. os pobos itálicos conformaban un variado mosaico étnico e lingüístico: Oscos, Umbros, Sabinos, Latinos... e estaban establecidos nas rexións centrais da península. Na rexión noroccidental atopábanse os Etruscos e na parte sur e a illa de Sicilia, os Gregos (Magna Grecia).

Etapas da Historia de Roma Antiga

Dende a súa fundación e ata a súa caída, distínguense tres grandes etapas na historia da Roma antiga:

  • Monarquía (753-509 a.C.): período no cal Roma estivo gobernada por sete reis, cun halo lendario.
  • República (509-27 a.C.): foi unha etapa de gran expansión territorial, baseada en dous piares: a firme estrutura política da República e a eficacia e disciplina do exército romano (lexións) e o seu carácter imperial.

A Arte Romana: Fusión e Orixinalidade

A lenta fusión das peculiaridades dos pobos etrusco e grego deu orixe ao que se coñece como arte romana. Pero este feito non implica que o romano sexa unha simple fusión de Etruria e Grecia. Por riba da fusión está presente a esencia mesma de Roma, os elementos que fixeron que Roma destacase sobre as demais cidades etruscas e latinas: a súa visión da vida eminentemente práctica, e o seu marcado carácter militar e comercial. Este carácter pragmático do mundo romano foi o que provocou, no campo da arte, a importación de esculturas procedentes da Hélade, considerada o berce da cultura. Os romanos apreciaban a beleza e non tiñan ningún reparo en encargar copias das célebres esculturas gregas. De feito, a arte etrusca, antecedente da romana na propia Italia, tamén ten a súa débeda coa arte grega desenvolvida na Magna Grecia e estendida por mor da actividade comercial. O fenómeno intensifícase notablemente cando se conquistan e saquean os reinos helenísticos, e os romanos comproban o tremendo desnivel cultural entre a súa civilización e a que estaban a conquistar. Comeza entón un proceso de helenización en territorio romano, impregnándose todo o ámbito dun aire cultural predominantemente grego, malia o rexeitamento dalgúns sectores da poboación que vían nesta claudicación cultural fronte ao heleno unha auténtica humillación que anulaba a verdadeira inclinación do romano cara á súa propia cultura, dominada pola simplicidade e o pragmatismo do campesiño ou o guerreiro.

Contribucións Culturais Fundamentais

As contribucións máis relevantes destas dúas grandes bases culturais, Etruria e Grecia, pódense apreciar dende o principio:

  • De Grecia tomaron: a técnica perfecta da súa escultura, as ordes arquitectónicas, referente para os templos.
  • Dos Etruscos herdaron: o gusto polo retrato, o culto aos devanceiros e ás máscaras funerarias –punto de partida da retratística romana–; a depurada técnica da estatuaria de bronce, a utilización do arco de medio punto, que se convertería nun elemento fundamental da arquitectura romana.

A orixinalidade romana apréciase no seu marcado carácter militar, que facía prevalecer a utilidade fronte á beleza abstracta e ideal do mundo grego. A arte de Roma é unha arte concibida para ser utilizada; o primordial é a súa finalidade, o servizo que poida prestarlle á comunidade e, o que é máis importante, o servizo prestado a Roma (carácter aúlico). E, como a propia Roma, perdurará eternamente.

Francisco de Goya: Traxectoria e Evolución Artística

Primeiros Anos e Ascenso na Corte

Francisco de Goya y Lucientes naceu en Fuendetodos (provincia de Zaragoza) en 1746. O estudo do barroco italiano constitúe a súa primeira aprendizaxe, co seu mestre de Zaragoza, José Luzán (discípulo de Lucas Jordán), e a súa viaxe a Italia. De regreso a Zaragoza realiza as pinturas murais da Basílica do Pilar. O casamento coa irmá do pintor Francisco Bayeu facilítalle a instalación na Corte de Madrid (1775), onde traballa nos cartóns para tapices baixo a dirección de Anton Raphael Mengs. Ata os corenta anos, Goya limítase pouco máis que a pintar escenas costumistas, nas que é difícil prever o mestre singular das etapas posteriores.

A Enfermidade e a Transformación Artística

Protexido polos Duques de Osuna, convértese en pintor do rei Carlos III, e en 1799 en pintor de cámara do rei Carlos IV. Esta gran proximidade á familia real é o que lle abre a porta dos salóns aristocráticos de Madrid e o pintor convértese no retratista de moda. Nos seus retratos destacan como notas peculiares a súa finura e a súa elegancia. Ata entón a súa vida fora un percorrido de triunfos artísticos e sociais. No ano 1792, unha grave enfermidade deixouno xordo; a esta doenza atribúeselle un influxo decisivo na pintura de Goya. Se o sufrimento é un extraordinario xerador de enerxías espirituais, no caso de Goya iníciase unha auténtica metamorfose da súa personalidade artística a través desta experiencia de dor persoal. Noutro momento posterior, a dor colectiva terminaría de dar á súa arte unha nova dimensión. A xordeira inclínao ao illamento e á introspección, deixa de contemplar a sociedade como un conxunto de cadros e costumes amables e comeza a considerar o ángulo negativo dos convencionalismos. Á crítica amarga súmaselle unha imaxinación case febril, un mundo interior turbado, que plasma nos primeiros Caprichos, obras concibidas como unha libre divagación nun mundo sen sentido e que de ningunha forma podían estar destinadas á súa antiga clientela. Ao mesmo tempo continúa cumprindo os seus encargos de retratista: en 1800 pinta A familia de Carlos IV.

A Guerra e a Visión Pesimista

A partir de 1808 a Guerra da Independencia, coa súa secuela de horrores, vai supor unha experiencia amarga que intensifica a súa veta pesimista e crítica; a arte de Goya xa non volverá a ser a representación dun mundo amable. As escenas do Dous de Maio e Os Fusilamentos do Tres de Maio, e a serie de debuxos e gravados dos Desastres da Guerra sinalan cotas poucas veces alcanzadas na expresión da dor dun pobo e a degradación dos sentimentos; o ser humano convértese nunha besta dotada dunha incrible crueldade.

O Exilio e as Pinturas Negras

Tras a guerra, a pesar de que fora retratista do monarca francés Xosé I Bonaparte, Fernando VII repúxoo no seu posto de pintor de cámara. Pero Goya era un liberal convencido, e os excesos do absolutismo inclínao a illarse de todo trato mundano. É a época das súas Pinturas Negras, nos muros da casa que tiña do outro lado do río Manzanares, á que os madrileños chamaban Quinta do Xordo. Nestas pinturas escuras dá renda solta á súa imaxinación, cada vez máis exaltada e poboada de monstros e bruxas. Coa entrada dos Cen Mil Fillos de San Luís, en 1823, e a iniciación da represión absolutista (Década Ominosa), Goya decide abandonar España, para o que solicita permiso rexio e instálase en Burdeos, onde morre en 1828.

O Impresionismo: Contexto e Emerxencia Artística

Transformacións Históricas e Sociais do Século XIX

A segunda metade do século XIX caracterizouse por unha serie de acontecementos históricos de gran transcendencia política e social: as unificacións Italiana e Alemá (1870-71), a caída do Segundo Imperio e a chegada da Terceira República en Francia (1870), a consolidación dos Estados Unidos de América ou o cénit do imperialismo colonial europeo no mundo. En España, o panorama político viuse alterado pola Revolución de 1868, por un cambio dinástico, a proclamación da Primeira República e a Restauración Monárquica. Todos estes cambios foron acompañados de transformacións socioculturais, como a afirmación da burguesía como consumidora das actividades culturais, a mercantilización da arte e a nova relación artista-cliente. O auxe demográfico, a maior concentración urbana e o desenvolvemento industrial fixeron reformular as necesidades arquitectónicas e urbanísticas das grandes cidades e a substitución do artesán polo mecánico.

Novas Correntes Artísticas e o Centro de París

A arte aproveitou os recursos burocráticos das novas administracións e apelou ao gusto das clases dominantes, xerando unha serie de manifestacións reunidas baixo o termo de eclecticismo. Outro sector, minoritario, aproveitou as fisuras do mercado da arte para, grazas á ousadía dalgúns marchantes e, sobre todo, á constancia duns artistas atentos aos avances e experimentos científicos, buscar novas formas de expresión. Todo isto xerou unha serie de movementos que se converteron en xerme das Vangardas do século XX. A sociedade, cada vez máis industrializada, contribuíu á inevitable substitución da linguaxe artística vixente por outras máis axeitadas ás novas perspectivas, así como á caída de axiomas tan característicos como o de “arte igual a beleza” e o conseguinte antagonismo entre obra de arte e obxecto útil. O centro artístico máis importante da arte da segunda metade do século XIX foi París. A capital francesa converteuse en centro creador e receptor das principais tendencias pictóricas: Realismo, Impresionismo, Postimpresionismo e Simbolismo. Roma, a pesar de continuar como centro oficialista e académico. En pintura, o Realismo (1848) deu paso ao Impresionismo (1874-1886), movemento que iniciou un proceso de ruptura respecto ás normas de representación obxectiva da realidade. Este camiño foi seguido cara á década de 1890 polo Postimpresionismo e o Simbolismo, o que produciu un cambio a principios do século XX.

Entradas relacionadas: