Explorando os Comezos do Teatro Galego: Desde a Escola Dramática ás Irmandades da Fala
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 4,39 KB
A Escola Dramática Galega creouse co obxectivo de formar actores e de estimular a produción dos dramaturgos que, grazas á Escola, poderían ver as súas obras representadas. Aínda que só estivo activa ata 1905, durante este período representou obras de diversos autores, entre as que destaca A ponte, de Manuel Lugrís Freire, que supuxo unha ruptura co teatro anterior, no sentido de que é a primeira peza escrita en prosa.
En canto aos “Coros populares”, a súa actividade teatral, preludio da das Irmandades, levounos a estrear numerosos espectáculos en distintos lugares de Galicia. Toxos e Froles (Ferrol, fundado en 1915), Cantigas da Terra (A Coruña) ou De Ruada (Ourense, 1919), son algúns deses coros populares.
Entre os autores dramáticos máis representativos destes primeiros anos, podemos citar a Xosé San Luís Romero, autor de numerosas obras teatrais, aínda que a máis representada foi O fidalgo, un drama anticaciquil que amosa a súa preocupación polos males que sufría Galicia, como a emigración. Pero o autor máis popular destes primeiros anos é Xavier Prado Rodríguez (coñecido polo pseudónimo de Lameiro). A súa obra dramática foi recollida en dous tomos publicados en 1928: Monifates e Farsadas. Trátase dun teatro de carácter costumista, moi na liña do teatro decimonónico, pero sempre marcado pola comicidade e mesmo, ás veces, pola sátira contra os poderosos.
O Teatro das Irmandades da Fala
Non obstante, o mellor teatro das dúas primeiras décadas do século chegará da man das Irmandades da Fala, que tiñan como obxectivo crear un teatro de calidade, que superase o costumismo decimonónico. Pretendían sentar as bases dun teatro nacional galego, sustentado nunha literatura dramática que recollese as esencias máis universais do país. Consideraban que o teatro era un dos ámbitos onde a lingua podía recuperar o seu prestixio social, ademais dun instrumento ideal para espallar as súas ideas nacionalistas.
Pero acadar os seus obxectivos, sen unha tradición oral asentada, sen un público formado e sen infraestruturas nin compañías, non era unha tarefa doada. Por iso, os membros das Irmandades fundaron pequenos grupos de teatro e promoveron a escrita e a representación de pezas teatrais, introducindo novos temas e técnicas e utilizando unha lingua menos dialectalizada cá do teatro precedente. Ademais, en 1919 crearon o “Conservatorio Nazonal da Arte Gallega”, que se inaugurou coa obra de Cabanillas, A man da santiña, autor tamén doutra peza titulada O Mariscal.
A man da santiña é unha comedia costumista, escrita a instancias de Vilar Ponte, coa que pretende dignificar a nosa lingua, e para iso vai situar a acción nun ambiente señorial, rachando así co concepto ruralista do teatro anterior. (Aparece por primeira vez a lingua galega utilizada polas clases altas e rodeada de cultura e distinción). Na segunda peza, mitifica a figura do Mariscal Pardo de Cela, axustizado polos Reis Católicos, nun ambiente de loitas civís e nobiliarias do século XV e convertido poeticamente no primeiro defensor da Autonomía de Galicia. Non se chegou a estrear debido á súa complexidade técnica.
Outros dramaturgos importantes son: Antón Vilar Ponte coa súa obra A patria do labrego (de temática anticaciquil); Cotarelo Valledor, autor de varias pezas de temática variada, como Trebón e Lubicán (de ambiente labrego), Sinxebra (unha comedia de carácter señorial), Beiramar (de carácter mariñeiro) e Hostia (unha peza de carácter histórico). Por último, convén mencionar a Carré Alvarellos, que escribiu un teatro burgués destinado a un público culto, con pezas como O pecado alleo e Almas en pena.
A Chegada dos Homes de Nós
Coa chegada dos homes de Nós, a dramaturxia galega desvincúlase da función propagandística das Irmandades, achegándose a un teatro simbólico, entendido como unha obra de arte. Para iso, van incorporar nas súas producións as novas tendencias da dramaturxia europea, tales como a utilización de máscaras (para o rostro dos actores), cores, música, xogos de luces, etc., que fan que a posta en escena cobre un maior protagonismo, nun intento de atraer un maior número de espectadores e de converter o teatro nun elemento dinamizador da cultura galega.