Exploración de Ecosistemas, Demografía e Urbanismo: Canarias, España e Barcelona

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 11,11 KB

Ecosistemas e Biodiversidade das Illas Canarias

O Piñeiro Canario: Resistencia e Adaptación

A especie dominante é o piñeiro canario, que, ao quedar fóra do mar de nubes, debe adaptarse á aridez e ao frío. É unha árbore que rebasa con facilidade os 30 metros de altura e caracterízase pola súa enorme capacidade de rexeneración fronte a xeadas e incendios. Dado o seu interese madeireiro, foi unha especie moi difundida. Forma bosques non moi pechados, e incluso abertos, que en ocasións poden acompañarse dun sotobosque bastante desenvolvido; de codesares, escobóns e tomillares nas cotas altas e de xaras nas cotas baixas e intermedias. Tamén é frecuente neste piso o cedro canario nas zonas máis altas.

O Piso Supracanario: Flora de Alta Montaña

O piso supracanario (por riba dos 2.200 m e só presente en Tenerife e A Palma) caracterízase por unha nudez acusada, debido ás baixas temperaturas invernais, á sequidade do aire, ao vento e á forte insolación, que impiden o crecemento das árbores. O piso está dominado polo matorral de alta montaña, disperso, como a retama e o codeso, que son formacións baixas, de raíces moi desenvolvidas, talo reducido, espiñas e riqueza florística moi acusada, que as converte nunha das formacións vexetais máis interesantes de Canarias. No Teide predomina a retama sobre o codeso, e a riqueza florística é maior debido á maior diversidade de plantas rupícolas. A máis famosa é a violeta do Teide, que aparece no cumio.

Dinámica Demográfica en España: Un Estudo Comparativo

Análise das Pirámides de Poboación (1960 vs. 2020)

A figura 2 representa dúas pirámides de poboación con datos do INE, correspondentes aos anos 1960 e 2020. Trátase de gráficas de estrutura demográfica por sexo e idade en grupos quinquenais.

Diferenzas na Estrutura Demográfica (1960 vs. 2020)

A pirámide de España en 1960 corresponde a un modelo de pirámide progresiva, cunha base ancha e ampliándose por mor dunha taxa de natalidade elevada, na época de eclosión do baby boom do segundo franquismo. Nese período, unha política pronatalista, con forte influencia do credo católico imperante, fomentou a existencia de familias numerosas, e o país atopábase na época da transición demográfica, caracterizada por un forte crecemento vexetativo. A fecundidade era ben elevada, superando con moito a taxa de reposición de 2,1 fillos por muller. A esperanza de vida, ben menor ca en tempos actuais, denota un maior avellentamento feminino, característica que se mantén en tempos presentes. A pirámide estréitase de xeito significativo no grupo de 20 a 24 anos, correspondente aos non nacidos na Guerra Civil, e amosa poucos varóns no grupo de 40 a 44 anos, debido ás mortes causadas polo conflito bélico, especialmente en soldados novos; tamén neste grupo de idade as mulleres diminúen.

A pirámide do ano 2020 é un modelo de pirámide regresiva, propia do novo réxime demográfico. A taxa de fecundidade descendeu, situándose por debaixo da taxa de reposición, o que repercute nunha taxa de natalidade baixa, tamén característica dunha sociedade laica que practica o control de natalidade e se deixa influenciar por postulados neomalthusianos, e a perda de importancia da poboación nova no conxunto total. A idade media da poboación aumentou e a esperanza de vida tamén, como consecuencia de vivirmos nunha sociedade na que a sanidade se perfecciona.

Consecuencias do Modelo Demográfico Actual (2020)

A pirámide de poboación de 2020, claramente regresiva, ten unha serie de consecuencias para o futuro demográfico do Estado:

  • Maior duración da vida: Amosa unha maior duración da vida da maior parte das persoas. Trátase dunha sociedade que goza de experiencia e pode valerse dela para solucionar problemas. Mais tamén se pode tornar máis conservadora e xerontocrática, cun certo risco de estancamento na xestión política e na innovación. A necesidade de atender ás necesidades dunha poboación cada vez máis avellentada incide na necesidade de servizos sociais centrados na atención sanitaria.
  • Menor número de nacementos: Un menor número de nacementos esixe reemprazar a poboación activa do tecido produtivo mediante inmigración, de non ser posible o reemprazo xeracional na actividade económica. Tamén pode repercutir nunha mellora da ratio educativa e nunha formación máis personalizada da xente nova.
  • Avellentamento demográfico e pensións: O avellentamento demográfico, cun peso moi significativo da poboación xubilada no total, pode conlevar dificultades de mantemento do sistema de pensións ou a necesidade de reforma do mesmo, alongando a idade de xubilación de cara a prover de retribucións a unha xeración, a do baby boom dos anos 1960, que engrosará en breve o cumio da pirámide.

Barcelona: Evolución Urbana e Desafíos Actuais

O Plano Urbano de Barcelona: Unha Visión Xeral

A figura 2 é unha representación a escala dun fragmento do plano urbano da cidade de Barcelona, capital da comunidade autónoma de Cataluña e principal metrópole rexional. Un plano urbano é unha representación gráfica das superficies construídas e as libres (rúas, prazas, xardíns, parques), así como a súa organización no espazo e a través do tempo. O plano permite diferenciar fundamentalmente tres grandes unidades morfolóxicas: o casco antigo ou cidade preindustrial (anterior ao século XIX), os ensanches burgueses e barrios industriais (século XIX), e as periferias (séculos XX e XXI).

O emprazamento é o lugar que serve de soporte físico á cidade. Barcelona está emprazada á beira do mar Mediterráneo (na figura podemos ver algúns dos peiraos das instalacións portuarias relacionadas coa importante función comercial que tivo a cidade desde a súa orixe, á que acompañaron a función comercial e defensiva). A cidade está encaixada entre o límite marítimo e as estribacións da Cordilleira Costeira Catalá, polo que o seu crecemento seguiu a liña de costa cara a municipios próximos como Badalona ou Hospitalet de Llobregat. A parte principal do plano correspóndese cunha chaira (dada a uniformidade da trama). Hoxe en día é a segunda cidade máis poboada do país e a primeira de Cataluña, formando parte dunha das áreas máis desenvolvidas do país, polo que a súa influencia é suprarexional (mesmo nacional e internacional nalgunha das súas funcións), articulando o denominado eixe mediterráneo.

Relación entre a Evolución Histórica e os Tipos de Trama Urbana

Como a maioría das grandes cidades, Barcelona presenta un plano complexo que pode estruturarse en tres grandes áreas ou unidades morfolóxicas: casco antigo, ensanche e periferia.

O Casco Antigo ou Histórico (Cidade Preindustrial)

O casco antigo ou histórico (cidade preindustrial) ocupa unha superficie relativamente pequena dentro da cidade actual. Barcelona na súa orixe foi un antigo campamento romano que xa tivo un plano hipodámico amurallado. Posteriormente, a cidade medieval remodelou estes espazos, creando un casco histórico de rúas estreitas e irregulares, abigarradas e rodeadas por unha muralla sinuosa. Esta parte é facilmente identificable na zona suroccidental do plano, ao leste da grande zona verde que corresponde ao parque de Montjuic: un plano anárquico propio da cidade medieval que amosa un crecemento sen planificación.

A súa trama é pechada e compacta debido a que o crecemento da cidade aconteceu durante séculos no espazo intramuros, con construcións estreitas e altas, e practicamente sen infraestruturas comúns. Nesta zona localízanse algúns dos edificios históricos máis importantes da cidade (Catedral, Barrio Gótico...). O espazo público é moi limitado. A antiga muralla medieval foi reemprazada por roldas e vías que a atravesaron desde finais do século XIX, cando o tráfico rodado estimulou a demolición das murallas e a creación de novas roldas perimetrais.

O Ensanche Burgués (Século XIX)

O crecemento da cidade no século XIX levou a proxectar un ensanche en torno á cidade preindustrial. Ildefonso Cerdá foi o encargado de proxectar o ensanche burgués adoptando un plano en cuadrícula, dameiro ou ortogonal con mazás cadradas delimitadas por rúas que se cortan formando ángulo recto. Cerdá introduce a novidade de rasgar as esquinas en chaflán para facilitar o tráfico da cidade (desta maneira a mazá cadrada se transforma en octogonal) e deixa, como podemos ver no plano, amplas rúas entre as mazás. O plano ortogonal rómpese coa apertura dunha diagonal que facilita o tráfico e os desprazamentos. O Ensanche de Cerdá, que prevía a combinación de zonas verdes con zonas edificadas e mesmo emprazamentos industriais, foise reenchendo progresivamente por mor dunha especulación urbanística que ocupou todas as mazás con funcións preferentemente residenciais.

As Periferias (Séculos XX e XXI)

A importancia industrial de Barcelona estimula o seu crecemento e novas expansións que supoñen a anexión á cidade do que eran pobos agrícolas transformados en barrios urbanos. Son as periferias dos séculos XX e XXI. O plano destas periferias presenta características relacionadas cos gustos urbanísticos e arquitectónicos das distintas épocas históricas.

Desafíos e Solucións para o Casco Antigo de Barcelona

Ao igual que en moitas grandes cidades, os principais problemas do casco antigo son o deterioro físico de rúas e casas, o que dá lugar a unha degradación social que provoca avellentamento da poboación, perda de poboación, baixo nivel de renda e concentración de clases marxinais cun rápido desgaste das edificacións. Isto provoca un deterioro ambiental que prexudica á imaxe da cidade. Ademais, a terciarización do solo provoca o baleiramento do centro fóra das horas comerciais.

As posibles solucións a estes problemas son:

  • A posta en práctica de políticas de rehabilitación de edificios.
  • A creación de espazos verdes.
  • O fomento do uso residencial.
  • A aposta pola sustentabilidade medioambiental destes espazos (peonalización) para reducir a contaminación atmosférica e acústica.
  • O fomento da cohesión social (área de oportunidades económicas que atraia poboación nova e de maior nivel de renda).

Non obstante, nos últimos anos, ligado a este proceso de revalorización dos centros históricos aparece o problema da xentrificación que remodela o espectro social da poboación que o habita. Especialmente nestas zonas antigas deben fomentarse políticas públicas de conservación e revitalización mellorando os espazos públicos, rúas e prazas ou dar un novo uso a vellos monumentos, converténdoos, por exemplo, en edificios administrativos ou universitarios, que contribúan a dinamizar a vida dos centros históricos.

Entradas relacionadas: