Exploración da Literatura e Sociedade Galega do Século XX: Agrarismo, Nacionalismo e Vangardas
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 17,03 KB
Contexto histórico-social
O período entre 1900 e 1936 en Galicia caracterízase por un intento de modernización de diferentes estruturas (económicas, sociais e culturais) que se viu frustrado pola guerra civil e a ditadura posterior.
O Agrarismo
No tránsito do século XIX ao XX atopamos unha sociedade rural (90%) con graves carencias, derivadas principalmente do caciquismo e o sistema foral.
Porén, é no primeiro terzo do século XX cando xorde o Agrarismo, movemento de carácter reivindicativo, que pretendía combater o atraso das estruturas agrarias, facendo unha verdadeira planificación do campo, e sobre todo, rematar co sistema foral (os foros suprímense no 1926 durante a ditadura de Primo de Rivera).
Este movemento agrarista, que tivo o seu período de máxima ebulición entre 1907 e 1914 estaba apoiado politicamente por sociedades e sindicatos agrarios como Solidaridad Gallega e Acción Gallega (líder - Basilio Álvarez).
O Nacionalismo: As Irmandades da Fala
Como consecuencia da efervescencia social xurdida do agrarismo, nacen, en 1916, as Irmandades da Fala, que conceptúan a Galicia como nación e defenden o seu dereito a decidir, para o que é necesario acceder ao poder político.
O seu nacemento ten lugar en 1916, na Coruña, por iniciativa de Antón Villar Ponte. A imitación desta primeira irmandade, deseguida se van estendendo outras por todo o territorio galego. Teñen como órgano de expresión a revista A Nosa Terra. O obxectivo primeiro destas Irmandades, era a defensa da lingua, pero a partir do nacemento da irmandade santiaguesa, dirixida por Porteiro Garea, a intención cultural amplíase coa política (I Asemblea de Lugo -1918). Na IV Asemblea Nacionalista de Monforte (1922), as Irmandades escindíronse en dúas vertentes: o grupo coruñés, que defendía a liña política (posición liberal-democrática), e a Irmandade Nazonalista Galega (conservadora e dirixida por Vicente Risco), que defendía a acción cultural fronte á participación na política. A ditadura de 1923 fixo que o nacionalismo galego se centrase na actividade cultural.
Lírica galega
Noriega Varela: Tradición
Publicou Do ermo no 1920 (Montañesas nas primeiras edicións), un poemario de temática paisaxista onde destacan a montaña e os costumes populares. O autor tamén elabora unha poesía culta e refinada, que segue tomando como motivo as paisaxes montañesas, pero tratadas cun gusto impresionista que anticipa o hilozoísmo (Amado Carballo) e que emprega como recursos característicos a metáfora e a personificación dos elementos naturais. Noriega convértese no poeta das cousas pequenas (os vermes, as espiñas, as flores dos toxos…) cunha actitude a atracción polo humilde, que resulta ser unha manifestación externa da súa profunda relixiosidade.
Ramón Cabanillas: Renovación
Considerado como o grande poeta dos comezos do XX, combina os mellores elementos da poesía do Rexurdimento cunha actualización da poesía galega, que grazas a el incorpora os elementos básicos das estéticas da poesía europea do seu tempo.
Na obra literaria de Ramón Cabanillas podemos distinguir catro etapas:
A. Etapa de formación ou pregaleguista (1910-1915)
Publica en Cuba, logo de asumir o ideario agrarista, No desterro e Vento mareiro, libros de similitude estética e temática, nos que Cabanillas asimila a tradición poética de Rosalía e Curros, coa incorporación de novidades do modernismo. Esta era unha corrente artística de principios do XX na que se enxalzaban os sentidos, polo que o colorismo e o exotismo constituían as súas principais características. Hai un grupo reducido de poemas de tema civil, nos que denuncia a situación do agro galego desde unha perspectiva de loita agrarista, anticaciquil e antiforal. Destaca a antítese entre o mundo aldeán e vilego, entre o labrego e o cacique ou o fidalgo (“A Basilio Álvarez”, “Acción Gallega”, “Lume no pazo”).
B. Etapa galeguista (1916-1920)
A obra poética representativa desta etapa é Da terra asoballada, onde sen renunciar á denuncia anticaciquil da etapa agrarista, o poeta adoptará agora unha actitude máis didáctica. Neste senso, a oposición aldea (+) / vila (-) da etapa anterior transfórmase no conflito Galicia /Castela.
Ao mesmo tempo, a poesía de Cabanillas contén todos os elementos da ideoloxía das Irmandades: papel esencial da lingua na conformación da nación, celtismo, modelo irlandés, Portugal como prolongación cultural de Galicia, etc…
C. Etapa mítico-saudosista (1921-1930)
Na década dos 20, a reorientación das Irmandades cara a unha liña máis culturalista, provoca unha inflexión na poesía de Cabanillas, que se centra nunha reconstrución mitificadora do pasado galego.
En Na noite estrelecida (“A espada Escalibur”, “O cabaleiro do Sant-Grial” e “O sono do rei Artur”) o autor cambadés emprende unha actualización da materia de Bretaña, coa fin de adaptar a complexa lenda medieval da corte artúrica a unha mensaxe patriótica e cristiá, a través dun sincretismo de elementos temáticos: o mundo celta, Galicia e o misticismo cristián. Neste intento de escribir unha épica que dignifique o pasado e exalte os valores culturais galegos, Cabanillas segue a liña iniciada por Pondal, pero menos arcaizante e cun influxo modernista evidente (emprego de alexandrinos alternando con outro tipo de estrofas populares, abundante adxectivación…).
A esta mesma época pertence o poemario intimista A rosa de cen follas, que retoma a liña intimista e amorosa en clave modernista.
D. Etapa de posguerra (1939-1959)
A partir de 1931, Cabanillas deixa de publicar poesía, excepto algún poemas circunstanciais aparecidos en revistas. Será na década dos 50 cando publique os seus últimos libros de poemas, Da miña zanfona e Samos. Atopamos aquí un Cabanillas que reflexiona de forma amarga e moralizante sobre a mocidade perdida, sobre a vida e a morte.
A Poesía de Vangarda
O século XX caracterízase artisticamente pola actitude crítica contra a arte pasada e a ruptura coa tradición herdada. En Europa, nun contexto bélico, con grandes cambios sociais e novas formas de percibir a realidade (fotografía, cinema), sucederanse dende 1910 ata mediados de século unha serie de movementos estéticos: cubismo, futurismo, creacionismo, dadaísmo, surrealismo... que procuran a renovación total das distintas manifestacións artísticas (pintura, literatura, música...). Coñecémolos co nome de Vangardas. Algunhas das súas características son:
- Rexeitar o tradicional e convencional, cunha nova reinterpretación da realidade.
- Reivindicación da liberdade absoluta para crear.
- Difusión dos seus postulados artísticos a través dos manifestos.
En Galicia, ao tempo que os escritores das Irmandades e do Grupo Nós desenvolven o seu labor cultural e literario, xorde unha xeración de poetas máis novos que incorporan á literatura galega os movementos da vangarda europea.
Na liña provocadora dos manifestos vangardistas, publícase no 1922 ¡Máis alá! (asinado por Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro) onde se anima, por primeira vez, a empregar o galego na literatura, desprezando autores galegos de obra en castelán como Valle Inclán (“Pollitos bien”). Critícase o presente da literatura galega (“Os vellos”) e deféndese a ruptura total coa tradición (“Os devanceiros”). Defende unha renovación estética e temática, afastada do ruralismo decimonónico e avoga pola absoluta liberdade creadora.
Tamén constitúe unha enérxica defensa da lingua galega e do ideario nacionalista.
A xeración de poetas de vangarda coñécese co nome de Xeración de 1925. Espallan a súa obra poética polas revistas literarias da época (Nós, Alfar, Papel de Color, Cristal, etc.) e participan activamente na formación do Seminario de Estudos Galegos xunto co Grupo Nós. Realizan un labor de actualización e modernización da lírica galega, póndose en relación coas grandes correntes europeas, sen perder a súa singularidade.
Neotrobadorismo
En 1928, os autores galegos descobren a existencia da nosa lírica medieval. Moitos volven a esa tradición, pero os neotrobadoristas non a imitan, senón que collen recursos temáticos e formais (amor, natureza, paralelismo, refrán…), pero con intención innovadora e cunha linguaxe poética do XX. Destaca Bouza Brey con Nao senlleira e Alvaro Cunqueiro con Cantiga nova que se chama riveira-1933).
Hilozoísmo
Foi o máis cultivado e o que máis perdurou no tempo. Tamén é resultado da suma de tradición e renovación. Presenta recursos tradicionais como a paisaxe, sempre personificada e a sinxeleza métrica, pero combinados con recursos vangardistas como elementos visuais e auditivos ou imaxes ultraístas (metáforas con elementos que non teñen asociación coa realidade). Nesta paisaxe humanizada, case nunca aparece o ser humano. Destaca Amado Carballo e as súas obras: Proel (1927) e O galo (1928).
Surrealismo
Cunqueiro foi poeta surrealista en dúas obras: Poemas do si e non (1933) na que presenta unha historia de amor a través do mundo do subsconsciente e do onírico e Mar ao norde (1932). Nesta última, a crítica ten falado tamén de influxo cubista e dos haikus xaponeses.
Creacionismo
Esta corrente está representada polo rianxeiro Manuel Antonio, que só publicou en vida un libro, De catro a catro. Follas dun diario d’abordo (1928). O creacionismo rexeita a imitación da realidade. Polo contrario, procura a creación poética dunha realidade autónoma, fuxindo do sentimentalismo, a musicalidade e a rima, usando como recurso case exclusivo a imaxe vangardista.
DE CATRO A CATRO é un conxunto de 19 poemas que teñen O MAR como tema central, compostos durante a primeira navegación de Manuel Antonio no pailebote “Constantino Candeira”. É a crónica dunha viaxe que vai desde a ilusión (1º poema “Intencións”) á saudade (19ª poema, “Adeus”), pasando polas incidencias da vida cotiá no mar, dominadas pola monotonía e a soidade. Por iso, a viaxe é tamén interior e leva á reflexión, a unha VISIÓN DEFRAUDADA DA VIDA e á identificación coa paisaxe marítima. O proceso da viaxe marítima segue unha liña temporal, dotando dunha estrutura circular ao poemario (partida - navegación - recalada - regreso).
O PASO DO TEMPO (obxectivo e subxectivo) é un tema recorrente e maniféstase a través dos elementos da natureza: o sol, a lúa, as estrelas, a noite, a alba... e a través dos elementos técnicos de medición: reloxo, almanaque, diarios, horas... O eu lírico séntese preso dun tempo presente, monótono e lento, onde as vivencias sempre son as mesmas, como nunha reactualización do mito de Sísifo.
CARACTERÍSTICAS FORMAIS: no aspecto lingüístico, destaca a utilización de tecnicismos (léxico da navegación) e estranxeirismos. Na linguaxe poética, abundan as imaxes creacionistas, a especial disposición tipográfica, a utilización dos espazos en branco, a ausencia de rima, a ruptura da sintaxe formal, o heterosilabismo dos versos, entre outros elementos esteticamente novidosos.
O Teatro do 1º Terzo do Séc. XX
O proceso de normalización literaria iniciado a comezos do séc. XX foi especialmente dificultoso no xénero dramático: cumprían textos, actores e actrices profesionais, compañías estables...había aínda que sumar a competencia do cinema que estaba entrando con forza.
Nun panorama dominado polo teatro español a presenza da lingua galega era secundaria e destinada a aparecer como lingua dos labregos, con intención cómica e cun galego moi dialectalizado que pretendía reproducir un rexistro oral e popular.
As pezas teatrais eran breves, escritas en verso, de carácter costumista, con diáologos chocalleiros e protagonizadas por personaxes labregas tópicas.
Antes de 1916, o intendo máis serio de consolidación do teatro galego represéntao a Escola Rexional de Declamación (1903-1905). No período 1916- 1936 distinguimos tres etapas:
1. Teatro das Irmandades da Fala
A importancia do teatro no proxecto cultural desenvolvido polas Irmandades da Fala foi moi grande, xa que o consideraron unha ferramenta eficaz para a propaganda lingüística e ideolóxica.
Obxectivos desta época eran modernizar a tradición cultural e crear espectáculos de calidade que chegasen a novas capas da sociedade. Para logralo crean en 1919 o Conservatorio Nazonal da Arte Galega, un verdadeiro proxecto de teatro nacional e popular. Servía como escola de actores e actrices e como compañía de representacións, con preferencia por obras de contrastada calidade literaria. Será substituído posteriormente pola Escola Dramática Galega (1922), menos ambiciosa na renovación teatral, pero de maior éxito.
Ramón Cabanillas, A man da santiña (1920). Para lograr a dignificación e o prestixio da lingua a través do teatro, cumpría que os e as protagonistas das obras pertencesen ás clases altas e que se abordasen temáticas universais; só así o público podería oír un galego culto en pesonaxes refinadas. As Irmandades encárganlle esta obra a Cabanillas partindo desa premisa. A santiña está protagonizada por personaxes que viven nun pazo e trata unha temática universal: o amor.
Antón Villar Ponte: desempeñou un labor importante no eido teatral como actor, crítico, tradutor de obras clásicas de Shakespeare ou Moliére; como autor deixounos tamén varias obras, entre elas: A ponte e Nouturnio de medo e morte.
De autoría conxunta (Cabanillas e Vilar Ponte) é a obra máis importante deste período: O Mariscal, arredor da figura do mariscal Pedro Pardo de Cela, nobre galego símbolo da loita contra o poder centralista dos Reis Católicos e símbolo tamén da resistencia da nobreza galega contra o poder central. O mito ponse ao servizo dos ideais do nacionalismo.
A Ditadura de Primo de Rivera fará que durante varios anos apenas haxa teatro galego de calidade. As únicas representacións posibles eran as dos coros populares, que derivaron nunha anclaxe no costumismo (denominadas despectivamente gallegadas). Maior desprestixio social da lingua, fomentado polo novo réxime político.
2. Teatro do Grupo Nós
Unha das grandes preocupacións do Grupo Nós, ademais de crear unha dramaturxia galega capaz de ofrecer produtos de calidade e que puidesen interesar ao público culto, foi tamén a renovación e a europeización do xénero teatral.
Os autores de Nós foron os que por primeira vez tentaron achegar ao teatro galego as innovacións que se estaban producindo no teatro europeo do momento, ao igual que fixeran na narrativa e no ensaio. As súas obras supoñen un esforzo por superar o drama de tema rural que tanta presenza tiña na dramaturxia galega.
O seu teatro presenta influenza do teatro francés no uso de máscaras co fin de desinvidualizar o personaxe. Tamén reciben influenzas do Teatro da Arte, que concibe o teatro como un sistema de artes diferentes: texto, música, baile, ritmo,
Vicente Risco
Só escribiu unha peza dramática O bufón de El-Rei (1928), ambientada na época medieval. Presenta alusións cabaleirescas e corteses na parte literaria e modernistas na plástica.
Ramón Otero Pedrayo
O seu teatro, igual que ocorría coa prosa, non ten como obxectivo presentar acontecementos senón máis ben recrear ambientes, espazos, personaxes..., polo que as acotacións soen estar moi elaboradas; os espazos son habitualmente simbólicos ou indefinidos e os personaxes poden ser persoas, animais ou cousas. Foi un innovador do xénero teatral.
- A lagarada (1929), drama rural no que os personaxes se moven por paixóns elementais como a cobiza e a luxuria que son culpables da súa destrución.
- O desengano do prioiro (1952), farsa na que se critica industrialización alienante. Introdución da industria dos atáudes en Floravia , en substitución do ancestral cultivo do viño. Os vellos fidalgos son substituídos por artesáns e conclúe cunha rebelión da mocidade, quen destrúe con lume o comercio macabro.
- Noite compostelana (1973), diálogo cheo de lirismo e de simboloxía.
- Teatro de Máscaras. Recolle o concepto de Teatro da Arte de Castelao (teatro como un espectáculo integral onde o texto ten a mesma importancia que a música, o decorado,a luz, o vestiario...). Dezaseis farsas onde se combinan elementos surrealistas, expresionistas e simbolistas con outros de corte máis tradicional.