O exilio na literatura galega: Unha análise por xéneros (1936-1976)

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,29 KB

A literatura galega do exilio (1936-1976)

Contexto histórico e cultural do exilio galego

Desde 1936 ata 1975, Galicia, como España, viviu un conxunto de circunstancias sociais, económicas, políticas e culturais derivadas da ditadura franquista xurdida como consecuencia da sublevación militar contra a II República e a conseguinte Guerra Civil. Coa fin da guerra, en abril de 1939, abriuse unha longa posguerra cuxos efectos perduraron ata mediados dos anos 50, incluso ata a entrada da década dos 60. Esta etapa caracterízase polo estancamento e o retroceso da sociedade. A represión exercida polo réxime levou a milleiros de españois a marchar ao exilio, e as difíciles condicións de vida ofrecían a imaxe dunha España, e dunha Galicia, illada do mundo moderno. Non obstante, a mediados da década dos 50 tivo comezo unha moi lenta recuperación cultural. Na década dos 60 e no primeiro lustro dos anos 70, asistimos a un proceso de cambios económicos provocados pola urbanización do conxunto da sociedade, ao tempo que tiña lugar unha penetración dos novos medios de comunicación. A morte do xeneral Franco en 1975 ía traer consigo unha nova etapa que se caracterizaría pola apertura ao proceso democrático e pola definitiva modernización da sociedade.

A poesía do exilio galego

Tras a represión que sufrira a Galicia interior, os exiliados e emigrantes en América Latina retomaron a tarefa de crear plataformas de continuidade da cultura galega e de conciencia galeguista.

  • Luis Seoane: Un dos máis importantes artistas plásticos da Galicia contemporánea, desenvolveu tamén un importante labor editorial e xornalístico, dirixindo as revistas Galicia Emigrante. Ao seu regreso, fundou con Díaz Pardo en Sada "Cerámicas do Castro". A súa obra poética inclúe:
    • Fardel de exiliado: Poesía socialrealista que busca reconstruír a memoria da emigración.
    • Na brétema: Mostra do seu compromiso con Galicia.
    • As cicatrices: Xira arredor do exilio e a emigración.
  • Lorenzo Varela: Membro do Partido Comunista e exiliado en Bos Aires, colaborou con Luis Seoane en múltiples tarefas culturais. Deuse a coñecer coa obra: Catro poemas para catro gravados.
  • Eduardo Blanco Amor: Na súa obra poética distinguimos dúas etapas: unha de preguerra e outra de posguerra. Nesta última editou Cancioneiro, obra que os críticos destacan pola riqueza léxica, a elegancia rítmica e a vehemencia apaixonada.
  • Emilio Pita: A súa obra Jacobusland é un poemario de temática civil cheo de doloridas referencias aos galeguistas mortos.

A narrativa do exilio galego

A narrativa do exilio, non moi numerosa en comparación co que aconteceu no terreo da poesía, vaise nutrir, dunha banda, da crónica realista, mesmo autobiográfica, arredor da infancia e da adolescencia dos propios autores que a redactaron, e, doutra, das peripecias vividas durante a Guerra Civil ou os anos próximos a ela. As circunstancias políticas daquela implicaron que os textos presentasen un desfase cronolóxico entre a data da súa composición e a da súa publicación.

  • Ramón de Valenzuela: A súa obra Non agardei por Ninguén é a única excepción a este desfase.
  • Silvio Santiago: Preocupouse máis por narrar os feitos históricos que por construír un texto literario, o que pode observarse na súa obra O silencio redimido.

O teatro do exilio galego

Durante a década dos corenta, a presenza do teatro galego dentro da propia Galicia viuse reducida apenas ás representacións que levaban a cabo as agrupacións folclóricas, tratándose de pezas de carácter costumista. Mentres, Bos Aires aparecía ao lonxe como a única posibilidade para manter unha actividade teatral digna en lingua galega.

  • Varela Buxán: Foi quen de ofrecer textos de certa calidade, como é o caso de O ferreiro de Satán.
  • Eduardo Blanco Amor: Cabe salientar a súa figura e o conxunto de pezas creadas, como Farsas para títeres, que foron escritas durante os anos corenta na Arxentina.

Entradas relacionadas: