Evolución e Tendencias da Poesía Galega Contemporánea (Décadas dos 80 e 90)

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,51 KB

A Renovación da Poesía Galega: Do Socialrealismo á Apertura (Décadas 80 e 90)

A poesía galega inicia unha nova etapa a partir de Con pólvora e magnolias, obra que supuxo unha ruptura co socialrealismo. A pegada do libro de Méndez Ferrín, xunto coa obra de Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro, tivo unha influencia determinante na obra dos autores que se deron a coñecer nas últimas décadas do século XX. Asistimos nesta época a unha apertura sen precedentes na historia da nosa literatura, tanto pola diversidade temática como pola numerosa aparición de voces e tendencias.

A Consolidación Poética na Década dos 80

Na primeira metade dos anos 80 consolídase unha renovación poética protagonizada por un numeroso grupo de novas voces que rexeitarán o socialrealismo dominante en décadas anteriores. Moitos deles participaron activamente na difusión da súa obra:

  • Participación en revistas de expresión poética (ex. Nordés, Dorna).
  • Conformación de grupos poéticos (ex. Rompente, Cravo Fondo).
  • Difusión a través de certames e premios literarios (ex. Esquío, O Facho).
  • Colaboración en volumes colectivos (ex. De amor e desamor).

Características Estéticas da Poesía dos 80

Os trazos fundamentais da súa poesía son o formalismo, o afán culturalista e o experimentalismo, procurando unha estética moi traballada. Prodúcese unha fuxida do “eu” lírico en favor doutros referentes, como:

  • A reflexión metapoética.
  • A interdisciplinariedade.
  • A recreación mítica.

Ademais, algúns poetas, como Lois Pereiro, integran elementos propios da contracultura urbana e marxinal.

Autores Destacados da Década dos 80

Manuel Vilanova
A súa obra máis representativa é E direi-vos eu do mester das cobras (1980).
Xavier Rodríguez Baixeras
Destaca pola súa brillante elaboración formal, a evocación da infancia e a nostalxia. Obra principal: Fentos no mar (1981).
Álvarez Cáccamo
A súa obra caracterízase pola diversidade. Na súa poesía atopamos trazos intimistas, reflexión sobre a palabra poética ou a paisaxe. Obra destacada: Praia das furnas (1983).
Xavier Seoane
É un dos autores do chamado “Grupo da Coruña”, que publicou os volumes colectivos De amor e desamor. Desenvolve unha poética centrada no amor e na terra, cunha estética próxima ao experimentalismo. Obra: O canto da terra (1987).
Anxo Fernán-Vello
Poeta do “Grupo da Coruña” e creador da editorial poética Espiral Maior. As súas primeiras obras (ex. Memorial de brancura) presentan unha certa unidade temática (erotismo, morte, soidade, beleza) e unha clara preocupación formal. Posteriormente, a súa poesía adquiriu un ton máis cosmovisionario, na procura do transcendente: Territorio da desaparición.

A Poesía Galega na Década dos 90: Convivencia e Diversidade

A década dos 90 caracterízase pola convivencia de autores de idades e liñas discursivas moi diferentes. Os autores da chamada “Xeración dos 80” conviven coa aparición dun gran número de poetas novos, os “Poetas dos 90”.

Estes novos autores dinamizaron o panorama literario:

  • Publicación de libros individuais e colectivos.
  • Participación en recitais e actos en pubs.
  • Publicación de revistas.
  • Polémica con escritores da xeración anterior.

Novos Grupos e Factores Determinantes

Proliferan novos grupos poéticos, como é o caso de Ronseltz, que xoga un papel pioneiro dende a acción lúdica e a transgresión, cuestionando a hexemonía da estética dos 80. Isto reflíctese no seu poemario Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (1994). Un factor fundamental na poesía desta época é o contributo das escritoras.

Temas e Estética na Poesía dos 90

A poesía dos 90 caracterízase por un intimismo da vivencia e a abordaxe de múltiples temáticas e formas. Pódense salientar as seguintes correntes:

Poesía do Coñecemento
Caracterízase pola súa elaboración formal e a transcendencia dos temas tratados. Exemplo: Miro Villar (Equinoccio de primavera).
Poética Feminina-Feminista
Manifestada a través da visión feminina da sexualidade e o erotismo. Exemplos: Chus Pato (Urania), Lupe Gómez (Pornografía).
Poética do Cotián
Exemplo: Fran Alonso (Tortillas para os obreiros).
Poética Experimental
Prodúcese un enfrontamento entre o tradicional e o moderno. Exemplo: Manuel Outeiriño (Depósito de espantos).

As Novas Voces e Tendencias Actuais

Pódense sinalar como notas definitorias da poesía actual (os novísimos) o peso e relevancia da escrita feminina, unha volta á poesía social e a procura de novas canles de difusión alternativas (poesía online, etc.).

Entre as novas voces podemos salientar a María do Cebreiro (Nós, as inadaptadas).

Entradas relacionadas: