La Evolución Política y Social de Galicia en el Milenio (910-1037)
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 23,34 KB
A Galicia do milenio (910-1037)
1. Novos aires políticos: Reino de Galicia ou reis en Galicia (910-951)
Do século X estamos ben informados. Arredor de 600-700 documentos aparecen na man dos mosteiros máis importantes: Samos, Celanova... só é superada por Cataluña.
Despois de Alfonso III deixamos de falar do Reino de Asturias e pasamos a falar do reino astur-leonés, leonés ou galaico-leonés. A capital vese trasladada de Oviedo a León. Este reino é dilatado xeograficamente polo sur e polo leste. Neste momento, os reis e a aristocracia teñen unha relación simbiótica, de necesidade mutua. O protagonismo da aristocracia galega vai en aumento, xa que ten gañado aínda máis poder e riqueza con esta nova expansión territorial.
A partición do reino dáse na vida de Alfonso III, o cal delega en tres dos seus fillos o goberno de sendos territorios: García, o primoxénito, recibiu Castela; Ordoño (II), Galicia-Portugal; e Froila, recibiu Asturias. A partir da morte de Alfonso III, o reino diferénciase en tres gobernos: García I (910-914), o cal vai ser rei de León, mentres que os seus irmáns Ordoño e Froila serán reis de Galicia e Asturias, respectivamente.
Os reis e reinos de Galicia e Asturias estaban supeditados á autoridade do rei de León, xa que non se trataba dunha división do reino, senón que Ordoño e Froila estaban sometidos a León. Esta é a postura máis defendida pola meirande parte dos historiadores.
Ordoño II como rei de Galicia reina entre os anos 910 e 914. Casouse a finais do século IX con Elvira, filla do aristócrata galego Hermenexildo Gutérrez, conquistador de Coimbra. De aquí surxirá a estirpe dos Ordóñez, de onde sairán tres monarcas: Sancho Ordóñez, Alfonso IV e Ramiro II. Durante o seu reinado en Galicia e Portugal temos poucas noticias, mais sabemos que fixo numerosas doazóns á igrexa de Santiago. Un dos poucos feitos coñecidos foi o ataque e toma da cidade de Évora, no 913, onde obtivo un botín moi importante (4.000 cativos). No ano 914, ante a morte de García I, rei de León, herda o trono leonés, reintegrando Galicia e León. Morrerá dez anos despois, no 924, e malia ter descendencia masculina, é sucedido polo seu irmán Froila II (924-925). Despois da morte de Froila no 925 ábrese un ano de incerteza política. Finalmente, a decisión que se toma é que acaben reinando os fillos de Ordoño II cun novo modelo territorial: Alfonso IV reina en León (926-931); Sancho Ordóñez, o primoxénito, reina en Galicia até o Miño (926-929). Está casado coa aristócrata galega Goto Nuñez; e Ramiro (II) (926-929) e (929-931) reina nos territorios de Portugal dende o Miño até o Mondego, aínda que é discutible que o fixera como rei. Casado en primeiras nupcias cunha aristócrata galega.
A partir de entón, Asturias perde a condición de reino e prodúcese a separación Galicia-Portugal.
As terras portuguesas de Ramiro (II) poderían ter sido concedidas polo seu irmán Sancho Ordóñez, rei de Galicia.
Este novo reparto pode entenderse de diferentes formas. Por unha banda, E. Portela fala de que estamos ante un sistema de goberno compartido, pero que non negaba a noción da unidade do reino no seu conxunto. Por outra banda, outros historiadores si que falan de que podemos estar ante reinos plenamente diferenciados.
Sancho Ordóñez foi rei de Galicia entre o 926 e o 929. Sabemos que os primeiros meses foron de disputa co seu irmán Alfonso (IV) por facerse co control de León. Finalmente, é Alfonso quen se fai co reino de León, axudado por Sancho Garcés I de Pamplona. Sobre Sancho Ordóñez como rei de Galicia temos pouca información. No Tombo A aparece como “rex” pero sen referencia ao reino, pero si intitulado como “rex domno Santius universe urbe Gallecie princeps” nun documento de Celanova do 929. Sancho Ordóñez morre no 929, e será soterrado no mosteiro de Castrelo de Miño, no que a súa viúva, a raíña Goto, vai profesar como devota. Unha lenda posterior, o Cronicón Iriense, di que Sancho Ordóñez aparecéuselle como pantasma a súa viúva (levará a confusión con Sancho I el Craso).
Este monarca é considerado para o historiador Isla un monarca infravalorado e menospreciado pola historiografía tradicional, xa que é presentado como “rei privativo” de Galicia, un termo que implica ser un rei sometido a outro territorio, o que nestes anos non está claro. Ademais, o de referirnos sen numeral podería ser un exemplo de menosprezo (é algo semellante ao que ocorre cando reina García II ou Don García). Sancho Ordóñez morre sen descendencia, polo que o seu irmán Ramiro II asume o goberno de Galicia, ademais de conservar o de Portugal (929-931). No 931, Alfonso IV, rei de León, decide renunciar ao trono (retirado en Sahagún).
O reinado de Ramiro II expandirase dende o 931 ata o 951. Retirado Alfonso IV, convértese en rei único. No referente a Galicia, o máis destacable é que vai estar cunha estreita colaboración con parte da aristocracia galega, o grupo familiar San Rosendo, aos que lles vai encomendar o goberno de parte substancial de territorios galegos e aos mosteiros vinculados a eles. Até o ano 1065 non volve haber un rei de Galicia.
Ordoño II e Sancho Ordóñez poden ser definidos como reis de Galicia? Estamos a falar dun reino de Galicia plenamente independente ou asociado e subordinado ao reino de León?
Son cuestións que non están claras. Para o profesor, parece que no caso de Ordoño II pódese definir como rei EN Galicia e no caso de Sancho Ordóñez pódese definir como rei DE Galicia, pero existe discusión entre historiadores, xa que moitos decántanse pola outra opción.
Ate a morte de Fernando I non volve haber unha situación de reparto territorial, non se sabe claramente o motivo de porqué.
2. Unha poderosa aristocracia cada vez máis rica e poderosa
O século X é a gran época da aristocracia galega. Esta vivirá un forte crecemento dende as bases do século IX. O seu poder estará baseado en:
- Na propiedade da terra e no control sobre os homes que residen nelas.
- Na súa relación coa monarquía a través dos vínculos matrimoniais e da colaboración política: delegación de poder a través de concesións de condados/mandacións, decanías, doazóns reais...
- O exercicio de funcións xudiciais das que, ademais de beneficios doutro tipo, obtén ganancias económicas.
- A alianza matrimonial con outros grupos aristocráticos cós que se establecían novas redes e se paliaban os efectos disgregadores do sistema hereditario vixente.
- A fundación de grandes mosteiros, o cal ten moito que ver co poder ou co prestixio.
Podemos falar da familia de San Rosendo como paradigma. Posúen unha riqueza herdada na que o pai Gutier Menéndez, fillo de Hermenexildo Gutérrez, conquistador de Coimbra. Esta familia ten unha estreita relación coa monarquía, este ofiñado de Ordoño II e tío dos tres reis Ordóñez e o seu matrimonio con Ilduara Eriz aportou unha gran dote de bens territoriais.
O propio Gutier Menéndez definía nun documento do 916 as orixes do seu patrimonio: a herdanza, a xenerosidade rexia, o botín de guerras, mais todo o que gañara ou comprara en vida por outros medios.
Tamén participaba no exercicio do poder: tivo a delegación de poderes públicos en distintos territorios como Quiroga, Caldelas ou Saviñao. Todos eles no espazo meridional da actual provincia de Lugo e no norte da provincia de Ourense, mais tamén no norteño e litoral do territorio de Ortigueira, é dicir, hai unha coincidencia entre a xeografía do poder delegado e a xeografía do seu territorio.
O papel das mulleres no mundo aristocrático non é menor, xa que existirá un básico equilibrio có dos homes. Ilduara, esposa de Gutier e nai de Rosendo, pode ser un bo exemplo. Esta aporta unha serie de propiedades en distintos territorios de Galicia, Bierzo, León e Zamora. Mantivo plena disposición sobre estes bens, así como sobre a súa parte correspondente nos gananciais. Tras enviuvar, esta segue facendo vida pública e xestionando o patrimonio.
Nesta época, o matrimonio non era todavía un contrato relixioso, senón que era civil sen diferencias entre home e muller, polo que había unha igualdade entre as condicións de ambos para aportar bens e territorios.
Con respecto á herencia entre os fillos de Gutier e Ilduara (tiveron 5, tres homes e dúas mulleres) foi a partes case iguais, sen facer ningún tipo de distincións entre xéneros ou entre o primoxénito e os demais. Hai que ter en conta o quinto de libre disposición, coñecido polo “colmellis divisionis” do 934. Esta familia tiña unha rede de propiedades que abarcaban moitos dos territorios de Galicia, e as partes se dividen en cinco grandes categorías: Villae, Gando, Homines, Igrexas e mosteiros e Obxectos ou mobles de valor.
A doazón de Ilduara a Celanova no ano 938 como proba da riqueza das mulleres da gran aristocracia. Seguindo a Lex, só o quinto de libre de disposición, xa que o resto era para os fillos. Esta doazón consta de 16 villae e villares repartidas por sete territorios de Galicia; salinas e pesqueiras no Salnés; 20 cabalos, tres rebaños de vacas e dous de ovellas de cen cabezas cada un; tres colmeas situadas en distintos lugares; enxoval doméstico: corrente e de luxo; obxectos litúrxicos e dous libros: un exemplar da Lex e un Salterio.
Unha parte, só iso, foi parar ao patrimonio dos grandes mosteiros do século X.
3. O xurdimento dos grandes mosteiros
As razóns que explican a fundación de mosteiros pola aristocracia son varias. A primeira sería para salvagardar parte do patrimonio deixándoo fora do sistema hereditario. En aqueles mosteiros máis vinculados á familia fundadora, esta seguía xestionando esas riquezas como se foran propias. Outro motivo sería por razóns de índole relixiosa e memorial, de recordo (do grupo fundador). Haberá un importante papel desenvolvido polas mulleres, por outro lado, outras razóns de tipo asistencial: servir como centro de acollida e apoio aos nenos, as viúvas, aos vellos e aos doentes da familia e asociados.
O século X será de múltiples fundacións monásticas (ou refundacións). Hai varios modelos e dispersión xeográfica por case toda Galicia. Sobresaen tres mosteiros: Lourenzá, fundado polo conde Osorio Gutierrez a mediados do X; Sobrado, nesta mesma época, creación dos condes de Présaras e o seu fillo Sisnando II, bispo de Iria; e Celanova, creación entre os anos 936-942, de Ilduara e o seu fillo, o bispo de Dumio, Rosendo, có apoio de outros membros da familia.
Estes mosteiros non son homoxéneos, senón que son diferentes no equilibrio entre homes e mulleres. Haberá mosteiros dúplices, pero tamén se fundarán mosteiros unicamente masculinos ou femininos, suprimindo as comunidades dúplices.
Con respecto ao caso de Celanova, este é o mellor coñecido. É fundado na villa de Villare, territorio de Búbal. Foi recibido na familia de Rosendo tras unha confiscación real por rebeldía na época de Alfonso III. Está ubicado nunha das zonas de maior concentración de propiedades e cotas de poder do grupo familiar. Ademais, está preto dunha domus ou palatium da familia, Vilanova, onde Ilduara funda outro mosteiro.
Coa fundación do mosteiro, o nome do lugar cambia, de Villare pasa a ser Celam Nouam. Ademais da doazón de Ilduara, a doazón fundacional esencial foi a de Rosendo, no 942. Ao ser eclesiástico, este podía dispoñer libremente do seu patrimonio, sen ter que facer caso ao quinto de libre disposición, polo que entrega: 30 villae e igrexas en distintos emprazamentos galegos, portugueses e doutros territorios; unha ampla cabana gandeira (250 cabezas de distintos équidos); enxoval doméstico en enormes cantidades; obxectos litúrxicos e 21 libros de misa e espirituais (Etimoloxías e Igerarium entre outros).
O mosteiro fundase coa xenerosidade das doazóns de Ilduara e Rosendo, pero tamén grazas a que conta co favor rexio. Xa no 941, antes que o mesmo Rosendo, Ramiro II fai unha extensa doazón en favor do novo proxecto monástico. Seguen producíndose doazóns reais co paso dos anos. Estas non só son de propiedades, senón tamén de delegacións de poder en diversos espazos (como facían cos aristócratas).
Os mosteiros comparten coa aristocracia os mesmos mecanismos de engrandecemento patrimonial, pero a diferenza desta, apenas hai razóns para a súa disgregación (tan só un mosteiro pode verse privado das súas terras polos roubos por parte da aristocracia ou polas confiscacións por parte da monarquía, ambas inusuais). Este é o motivo principal polo que se dá un continuo crecemento do poder dos patrimonios monásticos. Polo tanto, os mosteiros son importantes, pero non deixan de ser unha parte, e como tal, non nos informan de todo. Hai que ter en conta o papel da aristocracia, da realeza e do campesiñado propietario.
4. A política na Galicia da segunda metade do século X: revoltas aristocráticas, califato de Córdoba e outros inimigos externos (951 – Morte de Vermudo II en 999)
Neste tramo houbo cinco reis no trono de León. Na primeira metade houbo reinados breves, Ordoño III, Sancho I, Ordoño IV e novamente Sancho I. Na segunda metade, os mandatos serán máis prolongados no tempo, pero marcados pola inestabilidade, como foron os de Ramiro III e o de Vermudo II.
Esta época está marcada polas revoltas. Parte da aristocracia rebélase nesta época contra a autoridade real: os traditores. Outra parte ponse do lado do rei en épocas de revolta: os defensores. Non responde a diferencias políticas, a chave está no grao de proximidade ou distancia có rei de turno. Exemplo: gran rebelión en Galicia contra Ordoño III que fai necesaria a intervención do rei. Esta xorde polo descontento dunha parte da gran aristocracia. Revólvese grazas á colaboración có rei doutro sector dos poderosos, neste caso o encabezado polo propio Rosendo Gutiérrez. Hai que ter en conta o papel político xogado polos bispos, implicados de cheo nas loitas polo poder.
O comportamento desigual da aristocracia galega con Sancho I e Ordoño IV: Sancho I será destronado por unha conxura aristocrática no 958. Reinará a partir de aí o seu curmán, Ordoño IV, que conta co apoio esencial do grupo dos condes de Présaras, con Sisnando de Iria á fronte. Pola contra, haberá outro sector da aristocracia galega que apoiará ao rei destronado, dirixida por Rosendo de Dumio.
Sancho I recuperará o trono no 960 grazas á axuda cordobesa. O principal valedor en Galicia serán San Rosendo e a súa familia. Tamén será deposto Sisnando como bispo de Iria, sendo reemplazado por Rosendo.
Estoupará unha nova revolta dirixida por Gonzalo Menéndez, dende Portugal e o sur de Galicia. A morte do rei no ano 966 será atribuída ao conde portugués. Haberá unha querella entre Sisnando e Rosendo.
As claves destas revoltas serían as seguintes. A principal é o escaso grao de proximidade coa monarquía. Os traditores son os que se consideran pouco beneficiados polo rei. Coincide coa época da máxima supremacía militar do Califato de Córdoba, polo que cesan as campañas expansivas leonesas ou de ataques cara o sur. Os aristócratas quedarán privados dunha fonte de ingresos moi importante como era o botín de guerra: algúns incluso serán empregados como mercenarios califais. Por outro lado, os reis desta fase están máis centrados nos territorios do val do Douro, desatendendo ao Oeste e ao Este. Os epicentros das revoltas serán Galicia e Castela.
Con respecto ao reinado de Ramiro III (966-975), este será o fillo do asasinado Sancho I, e terá o problema de comezar a reinar con 5 anos de idade. A longa minoría, ata o ano 975, será con rexencia principal da súa tía Elvira, relacionada co “partido” navarro. Neste período de debilidade real, Galicia foi escenario de tres situacións moi conflitivas: gran ataque normando no 968; a tensión entre Sisnando e Rosendo e a guerra entre os dous aristócratas máis poderosos da Galicia do momento: Gonzalo Menéndez e Rodrigo Velázquez.
Con respecto ao ataque normando do 968, haberá debate. Segundo Pires, considera que o período entre 966 e 972 será o culminante da actividade normanda en Galicia. No ano 968, cen navíos normandos entran pola ría de Arousa en dirección Compostela. Estaban comandadas polo noruegués Gunderedo que operaba desde a rexión do Loira, co obxectivo de Santiago.
Sisnando II, bispo de Iria, sae no seu encontro. Este será derrotado e morto na batalla de Fornelos (Padrón). A partir de este momento, a estancia normanda durará tres anos e levarán a cabo ataques sobre boa parte da xeografía galega. Hai ataques documentados sobre Santiago, Lugo, Curtis, Chantada e chegan ata o Cebreiro.
Os anos viquingos serán entre o 966 e o 972. A defensa, como acontece no caso de Sisnando II, é asumida principalmente polos bispos: San Rosendo ou Hermenexildo de Lugo. Tamén algún aristócrata galego como o conde Gonzalo Sánchez que os derrota no ano 970 na área de Ferrol-Mondoñedo. Destes anos procede a rede de costeiros galegos, e a propia cidade de Compostela vaise dotar da súa primeira gran muralla con Sisnando II.
No ano 970 haberá unha guerra aberta entre Gonzalo Menéndez e Rodrigo Velázquez. Ambos están documentados como “duces”. O grupo de Gonzalo Menéndez estaba asentado, principalmente, en Portugal e na Galicia meridional. O grupo de Rodrigo Velázquez estaba máis ben cara ao norte (Iria), pero tamén ten intereses e vínculos con Celanova. Poderíamos falar dunha posible disputa territorial, á marxe de que poden representar distintas posicións políticas. Gonzalo Menéndez dirixe aos máis críticos co entorno de Ramiro II, mentres que Rodrigo Velázquez dirixe aos máis afíns ao rei. Estes chegan a disputar unha batalla campal en Calvos de Randín, en Limia. Esta batalla acabaría con vitoria de Gonzalo Menéndez, pero que non foi definitiva. O conflito evidencia a debilidade do poder real, incapaz de exercer papel de arbitraxe.
Entre os anos 975 e 982/985 comeza o reinado efectivo de Ramiro III como maior de idade. Neste momento, a inestabilidade aristocrática agrávase en Galicia. No ano 981, Gonzalo Menéndez álzase contra o rei. Este proclama a outro monarca, Vermudo (II), fillo de Ordoño III, casado con Velasquita, da aristocracia portucalense que conta co apoio de Almanzor. No ano 982 é coroado como rei de León na Igrexa de Santiago. O papel da Igrexa será fundamental como lugar de coroación.
Ante isto, Ramiro III reaccionará e envía un exército a Galicia contra Vermudo II. A batalla daríase preto de Monterroso, cun resultado incerto. Ramiro retírase a terras de León onde permanece até a súa morte no ano 985. Entre os anos 982 e 985 haberá dous reis simultáneos en León. Ramiro controla León e Castela, e Vermudo Galicia e Portugal.
Vermudo II vai gobernar dende o 982/985 ata o ano 999. Este entra en León escoltado polas tropas de Almanzor. Será rei en solitario dende o ano 985, dende a morte de Ramiro III. O reinado comeza en Galicia e vai estar marcado por ela. No seu primeiro ano de reinado en solitario, o 985, convoca un concilio-asamblea celebrado en Santiago. Este contou co respaldo, non permanente, dunha parte substancial da aristocracia galega. Terá dous grandes problemas no seu reinado: os ataques e revoltas de Almanzor, polo efecto dos actos previos e as revoltas aristocráticas.
Entre xullo e agosto de 997, Almanzor atacou Galicia. Esta será a primeira e a única das súas intervencións aquí. O seu obxectivo era Santiago de Compostela. Isto respondía a claves relixiosas e económicas, pero tamén de tipo local e político. Por exemplo, Vermudo II pedira axuda a Almanzor para asentarse no trono baixo o compromiso do pago dunhas cantidades anuais que non foi cumprido. Tamén o posible papel da familia de Rodrigo Velázquez, pai do bispo iriense Paio, expulsado da súa sé por Vermudo II. Na entrada de Galicia colaborou parte da aristocracia galega e leonesa. O reparto do botín en Lamego: porción para os colaboradores cristiáns.
Esta foi unha das máis afamadas “razzias” de Almanzor. Terá un amplo eco en Ibn Hayyan e nos cronistas cristiáns. Os itinerarios marítimo e terrestre conflúen no Douro. Hai unha distinta valoración dos feitos nos textos árabes e latinos.
Galicia tamén actuou como refuxio e lugar de crianza. Por exemplo, en varias das revoltas que sufriu Vermudo II, este atopou refuxio en Galicia. Os Menéndez, non sempre fieis ao rei, encargaranse de criar e educar ao primoxénito e herdeiro Alfonso V. Tradición do papel tutelar de infantes exercido pola aristocracia galega: pasado e futuro.
5. O fin da dinastía asturleonesa (999-1037)
Os últimos reis da dinastía asturleonesa foron Alfonso V (999-1028) e o seu fillo Vermudo III (1028-1037). Estes continuaron con vínculos con Galicia, principalmente coa aristocracia (especialmente Alfonso V).
Alfonso V comeza a reinar en minoría de idade tras a morte de Vermudo II. Na súa minoría de idade, reside principalmente en Galicia. Menendo González, fillo de Gonzalo Menéndez, será un dos rexentes. O seu matrimonio será concertado con Elvira Menéndez, unha das fillas do seu titor. Estes serán os pais de Vermudo III.
O reinado de Alfonso V coincide coa última vaga de incursións normandas. Estas estarán centradas no tramo final do Miño e na área de Braga. No ano 1014 dáse o último ataque sobre Tui. A tese tradicional sostén que foron lideradas por Olaf Haraldson, rei de Noruega e posteriormente canonizado. Segundo Pires, non hai unha base documental para defender isto. Este período culmina coa devastación de Tui no ano 1024.
Hai un debate sobre os asentamentos viquingos. Hai moi pouca información nas fontes escritas. Polo momento, hai unha nula aportación dende o rexistro arqueolóxico. É interesante a aproximación dende os análises toponímicos. Hai nomes obvios, como Leodimanos, en León, a cal poder ser unha referencia documental a unha cidade dos lodimanos no río Ulla.
A información ven grazas aos traballos de Irene García Losquiños. Esta estuda o topónimo “bekker”, referido a regatos e asentamentos próximos a eles. Isto está presente en Normandía e Inglaterra e noutros territorios de colonización escandinava, e tamén en Galicia, como “Beco”, “Beque”, e outros 75 casos documentados. En Galicia, eses lugares responden ao hábitat descrito polo termo. Irene García defende que eses topónimos son de orixe escandinava. A maioría dos casos están situados a menos de 40 km da costa. Hai unha especial concentración na área de Ferrolterra.
Vermudo III (1028-1037) foi coroado como rei en Santiago. Comeza tamén en minoría de idade, cunha rexencia presidida pola súa madastra, Urraca Garcés, irmá de Sancho el Mayor de Navarra. Durante esta rexencia, e tras o previo control do condado de Castela, hai unha expansión navarra polo leste do reino de León. A súa irmá Sancha está casada con Fernando, conde de Castela e fillo do rei de Navarra, Sancho o Maior. O monarca Vermudo III pretende deter este avance castelán e reacciona militarmente coa axuda de condes galegos. Batallará en Tamarón contra o seu cuñado Fernando, o que provoca a morte de Vermudo III. Este foi soterrado en San Isidro de León, xunto co sepulcro do seu pai, Alfonso V.