Evolución de la Poesía y el Teatro Gallegos: De las Irmandades da Fala a las Vanguardias
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 23,62 KB
La Poesía de las Irmandades da Fala: Contexto y Protagonistas
Contexto Literario
Ao comezar o século XX, a literatura galega vivía un momento problemático. A calidade dos textos era inferior á lograda polas grandes autorías do Rexurdimento. A prensa en galego desaparecera practicamente por completo co cambio de século. Narrativa e teatro seguían sendo xéneros de cultivo anecdótico, nun panorama dominado absolutamente pola poesía. Neste contexto, o labor dos escritores vinculados ás Irmandades da Fala abre o camiño para unha segunda renacenza.
As Irmandades crearon editoriais como Céltiga, Lar e Nós e potenciaron o teatro a través da creación de compañías e de coros populares. Ademais, dinamizaron o panorama literario galego apostando por unha renovación estética e temática e pola diversificación xenérica. Ampliaron os reducidos círculos de lectores que existían ao comezar a centuria e traduciron por primeira vez obras da literatura medieval ao noso idioma.
Ramón Cabanillas (1876-1959)
Cabanillas foi a voz poética que se implicou nas reivindicacións político-sociais da Galiza do momento: o movemento agrario e o galeguismo nacionalista de Antón Vilar Ponte, as Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos ou o Partido Galeguista. Emprega a poesía e o teatro para contribuír ao proceso galeguizador da sociedade galega, de aí o seu afán didáctico tan característico do Grupo Nós.
Na súa obra poética atopamos:
- A influencia da poesía do Rexurdimento: o alento social ao estilo de Curros Enríquez, a liña intimista que lembra a Rosalía e o ton épico que xa explorara Pondal.
- Unha clara influencia do Modernismo, escola poética de raíz hispanoamericana e de liña idealista.
- O Saudosismo portugués e o seu gusto pola temática histórica e mítico-lexendaria.
Etapas na Obra Poética de Cabanillas
Etapa de formación ou pregaleguista (1910-1915)
Publica os seus dous primeiros libros mentres se atopa na emigración cubana:
- No desterro (1913)
- Vento mareiro (1915)
Ambos presentan grande similitude estética e temática. No formal, aprezamos a asimilación da tradición poética do Rexurdimento (métrica e rima tradicional). En canto á temática, expresan a nostalxia do desterrado, polo que son predominantemente intimistas. Tamén atopamos un reducido número de poemas que mostran a voz dun poeta civil que denuncia con versos rabiosos e incendiarios os males do foro e a miseria dos labregos e propaga as ansias de redención do campo galego. Poemas como “A Basilio Álvarez”, “Acción gallega” e “Lume no pazo” convértense en auténticas proclamas anticaciquís e marcan nos anos seguintes o perfil literario do autor, que pasa a ser visto como o herdeiro de Curros.
Etapa galeguista (1916-1920)
Publica Da terra asoballada (1917). Cabanillas asume o papel do poeta civil e Galiza pasa a ser o suxeito da súa poesía. Obsérvase unha das súas liñas temáticas fundamentais, como herdeiro de Curros: a cívico-social. Transmite as ideas centrais que caracterizan o ideario das Irmandades da Fala: o papel fundamental do idioma, o celtismo, Portugal como prolongación cultural de Galiza, etc. Adopta unha actitude didáctica, de cara a lograr unha aproximación do pobo ao galeguismo, ao mesmo tempo que chama aos galegos a recuperaren o seu orgullo nacional. A oposición labrego (+) / fidalgo, cacique () e aldea (+) / vila () da fase agrarista, transfórmanse agora no conflito Galiza (+) / Castela (), dentro das coordenadas de relacións oprimido / opresor coas que analiza a realidade social.
Etapa mítico-saudosista (1921-1930)
Segue baixo as coordenadas ideolóxicas do galeguismo. Leva a cabo unha reconstrución mitificadora do pasado nacional, dende unha perspectiva saudosista e centrándose en varios momentos clave: a época celta, a época medieval e a crise do século XV. A esta etapa corresponde Na noite estrelecida (1926), composto por tres longos poemas narrativos ou sagas: “A espada Escalibor”, “O cabaleiro do Sant-Grial” e “O sono do rei Artur”. Neles emprende unha actualización da materia de Bretaña para adaptar a complexa lenda medieval a unha mensaxe patriótica e cristiá, empregando unha linguaxe fortemente simbólica, cargada de misticismo.
A lingua poética que emprega é máis elaborada que en épocas anteriores, ateigada de referencias eruditas e de símbolos cultos e de elementos formais do Modernismo: versatilidade métrica, elementos sensoriais e sensualidade, musicalidade e preciosismo verbal, alén de introducir ambientes aristocráticos e exotismo.
Nesta década dá tamén a coñecer dúas obras de temática distinta ás anteriores:
- O bendito San Amaro (1925), con ilustracións de Castelao, onde trata de forma narrativa e en versos populares a lenda creada arredor do citado santo.
- A rosa de cen follas (1927). Nesta última retoma a liña intimista e amorosa, en clave modernista, herdada de Rosalía de Castro e Bécquer.
Etapa de posguerra (1949-1959)
Vemos como Cabanillas inicia unha segunda madurez creadora. A partir de 1931 Cabanillas enmudece como poeta, pero na década dos corenta volve xogar un papel simbólico fundamental, agora na recuperación cultural galega de posguerra. A esta etapa pertence Camiños no tempo (1949).
Neste período tamén dá a coñecer:
- En Antífona da cantiga (1951), presenta unha selección de cantigas populares galegas de case 900 cantigas, publicada por Galaxia.
- Da miñazanfona (1954) é un libro con ecos machadianos en que o poeta se refire con voz amarga e ton moralizante á tristeza, á mocidade perdida, á vida e á morte.
- Samos (1958), escrito arredor de 1950 no mosteiro do mesmo nome, son poemas de carácter clásico e descritivo, de inspiración relixiosa e maxistral dominio técnico, en que o poeta procura o seu propio equilibrio interior.
Antonio Noriega Varela (Mondoñedo 1869 - Viveiro 1947)
Representa a tendencia tradicionalista que se mantivo fiel ao legado decimonónico. É autor dunha soa obra poética, Do ermo (1920), a cal tivo varias edicións (1904, 1910, 1920, 1929 e 1946), cambios de título (inicialmente chamouse Montañesas) e ampliación e supresión de diversos poemas. No seu lirismo, o canto á paisaxe e aos costumes constitúen o eixo principal.
A poesía costumista e ruralista
Nun primeiro momento, e tras un frustrado comezo como poeta cívico e combativo, retomou a estética decimonónica, caracterizada polo seu realismo costumista. Esta poesía caracterízase polo dominio da lingua e da métrica popular e por unha temática na que predominan os motivos paisaxísticos e a glosa dos costumes, das tradicións e da vida dos campesiños da montaña luguesa.
A poesía lírica pura
Supera o realismo costumista anterior. Os motivos seguen sendo os mesmos (o campo e a vida montañesa) e tamén o é a lingua que emprega (a fala popular da súa terra); non obstante agora é o propio poeta quen se aproxima á natureza e canta os seus elementos máis sinxelos e humildes, empregando un ton emotivo: é o que se coñece como estética franciscana. Son creacións desta fase os poemas que se acrecentaron na primeira edición con título Do ermo (1920), que inclúen tamén os seus sonetos de inspiración clásica. Esta nova orientación dálle o nome de “Poeta da montaña”.
A Poesía das Vanguardas
Contexto Literario
A literatura e a arte galegas experimentaron nos anos 20 e 30 un proceso de renovación que resulta debedor, en moitos aspectos, das vangardas. Con este termo desígnanse unha serie de movementos artísticos nacidos en Europa a comezos do século XX, que propoñen unha quebra total coa tradición e coas convencións estéticas vixentes. Buscan a orixinalidade de forma obsesiva e fan do experimentalismo, da rebeldía e da total liberdade creativa as súas razóns de ser.
Cada un destes movementos estéticos constituíu un ismo, isto é, unha corrente cos seus propios postulados, que se difundiron a través dos manifestos vangardistas. Estes son textos que sistematizan os principios de cada ismo, case sempre con dogmatismo e afán provocador. Entre esas correntes ou ismos cabe destacar o futurismo, o expresionismo, o dadaísmo, o cubismo, o surrealismo e o creacionismo.
As Vanguardas en Galiza
Figuras como Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro rompen coa tradición poética galega anterior e seguen conscientemente, aínda que de xeito moi persoal, o ronsel vangardista. A isto hai que engadir:
- A publicación dun manifesto (¡Máis alá!, editado en 1922 por Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro).
- A existencia de diversas revistas galegas abertas á vangarda (Alfar, Ronsel, Cristal, Yunque...).
- A conformación de movementos poéticos que amosan vontade renovadora, como son o Hilozoísmo e o Neotrobadorismo.
As vangardas tiveron un eco limitado polo estado da cultura galega, aínda en proceso de afirmación. Os protagonistas de todo este proceso de renovación artística e literaria na Galiza son os chamados novecentistas, “xeración do 22” ou “xeración do 25”. Os novecentistas galegos son autores nados entre 1895 e 1911.
Na poesía renovadora galega dos anos 20 e primeiros 30 encontramos tres liñas principais:
- O neotrobadorismo.
- O hilozoísmo.
- A propiamente vangardista, que aposta por unha ruptura case total.
A neotrobadorista e a hilozoísta establecen certo diálogo conciliatorio coa tradición (medieval, nun caso; paisaxística e popular, noutro).
Tendencia neotrobadorista
O neotrobadorismo é un movemento poético que consiste na recreación das cantigas de amigo cunha estética contemporánea. Xorde polo influxo da lectura dos Cancioneiros medievais. Algúns poetas novos introduciron nas súas obras elementos do seu estilo (refrán, paralelismo, leixaprén...) e da súa temática (o encontro amoroso, o desamor, o protagonismo da natureza, o ambiente de barcarola...), mais recreándoos e mesmo combinándoos con outros trazos de estilo vangardista.
Os dous autores máis emblemáticos desta tendencia no período de preguerra son:
- Álvaro Cunqueiro, con Cantiga nova que se chama riveira (1933).
- Fermín Bouza Brey, que a inaugurou publicando algúns poemas no boletín Nós en 1926.
Tendencia hilozoísta ou imaxinista
O Hilozoísmo (do grego hilo: “materia” + zoe: “vida”, isto é “materia ou natureza animada”) ten como principal figura o escritor e xornalista pontevedrés Luís Amado Carballo, autor dos poemarios Proel (1927) e O galo (póstumo, 1928).
Trátase dun tipo de poesía caracterizado por:
- A brevidade e a sinxeleza.
- A permanencia de esquemas de rima e métrica tradicionais.
- A frecuente personificación de elementos da natureza (prosopopea).
- O predominio das imaxes (de aí a denominación Imaxinismo).
- A concepción pictórica do poema e a linguaxe metafórica.
Os hilozoístas inspíranse na paisaxe, tema tradicional, mais dende unha visión e cuns recursos de raíz vangardista.
Tendencia propiamente vangardista
Representan esta tendencia, baseada na asimilación parcial e ecléctica de diferentes ismos europeos, Manuel Antonio (predominantemente creacionista) e Álvaro Cunqueiro (surrealista e cubista).
Manuel Antonio
Representa o prototipo de artista de vangarda: rupturista, aventureiro, antiacademicista e inconformista. A súa ideoloxía podemos resumila en tres trazos fundamentais: espírito de rebeldía, compromiso nacionalista galego e simpatía polos ideais anarquistas. No manifesto ¡Máis alá! expuxo a súa posición rupturista a respecto da literatura galega que se estaba a escribir entón.
A evolución vangardista culmina con De catro a catro (1928), o único libro editado en vida. O poemario é a crónica dunha viaxe marítima real que vai dende a ilusión do comezo á saudade do poema final. A obra é tamén unha reflexión existencial. O navío de Manuel Antonio non navega, senón que permanece sen manobrar no medio da inmensidade. Do libro despréndese a sensación de que a existencia é unha rítmica monotonía interminábel.
Outras interpretacións fanse en clave psicanalítica e metapoética:
- A primeira propón que a navegación é o propio viaxar do poeta cara á inevitábel morte e expresa a soidade cósmica do individuo.
- A interpretación metapoética considera que a obra é a expresión estilizada da frustración do poeta ante a imposibilidade de transmitir toda a complexidade do real e a profundidade do vivido.
Álvaro Cunqueiro
Antes da guerra, foi fundamentalmente un poeta, significándose pola súa receptividade cara ás correntes de vangarda en libros como:
- Mar ao norde (1932), de liña basicamente cubista.
- Poemas do si e do non (1933), surrealista.
- Cantiga nova que se chama riveira (1933), neotrobadorista e neopopularista.
O Teatro
O Teatro das Irmandades da Fala
As Irmandades consideraron que o teatro era un dos ámbitos onde o idioma debía gañar a batalla do prestixio social e viron nesta arte un dos medios máis acaídos para a propaganda das ideas galeguistas. Os problemas cos que se atoparon para levar adiante os seus obxectivos foron moitos: a falta de actores e actrices, a carencia de compañías teatrais dispostas a representaren obras en galego, a escaseza de textos, a desvalorización da lingua entre as clases medias urbanas (principais destinatarias do espectáculo teatral).
A compañía máis importante, polo que tivo de ambiciosa e polo que representou na xeira renovadora da nosa escena, foi o Conservatorio Nazonal do Arte Gallego. Fixo o seu debut coa obra A man da santiña (1919), de Cabanillas, obra que traía consigo o xermolo dun teatro galego moderno, pois conseguiu elevar o galego en escena á categoría de fermoso e culto.
Ademais de Ramón Cabanillas, algúns dos principais dramaturgos son Antón Vilar Ponte, Leandro Carré Alvarellos, Armando Cotarelo Valledor... De feito, O Mariscal (1926), obra cumio do teatro galego desa época, foi escrita por Cabanillas en colaboración con Vilar Ponte. Trátase dun drama histórico en verso no que se eleva a figura do nobre Pardo de Cela, axustizado en Mondoñedo por opoñer resistencia á raíña castelá Isabel a Católica, á categoría de protomártir das liberdades galegas.
Contexto do Teatro Anterior ás Irmandades
O teatro anterior ás Irmandades da Fala está dominado polo costumismo e poboado por personaxes labregas tópicas. Está escrito frecuentemente en verso e nun tipo de galego moi dialectalizado, que tende a imitar o rexistro oral e popular. Desenvolveuse dentro dunha situación de precariedade, escaso cultivo, falta de autorías e carencia de compañías e presenta, ademais da corrente costumista-humorística, a tendencia histórica, a social e o teatro lírico.
Antes de 1916, o intento máis serio de consolidación do teatro galego represéntao a creación na Coruña da Escola Rexional de Declamación, que tivo curta vida (1903-1905).
O Teatro do Grupo Nós
Os membros do grupo Nós crían que a modernización das nosas letras pasaba pola actualización tamén do teatro, polo que continúan co labor iniciado polas Irmandades. Non obstante, prodúcense unha serie de cambios.
- O bufón d-El Rei (1928), unha peza de carácter tráxico de Vicente Risco. Trátase dunha obra de corte simbolista, ambientada na época medieval, na que o protagonista é un personaxe deforme, tanto física como moralmente.
- A lagarada (1928), publicada por Otero Pedrayo, presenta a sociedade rural galega dun xeito analítico e crítico: un mundo a piques de desaparecer, opresivo, que ten como protagonista a miseria económica e moral.
Continuación Teatro Nós
Os vellos non deben de namorarse (estreada en Bos Aires en 1941 e publicada en 1953), de Castelao. É a obra que culmina o esforzo de renovación da dramaturxia galega levado a cabo polas Irmandades e o grupo Nós. Destaca pola simetría estrutural e o expresionismo e simbolismo que se combinan co humorismo e o folclore.
Acolle unha crítica aos valores dominantes na sociedade: o poder do diñeiro, a utilización erótica da muller, a hipocrisía. A obra, formada por tres lances enmarcados por un prólogo e por un epílogo, preséntanos tres versións dun mesmo esquema: o vello que se namora dunha moza e a imposibilidade deses amores que acaban coa morte do vello.
A obra parece ter como obxectivo pór en ridículo uns amoríos de tres vellos incautos mais acolle unha crítica aos valores dominantes na sociedade que resume o mozo desprezado por Pimpinela: “na feira todo se vende / cada cousa no seu prezo”. Ao lado do tema do amor e da morte trata outros como o poder do diñeiro, a obxectualización erótica da muller, a hipocrisía e o control social a través das murmuracións.
O Teatro Novecentista
O teatro foi tamén un xénero pouco cultivado polos novos escritores na preguerra. Como acontece na prosa, a maioría dos membros da nova xeración acabarían revelándose como dramaturgos na posguerra, tanto no exilio como na propia Galiza baixo o franquismo. Rafael Dieste, coa súa peza A fiestra valdeira (1927), marca o fito máis relevante do teatro galego de preguerra. Foi unha obra aplaudida pola súa novidade formal e temática.
Características de A fiestra valdeira:
- Está construída en tres actos ou lances.
- Ambiéntase a principios do século XX e a acción transcorre en “unha pequena vila mariñeira”.
- A acción desencadéase cando don Miguel decide facerse un retrato, ao que o pintor pon como fondo un porto mariñeiro visto dende unha ventá. A muller e a filla critícano porque recorda as súas orixes humildes. Don Miguel debátese entre o desexo de contentar a familia e a fidelidade ás súas raíces.
- Constitúe unha versión estilizada dun motivo popular que se consegue privando os personaxes de caracterizacións costumistas e concibindo o teatro como composición pictórica en movemento onde todo encaixa harmonicamente (a cor, a luz, as pausas, os diálogos, os decorados...).
- A construción escénica está moi calculada, cun motor de intriga (o destino final do cadro) e uns diálogos sobrios.
- Dieste fai predominar o literario sobre o propiamente dramático. Ademais, ten un sentido plástico e cromático da linguaxe, chea de expresións mariñeiras.
Análise da Viñeta de Luís Davila sobre Prexuízos Lingüísticos
Descrición e Intención Comunicativa
O texto é unha banda deseñada de Luís Davila que representa unha conversa entre dúas persoas interrompida por unha terceira. O obxecto da conversa das dúas primeiras é alguén galego-falante, que suscita a sorpresa delas -ou talvez indignación- pola lingua que fala: “¡Habla siempre en Gallego!”.
Tamén esperta nelas a curiosidade e a especulación sobre que tipo de persoa será alguén que sen parecer rural e sen cultura académica, se expresa en galego con naturalidade. Tentan entón atribuírlle outras características:
- “Debe ser nacionalista galego” –di unha delas.
- “O es maestro de Galego” –di a outra.
É entón cando intervén a terceira personaxe –unha moza que traballa co computador na mesa próxima dicindo: “¡Ou galego E PUNTO!”, en que “E punto” aparece enfatizado en maiúscula para expresar o ton irritado.
A intención comunicativa de Davila é evidenciar os prexuízos lingüísticos que existen sobre a nosa lingua.
Reformulación dos Prexuízos
O tipo de prexuízo que percibimos no texto é dos novos, daqueles que xurdiron cando o galego comezou a estenderse por todas as capas sociais e todos os ámbitos académicos e profesionais. Este feito provocou a readaptación dos perfís galego-falantes que non responden ao esquema de “galegofalante, rural e con baixa formación académica”; polo que procuran argumentos na ideoloxía (nacionalista) ou na actividade profesional (profesorado de LeLG).
Trátase dunha reformulación do vello prexuízo: “galegofalante = rural, vello e con baixo nivel académico” ao concepto “galegofalante = “urbano, novo, con nivel académico” que, ao non cadrar cos esquemas ideolóxico-sociais, encamíñase a outras atribucións pretensamente descalificadoras: radicalismo ideolóxico, pose intelectual ou afán de notoriedade (como por exemplo: “Ahora se le dá por hablar Gallego”).
Conflito Lingüístico e Normalización
Lembremos que os prexuízos son valoracións baseadas en falsas ideas ou no descoñecemento e que derivan en actitudes e comportamentos negativos. Todas as linguas son obxecto de prexuízos, sexan abertamente negativos ou pretensamente positivos; mais son as minoritarias, como o Galego, as que levan a peor parte, debido á súa situación de minorización fronte á lingua hexemónica.
Isto ocorre na maioría dos territorios lingüísticos de Europa, onde as linguas en contacto, a hexemónica e a minorizada, están en constante conflito lingüístico, ao provocar unha situación de diglosia entre os falantes da lingua minorizada que acaban por facer un reparto funcional das dúas linguas:
- Empregan a lingua A (hexemónica) nos ámbitos formais.
- Empregan a lingua B (minorizada) nos usos informais.
E isto é o que choca as dúas primeiras falantes do texto, isto é, que o falante empregue o galego de maneira normalizada.
Esta situación só se pode resolver de dúas maneiras:
- A través dun proceso de normalización lingüística –isto é a súa recuperación en todos os ámbitos de uso para que teña un desenvolvemento normal como vehículo de comunicación na propia comunidade de falantes.
- A través da substitución lingüística, cando a propia comunidade lingüística abandona a lingua B e asimila a lingua A, dominante.
Para concluír, esta banda deseñada reflicte os prexuízos contra o Galego que aínda se dan na nosa sociedade e evidencia o conflito lingüístico entre as dúas linguas do noso territorio.