Evolución da Poesía e Narrativa Galega (1940-1970)
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 16,81 KB
A Poesía Galega da Posguerra (1940-1970)
Despois da Guerra Civil, na Galicia interior haberá que agardar ao final dos anos corenta para podermos asistir a unha tímida recuperación da literatura en galego por causa da censura do réxime. As primeiras mostras desta nova etapa, no que se refire a Galicia, atopámolas na publicación do poemario Cómaros verdes (1946), de Aquilino Iglesia Alvariño, e na colección de poesía Benito Soto (1950, Pontevedra), na que se publican obras en verso de Álvaro Cunqueiro, Luís Pimentel, Manuel María e outros autores.
No ambiente de política represiva, os poetas galegos destes primeiros anos da posguerra retoman as liñas poéticas menos comprometidas ensaiadas na poesía galega anterior ao conflito bélico: imaxinismo, neotrobadorismo, a poesía paisaxista e, nalgúns casos, un intimismo existencial. Ao longo da década, iranse introducindo correntes modernas e, xa cara ao final, a poesía de preocupación existencial (a Escola da Tebra) e o socialrealismo de Celso Emilio Ferreiro, que se desenvolverá plenamente na década seguinte.
1. A Xeración de 1936
Está formada por autores nacidos entre 1910 e 1920 e que publican os seus primeiros poemas durante a República, en revistas das que son responsables os escritores máis vellos (Nós, Ronsel, Yunque, etc.). A súa obra callará definitivamente despois de 1936. Entre os autores desta primeira promoción cabería citar a Aquilino Iglesia Alvariño, María Mariño, Xosé Mª Díaz Castro (Ver Textos 4/5, p. 206) ou Celso Emilio Ferreiro.
Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912 – Vigo, 1979)
Celso Emilio Ferreiro eríxese na figura principal da corrente lírica socialrealista, que será a máis practicada até a publicación en 1976 de Con pólvora e magnolias, de Méndez Ferrín. A súa poesía presenta tres grandes eixes temáticos:
- A poesía social: solidaria cos oprimidos de calquera lugar. Denuncia o fascismo, a emigración, a explotación, a inxustiza...
- O eixe intimista: caracterízase polo desacougo existencial, con temas como a identificación coa terra, a fugacidade da vida, o amor, a morte...
- A poesía corrosiva e crítica: fortemente influída polas cantigas de escarnio e maldicir. A ironía constitúe, pois, unha das calidades máis salientables de Celso Emilio.
Entre as súas numerosas obras, habería que sinalar:
- O soño sulagado (1954): un libro dominado polo clima existencialista dos anos 50, que crea un universo simbólico caracterizado pola presenza da angustia e da dor existencial, a soidade, a morte, o “paraíso perdido” da infancia, a paisaxe e a terra natal. (Ver Texto 3, p. 206)
- Longa noite de pedra (1962): a poética de Celso Emilio decántase cara aos temas sociais e o compromiso político cos marxinados da Terra. Os seus trazos característicos son a sinxeleza expresiva, a preeminencia da mensaxe sobre a forma, o humor, a ironía e o sarcasmo, e finalmente o ritmo e musicalidade dos seus poemas, que os fixo idóneos para a adaptación musical por diversos cantautores da década, contribuíndo deste xeito á súa difusión.
En canto aos temas máis salientables de Longa noite de pedra, cómpre destacar a denuncia da opresión, que inclúe a condena do capitalismo e o fomento dunha conciencia proletaria; o antibelicismo, ligado á súa experiencia como soldado na guerra civil; a crítica da ditadura franquista e a defensa da liberdade; e a preocupación pola realidade galega, as súas xentes e a súa lingua. (Ver Textos 1, 2; p. 206). Outras obras do autor son Viaxe ao país dos ananos (1968, contra os emigrantes franquistas de Caracas), Cantigas de escarnio e maldicir (1968), ou Onde o mundo se chama Celanova (1975).
2. A Promoción de Enlace
A segunda xeración de posguerra está formada por escritores nacidos entre 1920 e 1930, formados na penuria económica e cultural dos primeiros anos do franquismo. Seguen modelos da literatura española, escribindo tamén en castelán, e actúan como ponte entre a xeración anterior e a seguinte, a das Festas Minervais. As direccións poéticas son en xeral as mesmas das xeracións do 25 e 36 e as escasas innovacións temáticas terán un desenvolvemento serodio.
Entre os autores desta promoción cabe salientar a:
- Luz Pozo Garza (poesía vitalista), con obras como Códice Calixtino ou Prometo a flor de loto (Ver Texto 5, p. 207).
- Antón Tovar (existencialismo).
- Cuña Novás, que, asemade, foi fundador da nomeada Escola da Tebra co seu libro Fabulario novo (1952), destacando tamén polo seu ton existencial.
3. A Xeración das Festas Minervais
Coñécese con este nome a un grupo de poetas nacidos na década dos 30 e que irrompen no panorama literario galego dos anos 50 arredor da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén se lles chamou Xeración das Festas Minervais por participaren todos eles nos certames poéticos que con ese nome se viñan celebrando na universidade compostelá desde o século XVII. Entre estes poetas podemos citar a figuras senlleiras como Avilés de Taramancos, Manuel María ou Uxío Novoneyra.
Paralelamente, outro grupo de poetas desenvolve a súa obra en Madrid, cidade na que cursan os seus estudos; coñécese co nome de Grupo Brais Pinto, e pertencen a el, entre outros, estudantes como X. Luís Méndez Ferrín ou Bernardino Graña. A súa poesía, xurdida nun ambiente máis aberto, contén elementos temáticos máis radicais, conectando con movementos europeos e norteamericanos.
Contra o final da década, algúns membros desta xeración, influenciados por Celso Emilio Ferreiro, dedicáronse a cultivar unha poesía socialrealista e comprometida (sobre todo Ferrín), e participaron activamente no cambio político xerado no nacionalismo galego.
Entre os autores máis destacados da Xeración das Festas Minervais cómpre deternos nos seguintes:
Manuel María (1929-2004)
Muiñeiro de brétemas (1950), Morrendo a cada intre (1952), Terra Chá (1954), Documentos persoais (1958)... son algúns dos seus poemarios. A amplitude da súa obra dificulta a clasificación de Manuel María nunha única corrente poética pois, se os dous primeiros libros se caracterizan polo ton existencial que os vincula á Escola da Tebra, en Terra Chá salienta a descrición da paisaxe, o que o aproxima á poesía de Novoneyra, mentres que a súa produción dos anos 60 e 70 se enmarca no socialrealismo e na poesía de compromiso político dominante nesta etapa. Nos últimos libros, o poeta elabora unha poesía máis reconcentrada e saudosa. (Ver Textos 2, 3, p. 230)
Uxío Novoneyra (O Courel, 1930 – Santiago, 1999)
Escribiu, entre outras obras, Os Eidos (1955), Do Courel a Compostela (1966), Poemas caligráficos (1979).... Posúe unha obra herdeira da tradición paisaxística anterior, pero en Novoneyra atopamos unha comuñón coa natureza do Courel, un existencialismo que nos amosa unha paisaxe vivida intimamente. Por outra parte, Novoneyra constrúe os seus versos cunha linguaxe na que predomina a exclamación e a aliteración fonosimbólica.
Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938)
É un autor clave na evolución da poesía galega contemporánea. O seu primeiro libro, Voce na néboa (1957), manifesta a influencia existencialista da Escola da Tebra. A poesía producida nos anos 60, publicada na década seguinte baixo o pseudónimo de Heriberto Bens, está fortemente marcada pola tendencia socialrealista, con fortes connotacións sociopolíticas. Con pólvora e magnolias é o seu libro de poemas máis celebrado e está considerado como a obra capital que abriu novos camiños na lírica contemporánea (sintaxe fóra da norma, simbolismo, creación de novas formas a partir de esquemas estróficos xa existentes, experimentación na métrica...). Nesta liña seguirán obras posteriores súas como O fin dun canto ou Estirpe.
Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932)
Os dous grandes temas da súa obra son a natureza (especialmente o mar, o que lle valeu o apelativo de “poeta do mar”) e o amor. Denuncia tamén a contaminación ambiental e a falta de humanidade do mundo que o rodea. Entre as súas obras podemos citar Profecía do mar, Se o noso amor e os peixes, Acendede as almenaras ou Himno verde. (Ver Texto 4, p. 231)
Antón Avilés de Taramancos (Noia, 1935-1992)
Dentro da súa obra, que podemos dividir en dúas etapas (antes e despois da súa emigración a Colombia), atopamos temas como o amor, a natureza e a súa relación co home, a patria e a lingua. Son obras súas títulos como As torres no ar, Cantos caucanos ou O tempo no espello.
A Narrativa Galega da Posguerra
A Guerra Civil, que puxo fin a unha etapa cultural brillante na nosa literatura, tamén afectou á narrativa, que non reaparece en Galicia ata a publicación de A xente da Barreira (1951), novela de Ricardo Carvalho Calero centrada no tema da decadencia da fidalguía. O resto da produción publícase na diáspora, como xa vimos no tema da literatura do exilio.
En 1950 créase a Editorial Galaxia, impulsada por Ramón Piñeiro, Fernández del Riego e García Sabell, cos seguintes obxectivos:
- Recuperar a conexión coa tradición cultural de preguerra (Otero, Cabanillas).
- Reintegrar a autores que optaran polo silencio (Fole, Cunqueiro).
- Reivindicar a validez do galego como vehículo de alta cultura.
- Incorporar as novas xeracións ao labor galeguista.
1. Os Renovadores da Prosa
Dentro deste primeiro grupo, destacamos as seguintes liñas temáticas:
a) Realismo Popular
Caracterizado pola ambientación rural, o marcado dialectalismo lingüístico, a sinxeleza argumental e o humorismo. Iníciase nos anos 50 con Ánxel Fole, que publica en 1953 Á lus do candil, conxunto de 14 relatos, ambientados na montaña luguesa e narrados en 1ª persoa, seguindo as técnicas da narración oral. Fole recorre ao amplo repertorio da mitoloxía popular para reelaborar lendas de lobos, aparecidos, meigallos... Outras obras de Fole son Terra brava, tamén de ambientación rural, e Contos da néboa (1975) e Historias que ningúen cre, de ambientación urbana e temas como o medo, o misterio ou as experiencias paranormais.
b) Realismo Máxico
Asociado a Álvaro Cunqueiro, cuxa obra ten unha serie de trazos comúns que o converten no escritor galego dotado dun mundo literario máis persoal:
- Fragmentación da novela, construída a base de relatos que se acumulan, e uso da técnica do relato dentro do relato.
- Predominio da oralidade no estilo: o modelo estilístico é o conto de tradición oral, reforzado por unha lingua chea de arcaísmos e dialectalismos.
- Incursión do extraordinario no cotián: É frecuente a mestura de realidade e fantasía, de personaxes populares e personaxes míticos.
Distinguimos na súa obra narrativa:
- As novelas:
- Merlín e familia (1955): Os personaxes das lendas artúricas instálanse en Galicia, na terra de Miranda, onde Merlín é visitado polos máis estraños personaxes para que lles solucione os seus problemas.
- As crónicas do Sochantre (1956): narra a estraña aventura que vive un sochantre bretón cando se dirixe a tocar nun enterro.
- Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961): onde se aborda a última aventura do vello mariñeiro das Mil e unha noites.
- Os relatos:
- Escola de menciñeiros (1960)
- Xente de aquí e acolá (1971)
- Os outros feirantes (1979)
Son pequenos relatos, semblanzas de personaxes galegos, reais ou imaxinarios, cheos de fantasía e humor, coa técnica frecuente do conto popular oral.
c) Realismo Social
O seu máximo expoñente é Eduardo Blanco Amor, xa estudado na literatura do exilio.
d) O Socio-Costumismo
Representado por Xosé Neira Vilas que, desde o realismo crítico, reflicte os temas da vida do neno rural e da emigración.
- O mundo da aldea visto por un protagonista infantil: Memorias dun neno labrego (1961) —reconstrución do hábitat rural galego da inmediata posguerra a través dos ollos do neno Balbino—, Cartas a Lelo (1971) e Aqueles anos do Moncho (1977).
- O mundo rural desde o punto de vista adulto: Xente no rodicio (que podería incluírse na NNG dadas as súas características), Querido Tomás e A muller de ferro.
- Obras centradas na emigración: Camiño bretemoso (1967) e Historias de emigrantes (1968).
2. A Nova Narrativa Galega (NNG)
É un movemento de renovación formal e temática da narrativa en galego que se produce desde os anos cincuenta ata principios dos setenta, e que supuxo o emprego duns xeitos de narrar modernos inspirados nos autores e movementos literarios internacionais máis innovadores do século XX. Entre outros, podemos salientar a Gonzalo Rodríguez Mourullo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán, Xohana Torres ou Carlos Casares.
Non son un grupo homoxéneo, pero teñen en común a formación universitaria, as inquietudes galeguistas, as viaxes por Europa e o seu coñecemento das últimas tendencias da literatura europea e americana: James Joyce, William Faulkner, Marcel Proust, John Dos Passos, Franz Kafka ou o Nouveau Roman francés con Marguerite Duras ou Claude Simon. A súa intención é romper coa tradición narrativa galega máis enxebrista.
Características Xerais da NNG
- Técnicas narrativas novidosas: desaparece o narrador omnisciente e emprégase o narrador en 1ª persoa, o monólogo interior, a técnica cinematográfica, a técnica epistolar...
- Temática existencialista: o absurdo da vida, a angustia de vivir.
- Personaxes antiheroes: seres inestables ou desequilibrados, atormentados.
- Ruptura da linealidade temporal.
- Espazos maioritariamente urbanos, ameazantes, claustrofóbicos, deshumanizados.
- Ambiente onírico, mestura de realidade e pesadelo.
- Frecuente presenza da violencia e o sexo.
- Visión pesimista e desesperada da realidade franquista.
- Retrato dunha sociedade opresiva e terrorífica que leva á autodestrución ou á loucura.
Xosé Luís Méndez Ferrín (1938)
É un dos piares da NNG e, en xeral, da prosa galega do século XX. Nas súas novelas e relatos, hai unha constante relación entre realidade e fantasía, con historias que se desenvolven en ambientes opresivos e terroríficos. En moitas obras reconstrúe un pasado mítico, celta ou artúrico, polo que usa topónimos e antropónimos sonoros e evocadores (Ulm Roam, Terra Ancha). As relacións humanas dos seus personaxes baséanse na violencia. Tamén se reflicten a brutalidade e a represión policial nas súas obras. Ademais, usa uns símbolos moi persoais de forma repetitiva: os insectos, as fiestras, os camiños...
A súa obra é moi abundante. Dentro da NNG, sitúanse dúas obras de relatos:
- Percival e outras historias (1958)
- O crepúsculo e as formigas (1961)
- Arrabaldo do norte (1964)
Outras obras son: Retorno a Tagen Ata, Amor de Artur, Bretaña, Esmeraldina, Arraianos, No ventre do silencio...
Carlos Casares (1941-2002)
Desenvolveu un importante labor tanto na literatura (narrativa e ensaio) como na prensa, a política e a xestión de organismos culturais como a RAG, o Consello da Cultura Galega ou a editorial Galaxia. Dentro da NNG encádranse dúas obras:
- Vento ferido (1967): Son doce relatos situados nun ambiente galego nos que os protagonistas sofren situacións de violencia e sufrimento. O ambiente social é abafante. Como técnicas destacamos o uso do monólogo interior. (Ver Texto 3, p. 178)
- Cambio en tres (1969): Desenvolve o tema da emigración galega a Europa. Formalmente é unha novela moi experimental: uso do monólogo interior, liberdade de puntuación e disposición gráfica do texto, descricións obxectalistas...
Fóra xa da NNG ten obras como: Ilustrísima, Deus sentado nun sillón azul ou O sol do verán.