Evolución e Normalización da Lingua Galega no Século XX
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 5,16 KB
O Galego no Primeiro Terzo do Século XX
No primeiro terzo do século XX, cómpre sinalar que o galego comeza a usarse en ámbitos dos que desaparecera ou nunca estivera presente (narrativa, ensaio, discurso político, correspondencia privada...). Destacaremos:
- A creación das Irmandades da Fala (1916), que teñen como finalidade a utilización exclusiva do galego en todo tipo de actos e escritos, así como impulsar a narrativa e o teatro.
- O Grupo Nós estende o uso do galego a todos os xéneros literarios e será o responsable da revista Nós, escrita integramente en galego.
- No Seminario de Estudos Galegos investigan Galicia desde diferentes campos: histórico, social, político...
- O Partido Galeguista, no que militarán durante a II República personalidades como Castelao ou Bóveda, liderará a redacción dun Estatuto de Galicia. Este estatuto inclúe –entre outras cousas– o ensino do galego e en galego. Aprobado en xuño de 1936, non poderá entrar en vigor ao iniciarse a Guerra Civil poucos días despois, pero propiciará a consideración de Galicia como nacionalidade histórica (xunto con Cataluña e Euskadi) ao instaurarse a democracia en 1978. Outras iniciativas dignas de ser citadas son as editoriais Lar, Nós ou a publicación de diferentes estudos lingüísticos.
Fronte a esta emerxente situación cultural, e aínda que o galego continúa a ser moi maioritario no país (arredor do 90% da poboación, as clases baixas), acelérase o proceso de substitución polo castelán, que avanza como lingua de relación habitual, mentres o número de falantes monolingües en galego vai descendendo.
No que se refire á lingua utilizada na escrita, non existe aínda un modelo único; continúan os intentos de crear unha norma (xa se publican algúns dicionarios e gramáticas).
Normativización do Galego
A existencia dunha variedade estándar –usada nos ámbitos formais, a que se describe nas gramáticas– contribúe a frear a dispersión dunha lingua. O galego tardou en contar cunha variedade estándar: fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario (normativización lingüística).
A nosa lingua non emprendeu esa tarefa –imprescindible para a súa normalización social– ata o século XIX, co Rexurdimento. Neste longo proceso hai catro etapas:
- Ata fins do século XIX: Utilizan o galego oral no seu rexistro popular (o que se conservara), cheo de vulgarismos, castelanismos e dialectalismos.
- Ata 1936: Os autores inclinaranse por un modelo diferencialista, que marque distancias co castelán.
- Ata comezos de 1980: Simplificación ortográfica (eliminación de apóstrofos, guións, acentos graves e circunflexos) e aposta pola ortografía inspirada no castelán.
- Ata hoxe: En 1982, a RAG (Real Academia Galega) e o ILG (Instituto da Lingua Galega) aprobaron as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, levemente reformadas en 2003, que son a norma culta oficial vixente na actualidade. Nos últimos anos, as ferramentas informáticas e a Internet supuxeron un importante avance na implantación da norma culta.
Ten unha longa tradición o reintegracionismo, partidario de que o galego retome as súas orixes uníndose en maior ou menor medida ao actual portugués. Unha das figuras máis relevantes é Ricardo Carvalho Calero, autor do Día das Letras Galegas 2020.
Desviacións e Interferencias Lingüísticas
Chamámoslles desviacións a aquelas voces que non se axustan á normativa, ben porque non pertencen ao nivel culto (vulgarismos, dialectalismos), ben por non seren palabras de uso actual (arcaísmos), ben por seren inventos motivados indirectamente pola presión do castelán (hipergaleguismos).
As interferencias son o influxo dunha lingua sobre outra, frecuente en situacións de contacto lingüístico e que afectan maioritariamente á lingua máis débil; son os castelanismos no galego, a maioría de tipo léxico.