Evolución da Lingua e Literatura Galegas: Dende o Franquismo Ata a Actualidade

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 10,49 KB

Nos últimos anos do franquismo, a Lei Xeral de Educación de 1970 posibilitou o ensino das "linguas nativas de España", incluído o galego. Un decreto de 1975 autorizou o seu ensino. Coa democracia e a aprobación da Constitución Española, a situación do galego mellorou. Aprobouse o Estatuto de Autonomía de 1981 e a Lei de Normalización Lingüística de 1983, que impulsaron a implantación e promoción da lingua, así como a súa estandarización. O Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Real Academia Galega (RAG) elaboraron as normas ortográficas e morfolóxicas do galego, que se fixeron oficiais coa promulgación da Lei de Normalización Lingüística. Tras unha revisión e reformulación no 2003, o Estatuto de Autonomía de Galicia recoñece o galego como lingua propia de Galicia e cooficial co castelán na Comunidade Autónoma. O galego utilízase na administración pública galega e na administrativa do ensino. En 1985, regulouse o uso do galego no ensino (educación infantil e primeiro de primaria con formación en lingua materna e indicando o número de materias nos demais ciclos). En 1995, establecese un máximo de dous terzos das materias obrigatorias en galego por curso. En 2004, o Parlamento de Galicia aprobou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. En 2005, o Consello de Europa recoñeceu o galego como lingua principalmente oral. Entre 2007 e 2008, o galego impartíase na Primaria e na ESO. En 2010, introduciuse a lingua vehicular, o inglés, desenvolvendo un terzo das materias en cada unha das linguas (galego, castelán e inglés).

Existe unha asimetría entre o castelán e as outras linguas de España, porque segundo a Constitución Española, o castelán é un deber coñecelo e o galego é un dereito. Na sociedade, no ámbito cultural, o galego está presente na música folk, pop-rock, hip-hop, cine, teatro e cómic, incrementándose o número de editoriais e aumentando as obras publicadas en galego. Nos medios de comunicación públicos, existen emisoras e canles de televisión locais (aínda que a maioría teñen acceso en castelán). No ámbito privado, o uso do galego é menor que no público, aparecendo en publicidade institucional (Xunta de Galicia) e campañas de promoción de produtos galegos de calidade. En internet, existe o dominio .gal. Tamén se emprega na prensa escrita, no mundo empresarial, na xustiza e na igrexa. A pesar dos avances na mellora do prestixio social, o galego segue perdendo falantes, unha perigosa tendencia descendente. O desequilibrio entre a competencia lingüística e o número de falantes, xunto cunha normalización non eficaz, pon en perigo o futuro da lingua, podendo converterse nunha lingua ritual.
A literatura galega de finais do século XX experimentou un novo período coa morte de Franco en 1975, a aprobación da Constitución en 1978 e a do Estatuto de Autonomía de Galicia, que supuxo un réxime autonómico con institucións propias e cambios no seu desenvolvemento. Tivo relevancia a elaboración das normas conxuntas da RAG e o ILG, e a aprobación en 1983 da Lei de Normalización Lingüística, que favoreceu a implantación do galego no ensino e o mercado do libro. Na década de 1970, destacaron autores como Blanco Amor, Cunqueiro e membros da Nova Narrativa Galega, como Méndez Ferrín (que se move entre a novela e o relato) con obras como Arraianos (ficción e realidade), Arnoia, amor de Artur; ou Casares (con grande labor cultural e político) con obras como Ilustrísima, Os mortos de sempre e Deus sentado nun sillón azul, que reflexiona sobre o poder e os seus excesos. Na década de 1980, xurdiron novos autores como Xavier Alcalá, Alfredo Conde, Méndez Oca e Víctor Freixanes. En 1985, a narrativa galega iniciou unha nova etapa co crecemento das obras publicadas. A introdución do galego no ensino supuxo a aparición dunha rica literatura infantil e xuvenil, con autores como Agustín Fernández Paz (Cartas de inverno, Noite de voraces sombras) e Marilar Aleixandre (A cabeza de Medusa). Foron claves a consolidación e ampliación dos premios literarios (Xerais, Blanco Amor, Merlín de literatura infantil) e a fundación de novas editoriais. Na prosa, realizáronse moitas traducións ao galego. Entre as tendencias da narrativa do século XX, destaca a imitación doutras literaturas, como a novela policial ou detectivesca. En 1984, publicouse Crime en Compostela, de Carlos Reigosa, e xurdiron outros autores como Manuel Forcadela con Sangue sobre a neve (mesmo escenario: Vigo) e Domingo Villar con A praia dos afogados. Estas obras, pensadas para un consumo xuvenil, utilizan personaxes tipo e recursos expresivos dos telefilmes americanos. Outra tendencia é a narrativa enraizada na nosa tradición, a literatura autóctona. Dentro desta, encontramos a narrativa fantástica, con raíz artúrica (Cunqueiro), que recrea unha patria perdida, como Amor de Artur, de Ferrín. Tamén a histórica, con autores como Bernárdez Vilar (Un home de Vilameán), que trata as loitas irmandiñas contra a nobreza medieval, ou García Mañá con O lume de Santo Antón, ambientada na Galicia do século XIX. Por último, a lírica, introspectiva e intimista, que trata poeticamente a lingua, con autores como Anxo Angueira e Ramiro Fonte.
Xorde a narrativa de autor, urbana e experimental, con autores como Xoán Ignacio Taibo e Marga Ledo Andión como precursores dun novo xeito de relacionarse co lector. A investigación literaria dos autores máis novos rexeita o realismo como referente inmediato e comparte a aposta polo suburbano/urbano como espazo imaxinario, o interese polas artes audiovisuais e a cultura "underground". Amosan unha negativa a crear mundos coherentes e integrados, cun afán de ruptura estética. Nesta liña, encontramos autores como Xelís de Toro, Cid Cabido e Antón Reixa. Suso de Toro, con Polaroid (1986), aposta polo realismo feísta, a parte escura. Con obras como Tic-tac, Círculos e 13 badaladas, e A sombra cazadora (literatura fantástica e ciencia ficción), xógase coa tradición helénica e o mundo actual. Un dos mellores escritores é Manuel Rivas, premiado e cunha liña persoal e cambiante, dende o mundo rural (Os comedores de patacas) ata as súas últimas novelas, como O lapis do carpinteiro e En salvaxe compaña, novela histórica con argumento amoroso. Tamén destaca Antón Reixa no cine. No ensaio, un xénero inaugurado nas letras galegas antes da Guerra Civil polo grupo Nós e retomado na posguerra polo grupo Galaxia, viviuse unha etapa fecunda. Entre os anos 1980 e 1990, produciuse a consolidación de revistas, a creación de coleccións específicas para o ensaio e a súa galeguización nas esferas universitarias. As principais orientacións temáticas foron: economía e política (Xosé Manuel Beiras, "O atraso económico de Galicia"); sociolingüística e literaria (Ricardo Carballo Calero, coas súas teses reintegracionistas e a denuncia da filosofía bilingüe como fraude para a normalización; e Alonso Montero, co seu informe dramático sobre o galego e o seu futuro pesimista, moi criticado, actual presidente da RAG; Xosé Ramón Barreiro Fernández, Anxo Tarrío); relixión e filosofía (galeguización dalgunhas capas da igrexa, revistas como Encrucillada ou Irimia, e ensaístas que se opoñen á inxustiza e reivindican a necesidade dunha maior identificación da Igrexa con Galicia, como Xosé Chao Rego e Andrés Torres Queiruga); feminismo (María Xosé Queizán); e historia (Ramón Villares); ademais doutros temas como etnografía, medio ambiente e distintos campos sociais.
O teatro galego do século XX non tivo tanto destaque como a poesía e a narrativa, con escasos textos. Entre os problemas, destaca a inexistencia dun público educado no teatro e a escaseza de infraestruturas axeitadas. Destacan autores como Manuel Lourenzo e Cándido Pazó. Podemos distinguir tres xeracións de dramaturgos: o Grupo de Ribadavia/Abrente (1973), con Manuel Lourenzo, Euloxio Ruibal e Roberto Vidal Bolaño, unidos pola súa postura contra a ditadura e a exploración de novas tendencias teatrais que servisen de instrumento de axitación e propaganda. Impulsaron a profesionalización do sector, crearon un teatro actual e de calidade comprometido coa realidade social e política, exploraron novas fórmulas estéticas, contribuíron á normalización lingüística, convocaron premios, constituíron entidades e asociacións, e serviron de guía ás xeracións posteriores. A promoción dos anos 1980 tiña unha vocación culta, con textos de alta densidade lírica, forte contido simbólico, refinamento e dificultade de comprensión. Destaca Miguel Anxo Fernán-Vello, co seu humor absurdo, ironía e parodia. Os personaxes non teñen nome ou agóchanse tras máscaras ou bonecos (proceso de abstracción ou xeneralización). En 1984, creouse o Centro Dramático Galego (CDG), organismo público dependente da Xunta de Galicia que financia con fondos públicos a montaxe e posta en escena de obras, mellorando as condicións do teatro galego. Recuperouse unha parte da tradición do teatro galego con obras de Cunqueiro, Cabanillas, Dieste, Otero Pedrayo e Villar Ponte. A promoción dos anos 1990 propúxose elaborar unha poética teatral propia, manter a continuidade creativa e facilitar a conversión dos seus textos literarios en escénicos, producíndose un novo auxe de autores-directores-dramaturgos. Confirmouse a profesionalización do teatro coa consolidación de compañías estables (do Atlántico, do Noroeste). A dificultade de subsistir e a dependencia dos apoios recibidos mediante políticas de subvencións e axudas institucionais levou a que na actualidade existan 40 compañías teatrais estables privadas que contribúen á normalización lingüística. Caracterízanse polo simbolismo, o coidado da estrutura da peza e a prioridade do texto. Redescúbrese a comedia desde unha concepción máis lúdica e paródica. Destacan autores como Cándido Pazó, Lino Braxe e Miguel Anxo Murado. Tamén cómpre salientar dramaturgos inéditos sen saída editorial, como Quico Cadaval, e textos de creación colectiva non fixados por escrito, como os de Artello e Chévere. Realizáronse adaptacións teatrais de novelas, como o espectáculo "Nano", baseado nas novelas de Suso de Toro (Círculo e Tic-tac). Existen mostras e certames como a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e a Mostra de Teatro Galego do Carballiño.

Entradas relacionadas: