Evolución do latín ao galego: verbos e sistema nominal
Enviado por Chuletator online y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 10,01 KB
O sistema verbal
Procesos evolutivos
Primeiro proceso
Indicativo: mudanza do futuro
Desaparece o futuro latino CANTAVERO (por simetría) e créase un futuro primario a través do pospretérito. Fórmase a partir dun mecanismo perifrástico: co infinitivo do verbo e co copretérito do verbo HABERE; por exemplo: CANTARE HABEBAM.
Subxuntivo
O subxuntivo serviu como modelo para o indicativo (simetría). No subxuntivo protorromance pásase de catro tempos a dous, mantendo exclusivamente a distinción entre tempos que expresan anterioridade e os que non. Desaparecen CANTAVEREM e CANTAREM, mentres que CANTAVISSEM se mantén.
Segundo proceso
Indicativo: emerxencia de tempos compostos
Este cambio supuxo pasar dun sistema lingüístico de 6 tempos a un de 10, coa creación de 4 novos tempos: antepretérito, copretérito, antepresente e antefuturo.
Subxuntivo
Triplícanse as funcións temporais: antepresente, antepretérito e antepospretérito.
Teorías sobre o sistema verbal latino
Teoría aspectualista
Para Varrón, canto e cantavi eran idénticos no tempo; só existían oposicións aspectuais. Pola súa banda, Meillet abandona a equivalencia temporal entre canto e cantavi e establece que, ademais da oposición aspectual, tamén hai un apoio temporal.
Teoría temporalista
Donato e Prisciano eliminaron da dimensión semántica do verbo o aspecto, considerando unicamente valores temporais. Estableceron 5 fases: cantaveram, cantabam, cantavi, canto, cantabo.
Teoría tempoaspectualista
Mariner, nos anos 50, presentou unha proposta conciliadora: o tempo é o eixo semántico principal, mais existen oposicións aspectuais.
A vogal temática na segunda conxugación
Nos verbos da segunda conxugación, obsérvase unha variación da vogal temática entre os verbos regulares con /e/ e os irregulares con /ɛ/. Isto representa unha regularidade evidente dentro do paradigma da segunda conxugación. En xeral, a explicación é que na segunda conxugación latina, a vogal temática (VT) tiña carácter longo (Ē), mentres que na terceira conxugación alternaban entre E breve (Ĕ) e E longo (Ē).
Teorías sobre a vogal temática
Teoría tradicional
O paradigma DARE (Ĕ) evolucionaría normalmente e funcionaría como modelo para o resto dos verbos irregulares. Os verbos regulares evolucionarían espontaneamente de Ē a /e/.
Nos tempos do tema de perfecto (pretérito de indicativo, antepretérito de indicativo, pretérito de subxuntivo e futuro de subxuntivo), na época latina a cantidade era un trazo morfolóxico. Tanto a cantidade como o esquema prosódico-acentual eran irregulares e presentaban moita variación. No período posclásico, púxose en marcha un cambio tendente á regularización do acento.
Teoría de Santamariña
A teoría de Santamariña, por outra banda, refuga esta teoría tradicionalmente aceptada pola romanística hispánica. El considera que o desprazamento do acento e a perda da cantidade vocálica ocorreron simultaneamente, de modo que cando tivo lugar o desprazamento acentual, aínda estaba vixente a cantidade vocálica como trazo distintivo. Así, RESPÓNDĔRAM > RESPONDÉRAM, o que debería dar en romance galego-portugués un /ɛ/ tónico. Isto implica que, deste xeito, todas as persoas en todos os tempos presentarían un /ɛ/ (a cuarta e a quinta persoa do futuro de subxuntivo faríano xa sen este mantemento da cantidade vocálica, pois o acento nestas persoas conservouse na mesma vogal, que era un Ĕ).
- Produciuse, a continuación, unha mudanza analóxica que fixo que todas as persoas dos tempos do tema de perfecto adoptasen o /ɛ/, independentemente de se partían de Ĕ ou Ē latinos (é dicir, nalgúns verbos sería espontáneo, noutros analóxico). Este esquema vale tamén para explicar a historia dos verbos irregulares.
- Os verbos irregulares mantiveron inalterado este paradigma do /ɛ/, en tanto que nos verbos regulares a VT foi analoxicamente substituída por /e/, tomando como modelo a VT do tema de presente, que sempre foi unha vogal palatal media pechada /e/.
A voz pasiva
Características
- Tematización do obxecto.
- Baixa frecuencia e uso circunscrito ao rexistro culto.
- Estúdase como perífrase á parte.
- Permite indeterminar o axente.
- Produce a intransitivación da oración.
O sistema nominal: a ruína dos casos
Teoría de Väänänen
- Väänänen foi un estudoso das inscricións pompeianas e a súa foi unha proposta neogramática coa que xurdiu a lingüística científica. Trátase dunha proposta sinxela pero cun gran atractivo pola súa mecánica.
- Väänänen concibe a ruína do caso como un proceso cuxa mecánica consiste na concesión progresiva dos seus valores, funcións e contextos ao acusativo por parte de cada caso. Deste xeito, co devir dos séculos o acusativo logra incrementar a súa capacidade.
- Para el, a ruína dos casos foi simultánea en toda a xeografía do Imperio Romano. Aplica o mesmo esquema a todas as linguas romances, aínda que só se adecúa ao francés e ao occitano (unha concepción da Romania gravemente galocentrista).
En francés, en occitano e en francoprovenzal durante a Idade Media perviviu unha versión deteriorada dos casos latinos, un sistema bicasual.
- Pola orde na que presenta a problemática da confusión de casos, podemos determinar que o primeiro foi o vocativo e o último (o caso que foi suplantado en menor medida) foi o nominativo. Ademais da orde, tamén presenta inconscientemente afirmacións que permiten interpretar que o contexto no que se produciron ditas confusións (casuais ou acasuais) determinou que os casos rematasen por entregar os seus valores, usos e funcións ao acusativo.
- Segundo Väänänen, cada caso foi cedendo individualmente os seus valores ao acusativo en diferentes cronoloxías.
Fases da desaparición dos casos segundo Väänänen
- Protolatín: sistema hexacasual.
- Latín clásico: sistema pentacasual, estable na súa variedade culta e escrita (supresión do vocativo).
- Latín tardío 1: fase intermedia tricasual (supresión do dativo e o ablativo, cuxas funcións son atribuídas ao acusativo). Desapareceron antes porque eran os casos que participaban en confusións tanto en contexto preposicional como non preposicional.
- Latín tardío 2: fase bicasual ou bimembre (supresión do xenitivo). Este caso conducía a confusión unicamente no contexto preposicional.
- Desaparición total: plena neutralización da oposición dos dous casos restantes (nominativo e acusativo), coa supresión do nominativo.
Teoría de Herman
- A súa é unha obra funcionalista e divulgativa en francés. Cando explica a ruína dos casos, preocúpase por establecer as oposicións entre eles, poñendo énfase na evolución do conxunto e non de cada un individualmente.
- Esta proposta apóiase no principio da dominancia, que establece a imposibilidade de que cada caso determinase o seu rumbo individualmente, destacando a importancia da relación cos demais dentro do sistema de casos.
- Sostén, ademais, unha concepción binarista das oposicións e xerarquías, que permitía que as unidades funcionasen e impedía alteracións destrutivas. O principio da dominancia parte da idea de que no latín clásico existían dúas oposicións binarias (acusativo-ablativo e xenitivo-dativo) e un caso que non mantiña relación directa con ningunha outra, senón cos outros pares: o nominativo. Mentres non se produza a neutralización da oposición a un nivel básico, non pode producirse en niveis superiores. Así pois, debe darse gradualmente e de forma ordenada, orixinando novas versións dos sistemas.
- Seguindo esta teoría, Herman determinou que o romanés funciona cunha mecánica distinta á das restantes linguas romances, posto que aínda hoxe conserva unha clase de substantivos femininos (derivados da primeira e a quinta declinación) con expresións diferenciadas para nominativo-acusativo, por unha banda, e para xenitivo-dativo por outra (sistema bicasual).
- No século V o sistema xa era bicasual en toda a Romania, e desaparecería arredor do ano 700.
Porén, para o galego non ten sentido a proposta evolutiva co modelo de Herman, pois cando no século V se chega a un sistema bicasual, o acusativo non se opoñía ao nominativo, senón que mantiña oposición co xenitivo (moitos nomes onomásticos e comúns que derivan do xenitivo indícannolo). Polo tanto, debemos establecer unha diferenza setentrional-meridional, sendo esta última a situación que se deu nas linguas da Península Ibérica tras a invasión musulmá (711).
Teoría de Dardel-Wüest
- Ten como valor fundamental, ademais do achegado por Herman (a importancia do eixo diatópico), a perspectivización do cambio lingüístico desde os falantes: a perspectiva social da historia das linguas (colonización, pidgin, crioulo, etc.).
- Para eles, a xente que non pertencía ás elites aprendeu un latín sen casos en toda a Romania meridional. Xustifican os vestixios casuais no protorromance por unha reaprendizaxe do latín, onde xogaron un papel fundamental as institucións, e por un avance sociolingüístico que recuperou as estruturas morfolóxicas do latín.
- No resto da Romania, o sistema evolucionou ata a súa desaparición pasando por un sistema bicasual (variedades galegorromances e variedades setentrionais italianas).