Evolución e Impacto da Política Agraria Común (PAC) en España

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 6,29 KB

A partir da entrada de España na CEE (1986), a política agraria española estivo marcada pola PAC e as súas reformas.

Primeira etapa: A PAC orixinal (1962)

A PAC xurdiu en 1962, nunha Europa occidental marcada pola posguerra. A produción agrícola e gandeira quedara seriamente mermada e perigaba a produción e o abastecemento de produtos básicos de alimentación. Así pois, o obxectivo central nestes primeiros anos da PAC era asegurar que os cidadáns, como consumidores, dispuxeran dun suministro estable e suficiente de alimentos a prezos asequibles. Para iso, debíase garantir que o conxunto de países da CEE dispuxeran dun sector agrícola viable fomentando a mellora da produtividade agrícola.

A PAC funcionaba mediante subvencións e sistemas que garantían prezos elevados aos agricultores, sen elevar o prezo final para os consumidores, incentivando o aumento da produción. Con este obxectivo, dábase asistencia financeira para a reestruturación da agricultura, por exemplo, con subsidios ás inversións agrícolas para favorecer o crecemento das explotacións, para aumentar a formación dos agricultores (formación específica de capacitación profesional), para adaptarse ás condicións económico-sociais (xubilacións anticipadas, axudas a fondo perdido ás rexións máis desfavorecidas), etc. O custo económico destas medidas era elevadísimo, alcanzando ata o 50% do presuposto da UE.

Os principios que inspiraban a PAC desde os seus inicios foron:

  • Unidade de mercado con libre circulación de produtos agrarios, prezos institucionais comúns.
  • Preferencia comunitaria con establecemento de medidas protectoras fronte á competencia extracomunitaria.
  • Solidariedade financeira, mediante o financiamento das políticas establecidas vía presuposto da Comunidade.

Os resultados desta primeira PAC manifestáronse na década de 1980. Así, logrouse o autoabastecemento europeo de alimentos, pero a costa da creación de excedentes e de problemas medioambientais.

A acumulación de excedentes alimentarios tratou de solucionarse con dous tipos de medidas:

  1. Medidas de mercado como:
    • As intervencións para evitar o afundimento dos prezos consistentes en almacenar ou destruír os excedentes.
    • A exportación dos excedentes, concedéndolle aos agricultores restitucións ou subvencións para compensar a diferenza con prezos mundiais máis baixos.
    • A redución de prezos agrarios, compensando aos agricultores con axudas.

    Estas medidas elevaron o gasto agrario comunitario e distorsionaron o comercio mundial, polo que a OMC (Organización do Comercio Mundial) esixiu unha maior liberalización da agricultura europea.

  2. Tamén se tomaron medidas para reducir a produción, como prexubilacións, abandono da actividade, cotas aos produtos excedentarios, retirada de terras de cultivo, extensificación (incentívase o barbeito e a silvicultura).

Os problemas ambientais foron:

  • A degradación do medio natural causada pola intensificación.
  • O deterioro da paisaxe e do patrimonio cultural rural motivado polo abandono agrario.

A entrada de España na CEE e a adaptación á PAC

No ano 1986, España entrou na CEE (UE), cando os problemas da PAC xa eran manifestos. España tivo que adaptarse á PAC mediante:

  • A reorientación das importacións cara aos países da UE.
  • A suba de prezos para equiparalos aos da UE.
  • Adopción de sistema de cotas, sobre todo, sector do leite, cereal, e viño.
  • Recibiu numerosas axudas para a modernización das explotacións, que permitiu elevar as rendas e o nivel de vida dos agricultores.

As reformas e a PAC actual

Desde a década de 1990, sucedéronse diversas reformas, a última no 2013, baseadas nun novo modelo posprodutivista, cuxo obxectivo é a sostibilidade ou combinación da competitividade co coidado ambiental. O resultado foi certa redución dos problemas anteriores, como o dos excedentes, que levou a suprimir as cotas desde 2015.

Os obxectivos actuais da PAC son:

  • Garantir a seguridade alimentaria e a produción de alimentos sans e de calidade a prezos asequibles para Europa.
  • Aumentar a competitividade do sector agropecuario.
  • Mellorar as condicións sanitarias dos animais e o seu benestar o que repercutirá na salubridade dos seus produtos.
  • Procurar o benestar da sociedade rural, asegurando uns ingresos razoables e estables aos agricultores.
  • Producir de forma respectuosa co medio.
  • Conseguir unha economía rural sustentable e dinámica en todas as rexións.

As medidas para alcanzar estes obxectivos estrutúranse en dous piares:

  1. O primeiro piar da PAC financia a través de FEAGA (Fondo Europeo Agrícola de Garantía):
    • Os pagamentos de mercado financian as intervencións e as restitucións ou subvencións pero limitados a momentos de crise, debido ás protestas da OMC.
    • As axudas directas aos agricultores que substitúen ás antigas axudas á produción, que consisten en:
      • Pagamento básico por hectárea igual para todos os agricultores en activo.
      • Pagamentos obrigatorios:
        • Para a instalación de agricultores novos (< 40 anos)
        • O ecolóxico, greening, ou pagamento ecolóxico (por diversificar a produción, mantendo a terra como pasto, por conservar o medioambiente e a paisaxe).
      • Pagamentos voluntarios:
        • Por ter a explotación en zonas con limitacións naturais.
        • Por producir en certos sectores prioritarios por razóns económicas ou sociais.
  2. O segundo piar da PAC: Financia o desenvolvemento rural a través de FEADER (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural) cofinanciado con cartos da UE e do Estado membro, ao desenvolvemento rural a través de axudas dirixidas a:
    • Á mellora da competitividade a través do coñecemento e da innovación.
    • O coidado do medio ambiente e da paisaxe rural.
    • A mellora do nivel de vida e do emprego como forma de evitar o despoboamento nas zonas agrarias.

Actualmente detínanse á PAC arredor do 40% do orzamento da UE. A gran maioría do gasto da PAC emprégase nas axudas directas aos agricultores e gandeiros.

Entradas relacionadas: