Evolución Humana e Antropoloxía Filosófica: De Darwin a Freud
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 17,52 KB
Teorías Evolutivas
Lamarck
Os seres non sempre foran iguais. Enfrontábase ao fixismo e contrapúxose o transformismo. Explica que unhas especies se orixinan a partir doutras como froito de transformacións anatómicas: a función crea o órgano.
A Orixe das Especies (Darwin, 1859)
A teoría da evolución baséase nas seguintes afirmacións:
- Orixe común: Todos os seres vivos teñen unha orixe común. Están emparentados entre eles porque descenden da primeira forma de vida da que se xeraron lentamente todas as demais.
- Evolución das especies: As especies aparecen, extínguense e cambian constantemente. Non podemos constatar cambios que se producen a moi longo prazo.
- Gradualismo: O proceso de cambio é progresivo e non hai saltos repentinos e descontinuos dunha especie á outra.
- Selección natural (Darwin e Wallace): É o mecanismo que produce a evolución. En cada xeración nacen individuos con distintas características particulares, isto proporciona gran variedade xenética.
Cada individuo loita por sobrevivir, xa que a súa poboación aumenta con cada xeración sempre nunha proporción maior que o alimento dispoñible. A isto súmase que unhas especies deben loitar contra outras para asegurarse alimento e territorio, ademais de contra un medio ecolóxico en cambio constante ao que deberán adaptarse para non morrer.
Hominización
Procedemento que permitiu que a especie humana evolucionara desde os seus primeiros ancestros ata o Homo sapiens. É un procedemento prolongado no tempo, que comeza coa aparición dos primates, cando hai 65 millóns de anos algúns mamíferos evolucionaron e deron lugar aos primates primitivos.
Cambios Anatómicos
Bipedestación
Un cambio climático extremo a finais do Mioceno, fai 6 millóns de anos, levou os homínidos do bosque ás chairas da sabana africana. Para trasladarse e atravesar os claros, que agora aumentaban, non era suficiente a locomoción arborícola; víronse obrigados a desprazarse usando as patas traseiras.
O cambio de hábitat posibilitou que aqueles que estivesen máis ergueitos viran mellor os depredadores e se desprazasen con menor esforzo. Esta postura impulsou o desenvolvemento da columna vertebral. Erguerse permitiu o desenvolvemento do cerebro e a encefalización.
Encefalización
O cerebro gaña cada vez máis volume e máis conexións neurolóxicas. A fabricación de utensilios e a complexidade crecente da vida social son factores chave para este crecemento. Ao consumir carne, os homínidos dispuxeron de enerxía que permitiu que o cerebro traballase máis e aumentase. As dimensións da mandíbula diminuíron por unha mutación no xene que daba lugar á masa muscular que a unía ao cranio. Os músculos masticatorios enganchan na parte superior do cranio; o crecemento do cranio e do cerebro que está no seu interior interrómpese en todos os primates, salvo no noso caso. De aí que o ser humano teña unha mandíbula máis pequena e un cranio maior.
Acurtamento da Man
Esta parte do corpo é moito máis curta que a doutros primates. A proporción da palma e dos dedos acurtouse, o polgar alongouse e adoptou unha posición oposta aos dedos restantes. Ao liberarse a man, os cambios evolutivos fixeron unha manipulación máis fácil.
Cambios Fisiolóxicos
Liberación das Mans
As mans quedaron libres ao non necesitar os brazos para desprazarnos; convertéronse na ferramenta principal. A oposición do polgar fixo posible a pinza de precisión, que permite un agarre forte.
Plasticidade Biolóxica
O noso corpo non está especializado para ningunha función concreta. Para o ser humano, a supervivencia depende da cultura que adquire para aprender a usalo. Ten o proceso de maduración máis lento do mundo animal e unha notable carencia de instintos.
Particularidades da Reprodución
A sexualidade humana caracterízase polo seu control cortical, non simplemente hormonal. Distínguese do resto pola erotización e personalización do sexo. Destaca a postura frontal na cópula.
Cambios Sociais
Intensificación da Vida Social
Os homínidos manteñen unha longa dependencia materna debido ao seu lento proceso de maduración.
Linguaxe
Para que esta comunicación se desenvolva é esencial que a capacidade cerebral aumente. Existe unha estreita relación entre a maduración cerebral e a capacidade lingüística.
Humanización
Proceso que nos conduce de homínidos con corpo antropomorfo (forma humana) a seres humanos. Céntrase nos cambios que experimenta a conduta.
Factores Clave na Humanización
Descubrimento do Lume
Hai quen sostén que non inventamos o lume, senón que, ao aprender a controlalo, o primate converteuse en humano. O lume dá luz e quenta, espanta os depredadores, permite cocer alimentos e proporciona un lugar de reunión.
Fabricación de Ferramentas
Permitiu especializarnos mediante instrumentos en distintos tipos de tarefas (instrumentos cortantes, armas defensivas, etc.).
Agricultura e Gandería
As actividades agrícolas e gandeiras supuxeron un cambio revolucionario: sempre habería alimento dispoñible.
Organización Social
Prodúcese cando estes grupos deixan de ser nómades grazas á agricultura e á gandería. Supón a aparición dun novo modelo social, onde existe unha xerarquía e unhas normas sociais que respectar. Xorden:
- Comercio: Establécense os primeiros intercambios e acordos.
- Guerra: Xorde o sentimento de propiedade sobre os froitos do traballo propio e a guerra para defendelos.
- Historia: Aparecen distintas formas de vida en sociedade; nacen a política, a economía e a historia.
Grazas ao pensamento, interpretamos toda a información que chega ao cerebro mediante a razón e a imaxinación. Isto fai que apareza a vida afectiva, regula e reprime os instintos e serve de base á vida moral. A diferenza máis grande con outros animais está na linguaxe articulada. A linguaxe humana caracterízase por ser simbólica (elabora e emprega signos convencionais).
A Cultura
O termo cultura vén do latín colere, palabra que fai referencia ao cultivo da terra. A palabra natureza vén de nasci (en latín, nacer). O comportamento do animal está programado no seu código xenético, é algo conxénito. Un animal novo e sen experiencia responde ante situacións novas cun acto instintivo que nunca vira antes; o animal vive nun mundo pechado. A isto contrapónselle o mundo aberto do ser humano, que debe ser creado, cultivado. A cultura é o segundo útero que permite desenvolver as nosas capacidades especificamente humanas.
Definición de Cultura (E.B. Tylor, 1871)
Tylor define a cultura coma un conxunto complexo que inclúe coñecementos, crenzas, arte, moral, dereito, costumes e outras capacidades ou hábitos adquiridos polo ser humano como membro dunha sociedade.
Proceso de Socialización
É o proceso mediante o cal o individuo aprende e interioriza as normas, valores e pautas de comportamento da súa sociedade.
Aprendizaxe de Patróns Culturais
Os valores e as condutas aceptables dun grupo social son algúns dos modelos culturais que o individuo debe aprender para formar parte da sociedade.
Interiorización
Todo o que se aprendeu cando o neno é pequeno queda interiorizado. De maneira espontánea, asume por el mesmo que as cousas deberían ser así.
Estabilidade Psicolóxica
Ao adoptar os patróns externos que se lle impoñen, o individuo pode relacionarse cos demais e entender o seu mundo.
A Socialización ao Longo da Vida
A socialización é un proceso que dura toda a vida, pero é determinante na infancia. Arredor dos 5 primeiros anos de vida, o ser humano realiza as aprendizaxes máis importantes. Este proceso lévase a cabo en grupos denominados 'axentes de socialización', que permiten diferentes aprendizaxes:
- Na familia apréndense pautas de comportamento e valores fundamentais.
- No círculo de amizades explóranse as regras de conduta e a interacción entre iguais.
Outros Axentes de Socialización
Inclúen a escola e os medios de comunicación de masas.
Reflexión sobre o Corpo na Historia da Filosofía
A antropoloxía filosófica é unha rama da filosofía que intenta explicar que é o ser humano. O concepto de corpo forma parte esencial desta investigación. Tradicionalmente, a alma parece conter a verdadeira esencia do ser humano, mentres que o corpo é só un soporte orgánico, material, necesario para que outro principio vital distinto del poida existir.
O Sopro Divino da Alma
Esta é considerada incorpórea e inmortal.
A Pesada Carga do Corpo Material
O corpo debe estar subordinado á alma.
Dualismo Platónico
Para Platón, o corpo é algo alleo ao ser humano, quen se identifica só coa súa alma. O corpo dificulta o seu proceso de coñecemento e o ascenso cara ao Ben.
O Mito do Carro Alado
Un auriga (a razón) guía unha parella de cabalos alados: un branco, fermoso e bo (o ánimo ou vontade) e outro negro, feo e malo (os apetitos ou desexos). Cando o auriga é poderoso, o carro voa, pero se os cabalos perden as ás, o carro é arrastrado cara abaixo, cara á terra.
Caída da Alma e Reminiscencia
Cando a alma cae á terra, queda encerrada nunha tumba (sema), nun corpo (soma). Só se recupera a forza das ás poderá elevarse de novo cara ao lugar onde habitan os deuses (o Mundo das Ideas). O desexo de acadar ese lugar favorece que crezan as ás. Este mito explica a tensión entre a razón e o desexo. Esa alma é a fonte do coñecemento verdadeiro grazas ao recordo (anámnesis) dos modelos ou arquetipos das cousas sensibles que contemplara no Mundo das Ideas antes da caída na terra. Esta é a teoría da reminiscencia, que esixe a preexistencia da alma (existe antes do corpo).
Hilemorfismo Aristotélico
Para Aristóteles, o ser humano é unha unidade substancial de materia (corpo) e forma (alma). A alma e o corpo non son entidades separables, senón elementos indisolubles, tanto nos seres humanos coma no resto de seres vivos. A alma é a forma do corpo, o principio vital que o organiza.
Teoloxía Medieval
O ser humano é considerado coma un ser creado por Deus e subordinado a El. O corpo é algo positivo que constitúe e define o ser humano. Se o home peca, non é porque os instintos do seu corpo o traizoen, senón que é el mesmo quen traizoa a vontade divina.
Renacemento
Prodúcese unha serie de profundos cambios económicos, políticos, sociais, científicos, técnicos, etc., que provocarán unha revolución cultural e unha drástica sacudida á sociedade medieval. O ser humano contará con horizontes máis amplos e emerxerá unha nova concepción de si mesmo. Xorde a revalorización do ser humano, formulada por humanistas como Erasmo de Rotterdam ou Leonardo da Vinci. O ser humano admírase por si mesmo, sitúase como principio e como centro (antropocentrismo). Como consecuencia, comézase a pensar na liberdade individual, un principio básico de cada individuo para dirixir lexitimamente a súa propia vida, deixando atrás obrigacións e ataduras do medievo. Maniféstase unha defensa da dignidade propia do ser humano, referida á súa produción intelectual, técnica e artística como reflexo do excelso do propio humano.
Filosofía Moderna (s. XVII en adiante)
Xorde a filosofía moderna. A preocupación fundamental desta nova etapa na historia da humanidade é o problema da orixe, dos límites e dos criterios de validez do coñecemento. O asunto que se analiza nese período filosófico é o problema do ser humano en relación co problema do coñecemento. Destacan tres momentos cruciais representados por tres filósofos: Descartes, Hume e Kant.
Descartes
Deduce a propia existencia a partir do pensamento: "Cogito, ergo sum" (penso, logo existo). O ser humano defínese por un proceso de introspección intelectual, que é un proceso de análise en primeira persoa. Non podemos finxir que non pensamos.
- Desde o plano da introspección, o ser humano defínese como 'eu', como res cogitans (substancia pensante).
- Desde o plano da observación científica, recoñecemos ao ser humano como res extensa (substancia material).
Descartes explicará o funcionamento dos organismos vivos coma se fosen máquinas (mecanicismo). O ser humano sería un híbrido de máquina (corpo) e autoconciencia (alma/mente).
Hume: O Ser Humano como Punto de Partida e Límite
Xorde unha visión definitivamente antropocéntrica. Conclusións básicas:
- Só desde un enfoque e punto de partida antropocéntrico teremos posibilidade de explicar lexitimamente o conxunto da realidade; ese é o novo panorama do pensamento no que se debe situar toda verdadeira filosofía.
- A 'alma' sería tan só unha especie de imaxe pictórica para referirse á grandeza do ser humano, pero sen entidade propia demostrable.
- Existe unha natureza humana: Hume observa a uniformidade que se aprecia nas costumes dos distintos pobos e nas accións dos individuos. Tamén son similares as accións humanas ás do resto dos animais, guiadas pola causalidade e o hábito.
- En canto á razón, non se pode considerar dona absoluta; é escrava das paixóns. A Razón consiste en descubrir os fins que nos resultan apetecibles e os medios para conseguilos.
- As pautas de convivencia e a constitución das sociedades humanas tamén se derivan das paixóns (simpatía, interese propio), sexan estas apracibles ou violentas.
Kant
O carácter fundamentalmente racional da propia condición dos seres humanos obríganos a actuar non só polos impulsos da natureza, senón tamén polos ditados do deber moral (imperativo categórico). Este aspecto supón recoñecer a igual dignidade de todos os seres humanos como fins en si mesmos.
Decadencia ou Progreso da Humanidade
Kant reflexiona sobre a posibilidade dun progreso moral na historia humana.
O Ser Humano como Problema Filosófico
O ser humano convértese nun problema filosófico central, resumido nas súas famosas preguntas: Que podo saber? Que debo facer? Que me cabe esperar? Que é o home?
Impacto de Darwin na Filosofía
A teoría da evolución das especies de Darwin cuestiona se a especie humana apareceu na terra espontaneamente ou por mediación dunha divindade, propoñendo que foi froito da evolución biolóxica. Isto implica que non hai cabida para a crenza na separación radical entre os seres humanos e o resto dos seres animais.
Nietzsche: A Crítica á Tradición e o Superhome
Nietzsche rompe de forma drástica coas posicións teóricas e as implicacións prácticas sobre o ser humano da tradición filosófica anterior. O seu punto de partida supón recoñecer a inexistencia dunha realidade obxectiva única: Non existen feitos, só interpretacións. Propón a idea do home como ser intermedio, pero cun sentido absolutamente terreal (crítica á metafísica e á moral tradicional).
Metáfora das transformacións do espírito:
- O camelo: Representa a persoa que está agobiada polo peso do cumprimento dos deberes e normas que se lle impoñen (a moral tradicional, o "ti debes").
- O león: Representa a persoa que se rebela contra as normas impostas e destrúe os vellos valores ("eu quero").
- O neno: Representa esta nova forma de entender o home, o superhome. A imaxe do Neno asóciase á do xogo; o xogo é unha actividade completamente libre e creativa. O característico do xogo é que as persoas non están suxeitas a obrigacións externas, crean os seus propios valores ("eu son", a inocencia do devir).
Freud: O Inconsciente
Freud intentou dar un status científico ao concepto do inconsciente. A súa concepción da mente, dividida en capas, é revolucionaria:
- Inconsciente: Contén pulsións, desexos reprimidos e experiencias traumáticas non accesibles directamente á conciencia.
- Preconsciente: Contidos mentais que non están na conciencia actual pero poden ser traídos a ela con facilidade.
- Consciente: A parte da mente da que somos directamente conscientes nun momento dado.
A conciencia é só a punta do iceberg da nosa vida mental. Segundo Freud, os nosos actos e as nosas decisións están marcadas polas nosas pulsións (especialmente sexuais e agresivas), os nosos desexos reprimidos ou polas nosas experiencias infantís e acontecementos dos que non somos conscientes.