Evolución Histórica e Modelos de Atención á Infancia: Da Antigüidade aos Estilos Educativos Contemporáneos
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 20,65 KB
Historia da Atención ou Desatención á Infancia
A concepción da infancia que temos agora é unha elaboración cultural que foi cambiando ao longo da historia e que afectou ao xeito de atender aos nenos/as.
A Infancia na Antigüidade
Prácticas Comúns
Aceptaban e practicaban o infanticidio, o abandono, a escravitude e os malos tratos aos nenos.
- En Exipto tiñan por costume afogar cada ano unha rapaciña no río Nilo para que o río fertilizase as terras (Cartago, Esparta ou China destacaron por esta tradición).
- O infanticidio podía deberse a moitos motivos: enfermidades ou discapacidades dos nenos, pero tamén a crenzas relixiosas, supersticións, problemas económicos ou o control da natalidade.
A Propiedade do Adulto
Grecia e Roma consideraban as crianzas como unha propiedade do adulto. O dereito romano outorgáballe a potestade ao pai, e o fillo podía ser vendido, abandonado ou morto.
Era frecuente a utilización dos nenos/as como obxecto sexual dos adultos.
Segundo Philippe Ariès, na antiga Roma a vida era dada dúas veces: a primeira no nacemento físico, a segunda no nacemento social, cando o pai aceptaba ao fillo/a.
Marco Fabio Quintiliano (autor hispanorromano no século I) predicaba unha actitude positiva ante os recén nacidos, confiando nas súas potencialidades e defendendo unha educación con agarimo. Tivo pouco éxito na época.
A Infancia na Idade Media
O Impacto do Cristianismo
Xurde un novo modelo de familia baseado no matrimonio e nas relacións de consanguinidade. Os fillos son recoñecidos polo seu parentesco biolóxico.
- Movementos de piedade e protección: primeiros hospitais e asilos infantís.
- No século IV condénase o infanticidio, e pasa a ser delito.
- O infanticidio de fillos/as lexítimos redúcese, pero mantense o de fillos/as ilexítimos ata o século XIX.
- A diminución do infanticidio fixo que aumentase o abandono ou a venda (moi normal neses tempos).
A Etapa da Crianza
A infancia entendíase só como a etapa de crianza; unha vez que o neno podía sobrevivir por si mesmo, incorporábase rapidamente á vida e ás tarefas dos adultos.
A desatención e o abandono eran prácticas correntes (rúas das cidades, cheas de nenos/as vagabundos e farrapentos).
Primeiros Antecedentes Institucionais en España
En 1337, Valencia, prodúcese a creación do “Pai de Orfos”.
- Obxectivo: protexer menores vagabundos, ociosos, orfos e desvalidos.
- Función: ingresalos nunha casa común onde recibían instrución para aprender un oficio.
- Os mestres actuaban como “pais” dos orfos, facéndose responsables das faltas dos menores.
A Infancia na Idade Moderna
O Humanismo e a Diferenciación da Infancia
Ao abeiro do humanismo:
- Considérase a infancia como unha etapa diferenciada da vida.
- Institucións: proliferan orfanatos que recollen nenos da rúa e lles ensinan un oficio.
- O Rol do mestre: protagonista da educación, centrado na disciplina, a severidade e, ás veces, os malos tratos.
- A educación de menores marxinados debía facerse en lugares controlados, illando aos nenos da vida social para previr delitos.
- Figuras destacadas: Comenio, La Salle e Vicente de Paul.
O Século XVIII: Ilustración e Pedagoxía
Prácticas Sociais
- Redución significativa das prácticas de abusos sexuais aos nenos/as.
- Frecuente a entrega de nenos/as a outras persoas para a súa educación, ademais da venda.
Datos de París (1780) sobre 21.000 nenos/as:
- 17.000 enviados ao campo con amas de cría.
- Entre 2.000 e 3.000 enviados a hospicios (incluíndo os 5 fillos de Rousseau).
- 700 criados en casa por amas de cría e 700 criados polas súas propias nais.
Pensadores Clave
- Rousseau (Emilio): Reclama que as emocións e as fases madurativas sexan respectadas. Esta obra representa un fito fundamental na concepción que a nosa cultura ten da infancia.
- Pestalozzi: Dedicouse ao estudo e á atención á infancia de risco social. Buscaba integrar aos nenos con poucos recursos mediante a aprendizaxe dun oficio. Cría nas súas capacidades e vía aos educadores como guías ao servizo das necesidades do alumnado.
- Fröbel: A aprendizaxe formal parte do desenvolvemento natural das crianzas; introduce o xogo como principal estratexia pedagóxica nos primeiros xardíns de infancia (Kindergarten).
- Revolución Francesa: O Estado convértese na “gran nai” da cidadanía e comeza a creación de orfanatos. Aparece a beneficencia privada e o interese por crear escolas de párvulos para fillos de traballadoras ou escolas para pobres onde aprendían a lectoescritura.
O Século XIX: Industrialización e Protección
Cambios no Coidado e a Hixiene
Cambia o costume de envialos ao campo ao coidado dunha ama de cría no fogar familiar. A hixiene era escasa; aire, luz solar e xabón considerábanse perigosos para as crianzas. Comeza a intervención de especialistas médicos no parto, mais seguían sendo maioritarias as matronas.
O control da natalidade e a igualdade na herdanza levaron a unha mellor atención á descendencia, non só aos primoxénitos.
Clases Sociais e Infancia Post-Revolución Industrial
Despois da Revolución Industrial distínguense tres clases sociais que marcan diferenzas na atención á infancia:
- Infancia burguesa: vive no interior da familia, é coidada, controlada e limítaselle a autonomía.
- Infancia proletaria: case sempre ao límite da supervivencia.
- Alta taxa de mortalidade infantil debido ás duras condicións de vida e mala alimentación.
- Explotación dos nenos en traballos dende pequenos.
- Infancia convertida en adulta moi cedo.
- Infancia labrega: vive unha situación de adianto das condicións da vida adulta, participa dende cedo en tarefas e traballos, pero está menos marxinada e participa máis na comunidade.
Institucións e Lexislación
Comeza a preocupación pola educación dos menores internados nas prisións con dous tipos de intervención:
- Hospicio: para orfos, vagos e vagabundos.
- Cárcere: para os que cometen delitos (había escolas elementais para aprender a ler/escribir e obradoiros para aprender oficios).
A industrialización da segunda metade do século empregou aos menores como forza de traballo en tarefas duras e condicións de sobreexplotación, o que provocou a adopción de leis protectoras da infancia.
Avances Pedagóxicos e Psicolóxicos
- Escola Nova (Montessori, Decroly, …): Renovación dos métodos pedagóxicos a partir dunha concepción diferente sobre a infancia.
- Psicoloxía (Piaget, Freud, …): implicada no estudo da infancia, como etapa decisiva no desenvolvemento da persoa.
O Século XX: Dereitos e Recoñecemento Global
Dereitos e Protección Internacional
Recoñécense mundialmente os dereitos da infancia. A atención e protección da infancia acadan cobertura e recoñecemento internacional grazas a declaracións e normas asumidas pola maior parte dos países.
Entrado este século, o xurdimento de estudos, investigacións e métodos retardouse pola Guerra Civil española, totalitarismos, ditaduras e medo ao comunismo.
A Realidade Desigual e o Salto Cualitativo
Na actualidade atopámonos ante unha realidade desigual:
- Unha pequena parte das crianzas (20 % aprox.) acadaron unha vida digna; o resto non teñen necesidades básicas cubertas, viven en situación de pobreza, sen acceso á sanidade nin educación.
O século XX conleva un salto cualitativo no referente á atención á infancia por dúas razóns:
- Os organismos internacionais toman o relevo das regulamentacións estatais en canto a establecer o marco de protección, atención e dereitos da infancia.
- Recoñécenselle os dereitos civís, máis alá dos de protección e axuda.
Modelos de Atención á Infancia na Unión Europea
Servizos de Atención Fóra do Fogar
- “Neno colectivo” (gardería, escola infantil): Un dos servizos máis estendidos na UE. Admiten menores de 3 anos, pódense prolongar ata 4, 5, 6. Abertos 8 ou máis horas.
- Xardín de infancia: Servizo de coidado en grupo para crianzas de máis de 2 anos ata a idade da escolaridade obrigatoria. Non forma parte do sistema de ensino. Acoden menos de 4 h/día.
- Garderías extraescolares: Coidado nun centro extraescolar para crianzas que asisten á primaria.
- Centros de xogo (play centers, ludotecas): Coidado en grupo para crianzas dende 2 anos ata a escolaridade obrigatoria. Non forma parte do sistema de ensino. Acoden menos de 4 h/día.
- Haltes garderies: Atende a crianzas de 0-6 anos en horario e días parciais. Orientado ás familias que non traballan e utilizan este servizo en horario parcial. As familias permanecen no centro para realizar actividades con eles e outras familias.
Servizos de Atención no Fogar
- “Neno familiar” (gardería familiar): A cargo dunha asistente maternal remunerada e respaldada por unha organización pública/privada. Aténdese a un grupo de 1-4 nenos.
- Familia gardadora: similar á anterior, pero a asistente non ten vinculación con ningunha entidade.
- Nais de día: Mulleres que se fan cargo dun grupo de nenos/as na súa casa xunto cos seus fillos.
- Garda a domicilio: Atención dunha asistente no propio domicilio.
Financiamento dos Servizos
O financiamento deste tipo de servizos responde a tres vías:
- Público: Nenos colectivos, escolas infantís, etc. dependen de institucións/axudas públicas.
- Por parte das familias: Poden ser os anteriores e tamén centros de xogo e familias gardadoras.
- Por parte das empresas: Servizos de atención á infancia dependentes de empresas públicas/privadas que financian este tipo de servizos para traballadores/as.
Tipos de Agrupacións Familiares
Familia Tradicional
- Diferenciación estrita de funcións segundo o sexo e a idade.
- O home traballa fóra e a muller compaxina a crianza dos fillos/as, o coidado de maiores e as tarefas domésticas.
- Presenza de relacións conxugais e paternofiliais de dominio e obediencia.
- Autoridade do pai sobre os fillos e do marido sobre a muller.
- O matrimonio decídese máis por determinadas normas sociais que por afecto.
- Condénase e prohíbese o divorcio, a anticoncepción, o aborto, etc.
Familia Moderna
- Roles familiares flexibles, autoridade compartida entre cónxuxes, relación de igualdade entre home e muller.
- Decisión do matrimonio libre e fundamentada nunha relación máis viva; o afecto é a guía da elección conxugal.
- Destaca a privacidade e a vinculación afectiva entre pais e fillos.
Posibilidades Intermedias
- Familia de dobre carreira: a parella busca desenvolver as súas carreiras e preocuparse da familia; hai paralelismo das funcións, traballan fóra e a profesión da muller é igual de importante que a do home.
- Familia semitradicional: a muller traballa fóra pero mantén o rol da familia tradicional.
Familia Nuclear e Extensa
Familia Nuclear
Formada por pai, nai e os fillos/as que viven con eles. É o tipo de familia máis estendido.
Dentro da familia nuclear existen varias acepcións:
- Uninuclear/nuclear simple: parella sen fillos ou con fillos emancipados.
- Nuclear biparental: pai, nai e un ou máis fillos.
- Nuclear monoparental: un dos proxenitores e un ou máis fillos.
- Con fillo único ou numerosa (tres fillos ou máis).
Cada acepción ten características especiais que inflúen na educación e relacións paternofiliais:
- Os fillos/as únicos/as non teñen referencia de iguais, o cal pode supoñer unha carencia.
- Nas familias numerosas pode haber dificultades para individualizar os membros, menor intimidade e maior responsabilidade familiar respecto aos irmáns e aporte económico, ata rivalidades que se poden prolongar máis aló da convivencia familiar.
Familia Extensa
Característica de sociedades tradicionais nas que a familia realiza as funcións asistenciais e educativas.
Dúas acepcións:
- Polinuclear: varias xeracións conviven nun fogar.
- Familia ampliada: engádenselle outros parentes como tíos, sobriños.
Outros Modelos Familiares
- Agregadas (parellas de feito): parellas que conviven xuntas sen ter formalizado ou legalizado o matrimonio.
- Monoparentais: Os fillos (biolóxicos/adoptados) conviven só cun adulto, encargado do coidado e a educación. As causas desta situación poden ser por:
- Natalidade: nais solteiras (embarazos non planificados ou opción persoal).
- Relación matrimonial: divorcio, separación, viuvez.
- Ordenamento xurídico: adopción.
- Situacións sociais: privación de liberdade dun dos cónxuxes ou migración.
- Educadoras (acollemento): Persoa ou familia acolle como medida de protección un menor en desamparo, velando por el, téndoo en compañía, alimentándoo, educándoo e procurándolle unha formación integral.
- Reconstruídas: Dous adultos onde un ou os dous achegan fillos de relacións anteriores. Prodúcese por novas relacións logo dunha separación ou divorcio.
- Homosexual: Relación estable entre dúas persoas do mesmo sexo. Hai unha tendencia cada vez máis forte cara ao recoñecemento social desta organización familiar. Os fillos poden chegar por intercambios heterosexuais, reprodución asistida ou adopción.
- Cónxuxes sós: Prodúcense cando se emancipan os fillos/as ou son parellas sen descendencia.
- Monofiliais: Un fillo solteiro adulto convive cos pais e asume a xefatura familiar. Fillo responsable do coidado/manutención do pai, nai ou ambos, xeralmente de idade avanzada.
- Fogares unipersoais: Actualmente é frecuente que as persoas vivan soas. Pode deberse a varias situacións: non ter parella, separación, viuvez, etc.
Os Estilos Educativos
Dúas grandes dimensións poden englobar os diferentes estilos educativos:
Dimensións dos Estilos Educativos
- Grao de control (permisividade-restritividade):
- Nun extremo sitúanse familias que exercen un control restrinxente no comportamento dos fillos.
- No outro sitúanse os pais que lles outorgan liberdade total ou permisividade.
- Grao de afecto (calidez-hostilidade):
- A maioría dos pais senten afecto polos fillos, pero a forma e frecuencia de expresión varían.
- Nun extremo situamos familias que manteñen un trato cálido (afectivo) cos fillos e no outro, nas que a afectividade se combina con rexeitamento e hostilidade.
Estilo Democrático e Asertivo
Centrado nos fillos.
Os pais democráticos explican as razóns de establecer normas, respectan a individualidade e os dereitos, negocian e toman decisións conxuntas, fomentan comportamentos positivos e inhiben os non adecuados.
As relacións entre pais e fillos están presididas polo respecto, a cooperación e os deberes recíprocos. Hai poucos e leves conflitos.
Consecuencias do Estilo Democrático
- Os fillos desenvolven o sentido de responsabilidade e asumen as consecuencias dos seus actos.
- Proporciónalles competencia social e facilidade de interacción.
- Observan actitudes de cooperación, toma de decisións e respecto das regras, e habilidades de traballo en equipo.
- Desenvolven un autoconcepto realista e positivo que se traduce nun bo nivel de autoestima e confianza.
- Adquiren motivación de logro, que se manifesta en mellores cualificacións escolares.
Estilo Autoritario
Centrado nos pais.
Establece un sistema comunicativo pechado; dan ordes sen explicación e restrinxen a autonomía dos fillos.
Os castigos son habituais, as ameazas e as prohibicións continuadas e sen razoamentos.
Estilo caracterizado pola esixencia en todos os aspectos; os pais non son receptivos ás necesidades nin cambian as técnicas de disciplina segundo o contexto ou a idade.
Consecuencias do Estilo Autoritario
- Baixos niveis de autoestima, autonomía, creatividade e competencia social.
- Os nenos/as amosan frustración ou culpabilidade ao non poder cumprir os desexos dos proxenitores.
- Ao inhibirse, as crianzas tenden ao conformismo e submisión. Adoitan ser pasivos e tímidos e vivir ansiosos de obter a aprobación. De adultos poden imitar o estilo paterno e converterse en autoritarios.
- Poden sentir ansiedade polo distanciamento emocional dos proxenitores.
Estilo Permisivo
Baseado na tolerancia.
- Control paterno relaxado e baixo nivel de esixencia.
- Os pais acceden facilmente aos desexos dos fillos e toleran a expresión de impulsos (ira, agresividade, …).
- Protección excesiva para evitar que se enfronten ás dificultades da vida; normas pouco estritas.
- Pais demasiado implicados afectivamente e preocupados polas necesidades.
- Caracterizado pola liberdade acompañada por apoio emocional.
Consecuencias do Estilo Permisivo
- Menores egocéntricos, dependentes, con dificultades para o esforzo e baixos logros escolares.
- Sen autocontrol de impulsos e antepoñen os seus desexos e necesidades aos dos demais.
- Altos niveis de autoestima e confianza.
Estilo Neglixente
Baixa esixencia parental e abdicación na responsabilidade familiar educativa.
Falta de sensibilidade e implicación polas necesidades dos fillos, sen expresión afectiva e comunicación.
Os pais renuncian ás responsabilidades sobre todo cando interfiren nos seus intereses.
Consecuencias do Estilo Neglixente
- Os fillos desenvolven un autoconcepto negativo e carencias de autoconfianza e autorresponsabilidade.
- Escaso sentido do esforzo e baixos logros escolares.
- Maior predisposición a padecer trastornos psicolóxicos e desviacións da conduta.
Aplicación do Estilo Educativo
As familias aplican estratexias educativas que a eles lles aplicaron sen saber as consecuencias destes comportamentos. É necesario que reflexionen e decidan o estilo segundo o que queiran para os fillos.
O estilo elixido debe ser estable; os pais deben ser coherentes e empregar sempre o mesmo, senón confundirán aos pequenos, o que traerá consecuencias na educación.
Outro problema dáse cando a parella ten estilos diferentes; se cada un aplica o “seu” ofrecerán unha educación incoherente que desorienta ás crianzas e afecta negativamente. Deben falar e decidir como queren educalos, adoptar criterios e aplicalos do mesmo xeito.