Evolución do Teatro Galego: Irmandades, Grupo Nós e Vangardas no Século XX

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 6,82 KB

O Teatro Galego no Primeiro Terzo do Século XX: Irmandades, Vangardas e Grupo Nós

Dos tres xéneros, vai ser o teatro o que inicie máis lentamente o seu proceso de normalización. A causa cómpre buscala no desfase que existe entre a publicación dos textos e a representación, a falta dun público e dunha programación estable que permitise a consolidación de compañías profesionais. Outras razóns foron a exclusión da lingua galega dos espazos públicos cultos debido á diglosia (o teatro é un espectáculo social fundamentalmente burgués) e as sucesivas prohibicións de representar en linguas diferentes ao castelán.

Os Inicios: O Teatro Moderno e Rexionalista

A fonte do xuramento (1884) marca o inicio do teatro moderno. Posúe unha temática case exclusivamente rural e extensión breve, dominada polo costumismo, con diálogos choqueiros e personaxes tópicos.

As primeiras manifestacións teatrais deste período conforman o que coñecemos como o Teatro Rexionalista, continuidade da escasa produción do século anterior. Son pezas de exaltación do «rexional», a través do drama rural e o nacemento do drama histórico. Feito significativo deste período vai ser a fundación da Escola Rexional de Declamación. Ao seu abeiro van publicar as súas obras Lugrís Freire (A ponte, Miño e Mareiras) e Xesús San Luis Romero (O fidalgo). Porén, van ser as Irmandades da Fala as que leven adiante un verdadeiro proxecto de teatro nacional e popular en Galiza coa axuda dos homes do Grupo Nós e dos novísimos, autores próximos ao vangardismo. A iniciativa sobranceira deste proxecto vai ser a creación do Conservatorio de Arte Nacional Galega. Os homes das Irmandades propuñan a creación de obras en ambientes de clase alta e media, fuxindo do ruralismo, e un teatro de calidade na liña dos europeos e hispanoamericanos.

As Irmandades da Fala e o Proxecto de Teatro Nacional

Coas Irmandades da Fala o teatro deixa de ser un divertimento para converterse nunha arma política, reivindicativa. Diversifícase a oferta teatral: teatro histórico, social (denuncia da emigración e caciquismo), señorial (de pazo), cómico, infantil e comedia burguesa. En 1919 a Irmandade da Coruña crea o Conservatorio Nacional de Arte Galega, que fará máis de

O Conservatorio Nacional de Arte Galega

O Conservatorio inicia a súa andaina coa obra de Cabanillas, A man de Santiña (comedia con final feliz na que o inicio é un enredo amoroso). Ademais, o cambadés é autor conxuntamente con Villar Ponte de O Mariscal, drama histórico que representa a traizón que sufriu o mariscal Pedro Pardo de Cela e do seu axustizamento por orde dos Reis Católicos. Villar Ponte é autor de Os evanxeos da risa absoluta: anunciación do antiquixote. Folk-drama da sinxeleza campesiña, obra moi na liña do teatro irlandés e dos esperpentos valleinclanescos.

O Grupo Nós: Renovación e Vangarda

Os membros do Grupo Nós non destacan polo número de obras pero si polo seu labor de renovación do teatro galego na liña iniciada polas Irmandades da Fala e dándolle un pulo extraordinario desde o punto de vista literario, xa que o fan participar tamén das correntes europeas. Con eles aparecen os primeiros elementos simbolistas e surrealistas, superando o realismo anterior: a partir de agora non só van falar galego labregos e caciques, senón tamén fidalgos e princesas, bocois e sapos, pipotes e penedos, os santos do Pórtico da Gloria, os fantasmas etc. As obras máis significativas dos membros do grupo son:

  • Vicente Risco: O bufón de El-Rei, obra de carácter simbólico que asocia a deformidade física coa moral.
  • Otero Pedrayo: A lagarada, drama de gran complexidade escénica relacionado cos traballos do viño. É unha traxedia rural de fondo dionisíaco, na que se evoca o poder demoníaco do viño. As forzas dominantes no drama son todas primitivas e elementais; os personaxes son populares: campesiños, vendimadores, cregos... retratados cun enfoque naturalista. Como contrapunto poético, introduce varias escenas líricas de carácter fantástico, onde os personaxes son as pipas da adega, a sombra dun arrieiro morto ou as fadas dos montes; Teatro de máscaras (escrito no 1934 e publicado no 1975) está formado por 16 composicións a xeito de guión ou bocetos esquemáticos para pezas teatrais; o seu carácter esquemático e incompleto é compatible cunha concepción dramática moi moderna e allea ao teatro-texto tradicional, pois son obras que se acadan a súa plenitude e naturalidade a través da montaxe e da representación escénica.
  • Castelao: Os vellos non deben de namorarse, a obra máis importante deste período, representada no exilio de Buenos Aires en 1941, que destaca pola súa simetría tanto nos personaxes como nos feitos acontecidos.

A Visión Teatral de Castelao

Castelao non concibía o teatro como un simple texto senón como un espectáculo global, polo que adquiren unha grande importancia os artificios escenográficos (iluminación, decorados, máscaras dos personaxes...) e utiliza tamén outras artes, como a música. O motivo do vello namorado repítese tres veces, en tres versións diferentes, nos tres lances. En cada un hai un vello namorado, unha moza e un mozo rival. A Morte intervén como personaxe para advertir aos vellos. Finaliza cun epílogo no que aparecen os tres vellos xuntos, mortos, no cemiterio para arrepentírense do seu namoramento e coñecer novas das súas mozas.

A Xeración do 22 e o Vangardismo

Os autores máis novos conformarán a Xeración do 22 que incluirá un grupo de mozos moi próximos ao vangardismo. Como os poetas, non buscan unha ruptura total co teatro da época, senón que fan unha renovación menos rupturista que a do teatro europeo.

Rafael Dieste e A Fiestra Baldeira

O autor máis destacado deste grupo é Rafael Dieste, autor d'A fiestra baldeira, texto significativo da dramaturxia galega xunto co de Castelao. Comedia de final feliz estruturada en tres lances e cargada de simbolismo sobre a identidade (individual e colectiva).

Un mariñeiro volve rico da emigración e encarga un retrato diante dunha xanela. O pintor quere situar como fondo da fiestra unha paisaxe mariñeira, símbolo do pasado humilde do retratado. A muller e a filla opóñense. Entón aparece a"fiestra baldeir" como símbolo da anulación da identidade individual e colectiva. A historia xira arredor da dialéctica que se produce entre a renuncia ou non ás orixes. Ao final o conflito resólvese coa aceptación da realidade e do pasado humilde. Unha das características fundamentais da obra é o rexistro lingüístico que reproduce a fala do seu Rianxo natal.

Entradas relacionadas: