Evolución do Teatro Galego Contemporáneo: Protagonistas e Tendencias Clave
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 3,83 KB
Orixes e Consolidación do Teatro Galego Independente
Nos últimos anos da ditadura franquista, Manuel Lourenzo fundara na Coruña Teatro Circo, o primeiro grupo do que se denominou Teatro Independente galego. Este pretendía achegar este xénero ao pobo e intentar normalizar a lingua galega. En 1973, a Agrupación Cultural de Ribadavia convoca a Mostra de Teatro, a cal posibilita a contrastación de opinións, non só do público, senón tamén da crítica. Durante a Transición, xorden varias mostras de teatro e consolídase e impúlsase a profesionalización do sector coa fundación, por parte de Manuel Lourenzo, da Escola Dramática Galega a finais dos anos 70. Aparecen diversas compañías teatrais, a maioría das cales continúan en funcionamento hoxe en día: Sarabela Teatro, Teatro do Morcego... No plano estético, as obras de intencionalidade política, explícita ou alegórica, van deixando paso a propostas máis diversificadas e complexas.
A Institucionalización e o Apoio Público
Coa creación do Centro Dramático Galego (CDG) en 1984, institucionalízase a primeira compañía pública dependente da Consellería de Cultura. Alén diso, convócanse varios premios literarios (Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste), amparados por institucións públicas.
Publicacións e Difusión Teatral
Ao longo destes 30 anos, van aumentando tamén as posibilidades e coleccións de teatro, como os Cadernos da Escola Dramática Galega ou os Libros do Centro Dramático Galego, ademais da edición de revistas especializadas como a Revista Galega de Teatro.
Expansión e Estruturación do Sector
Nas últimas dúas décadas do século XX, multiplícanse as compañías profesionais e aparecen outras de teatro alternativo ou experimental, o que provocará que se poña en funcionamento a Rede Galega de Teatros e Auditorios para ofrecer estabilidade e a súa descentralización.
A Promoción dos Anos 80 e a Diversificación Estética
Os autores da promoción dos anos 80 abandonan a temática social e apostan polo culturalismo, as reflexións metateatrais, o humor e a ironía. Xorden novas compañías como Talía Teatro ou Teatro Atlántico (centrado na tradución e adaptación de textos foráneos e galegos). En 1989, aparece o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), que posteriormente pasaría a ser a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).
A Promoción dos Anos 90: Intertextualidade e Estrutura
As obras da promoción dos anos 90 caracterízanse pola intertextualidade, a revisión da tradición autóctona e dos modelos xenéricos. Preocúpanse pola estrutura formal dos textos (Raúl Dans, Cándido Pazó...). É nesta década cando se crean os Premios de Teatro María Casares da man da Asociación de Actrices e Actores de Galicia.
O Teatro Galego no Novo Milenio: Lúdico e Experimental
A principal característica das obras dramáticas do novo milenio segue a ser a heteroxeneidade de temas, con tendencia a un teatro máis lúdico e con predominio da ironía (compañía Lagarta Lagarta) e a parodia como forma de reflexionar sobre a actualidade (C´hêvere). Moitos autores como Vanesa Sotelo ou Ana Vallés parten da experimentación no contido e na posta en escena nas súas obras. Outros pretenden darlle importancia á representación sobre a creación literaria coa intención de crear un teatro-espectáculo que atraia o interese do público (Quico Cadaval con Noite de Reis versiona a obra de Shakespeare).
Festivais e Novas Vertentes: O Teatro Infantil
Xorden novos festivais de teatro, tanto profesionais como universitarios ou amateur (MITEU, MOTI e FITEU en Ourense). Por último, debemos destacar o teatro infantil, especialmente o teatro de monicreques (Títeres Cachirulo).