A evolución do teatro galego entre 1936 e 1976
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 6,67 KB
O teatro galego entre 1936 e 1976: a xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia
Contexto histórico
A Guerra Civil e os primeiros anos da ditadura impediron o normal desenvolvemento da literatura e do teatro galego. A creación da editorial Galaxia (1950) supuxo un pulo decisivo no proceso de recuperación do teatro galego. A publicación de obras como Vieiro choído (de Franco Grande) e de O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (de Cunqueiro) marcaron a consolidación deste proceso.
Debido á censura e á maior dificultade deste xénero para ser representado, a presenza normal do teatro non se produce ata finais do franquismo. No panorama teatral desta etapa distinguense tres promocións principais.
Autores das xeracións do 25 e do 36
Estes autores elaboraron textos concebidos máis para ser lidos que para ser representados, dadas as dificultades do contexto.
Xenaro Mariñas del Valle: achegouse ao esperpento e ao teatro social con obras como A revolta.
Carballo Calero: cultivou tanto un teatro popular continuista da tradición de Nós (Farsa das zocas) como outro máis culto na onda europea do teatro existencialista e do absurdo (Auto do prisioneiro).
Cunqueiro: con obras como A noite vai coma un río e Palabras de víspera, e co clásico da nosa dramaturxia O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, no que con humor recrea o mito de Hamlet.
Autores da xeración dos 50
A xeración dos 50 aporta obras heteroxéneas, formal e tematicamente, marcadas polo compromiso social a prol das liberdades e pola defensa de Galicia. Salientan entre outros:
Franco Grande, autor de Vieiro choído.
Manuel María, autor dunha enorme obra teatral (23 publicadas e 19 inéditas) composta por textos infantís, farsas, dramas épicos... Inicia a súa traxectoria cos chamados "autos" (teatro poético carente de acción): Auto do mariñeiro, Auto do taberneiro, Auto do labrego... A finais dos anos 60 escribe un teatro popular e reivindicativo, no que reflexiona sobre o pasado histórico ou satiriza temas polémicos do presente; obras de concienciación social e ideolóxica como Barriga verde, Abril de lume, Farsa de Bululú...
Daniel Cortezón, autor de dramas históricos nos que recrea mitos galegos desde unha perspectiva de compromiso social e patriótico: Pedro Madruga, Prisciliano, Os irmandiños...
Bernardino Graña, cuxa obra amosa unha visión crítica sobre o poder do diñeiro e a alienación das persoas na sociedade moderna: Peza dramática en cinco pasos; Os burros que comen ouro (nunca cabalos serán).
Xohana Torres, que desde unha perspectiva feminina achega un teatro romántico e psicolóxico de carácter social, abordando temas como a expropiación forzosa de terras para un hotel en Un hotel de primeira sobre o río ou o exilio político en A outra banda do Iberr.
O Grupo de Ribadavia
O Grupo de Ribadavia deu un forte impulso ao teatro galego nos anos 70 (finais do franquismo e primeiros anos da transición). Isto vén marcado polos seguintes factores:
Iniciáronse celebracións estables de teatro, como as Mostras de Teatro Galego de Ribadavia co seu Concurso de Teatro Abrente, unha feira teatral que reunía dramaturgos, compañías e público de toda Galicia. Nelas debatíase e representábanse as obras, converténdose nunha plataforma de lanzamento de novos autores, compañías de teatro independente e afeccionados nas principais cidades galegas. Cómpre sinalar agrupacións como Antroido, Troula, Artello, O Facho, Teatro Circo, Teatro de Máscaras, entre outras.
Características dos autores do Grupo de Ribadavia
Elaboran un teatro moderno e experimental, conectado coas tendencias internacionais; domina o compromiso social e a defensa da cultura e da lingua do país, e inician tamén o teatro infantil.
Son pioneiros como dramaturgos integrais, xa que non só escriben textos, senón que tamén actúan e dirixen as montaxes.
Dramaturgos destacados
Entre o gran número de dramaturgos (Valdeorras, Agrelo, ...), salientamos tres figuras fundamentais:
Roberto Vidal Bolaño
Roberto Vidal Bolaño foi autor, actor e director das súas propias compañías. Escribiu obras moi variadas e innovadoras, combinando elementos populares, vangardistas e cinematográficos. Nas súas primeiras obras, como Laudamuco, señor de ningures, utiliza elementos da tradición popular. Noutras realiza unha crítica dos nosos mitos, como a tumba do Apóstolo ou Rosalía, por exemplo en Agasallo de sombras. As súas obras máis recentes constitúen unha aceda crítica da sociedade actual: A ópera do patacón.
Manuel Lourenzo
Manuel Lourenzo ten unha amplísima e variada obra cunha estrutura en diversos ciclos temáticos. Foi autor, actor, director, fundador das principais compañías coruñesas e director de escolas de formación teatral, como Casa Hamlet (Premio Nacional de Teatro...). Entre os seus ciclos destacan:
Recreación de mitos clásicos ou da materia de Bretaña: Todos os fillos de Galaaz, Electra.
Recreación de mitos históricos galegos: Xoana, Erros e ferros de Pedro Madruga.
Ciclo da dramática urxente ou "teatro do inmediato": composto por obras de teatro experimental e outras de crítica social situadas no momento presente, como Magnetismo, A estratexia do narco.
Euloxio Rodríguez Ruibal
Euloxio Rodríguez Ruibal gañou o primeiro concurso de Ribadavia coa obra Zardigot. Tanto esta como O Cabodano son parábolas contra a violencia e a opresión presentadas en forma de teatro experimental. As obras posteriores adoptan un ton satírico: Unha macana de dote, Azos de esguello.