Evolución e Diversidade da Lingua e Literatura Galegas
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 11,3 KB
Prexuízos Lingüísticos do Galego
Os prexuízos lingüísticos son xuízos de valor sobre unha lingua que, por diversas circunstancias, se instalan na conciencia dalgúns membros da sociedade. A maioría das veces son xuízos negativos e provocan o seu rexeitamento.
A partir do século XVI, Galicia quedou subordinada política e culturalmente a Castela. Isto supuxo a penetración do idioma castelán, que se converteu na lingua escrita e na única usada nos usos formais (administración, medios de comunicación, igrexa, escola, etc.). Mentres, o galego, aínda sendo o idioma da inmensa maioría da poboación, quedou relegado aos usos orais e coloquiais das clases populares. Este desigual reparto de uso entre ambas as linguas manifesta un comportamento diglósico e orixina unha serie de valoracións negativas para o idioma galego.
Algúns Prexuízos sobre o Galego
- A suposta falta de utilidade do galego.
- O galego asociado ao mundo rural, á pobreza, á ignorancia e ao atraso.
- O uso do galego como sinal de descortesía ou mala educación.
- O galego non é unha lingua apta para a ciencia.
- O galego non é unha lingua válida para a xente nova.
Estes prexuízos debilitan a lingua galega e reforzan a castelá. Todos eles son un atranco para a súa normalización, posto que crean situacións de autoodio e desprezo da propia lingua.
A Nova Narrativa Galega
Baixo a denominación Nova Narrativa Galega reúnese un grupo de escritores e escritoras que publicaron as súas obras a finais dos cincuenta e na década dos sesenta.
Son todos escritores moi novos que pretenden superar os modelos literarios existentes ata ese momento e inspíranse en escritores americanos e europeos que revolucionaron a literatura do século XX (Franz Kafka, James Joyce, William Faulkner, Marcel Proust...). Incorporan aos seus escritos as innovacións temáticas e técnicas presentes nas obras destes.
Novidades da Nova Narrativa Galega
- Presenza de personaxes anónimos, marxinais, desarraigados, desorientados, violentos, desequilibrados e ás veces sumidos en estados patolóxicos (loucura, delirio, etc.).
- O mundo do subconsciente (traumas, pesadelos, soños...) tomado da psicanálise de Freud.
- Ambientes urbanos claustrofóbicos e sórdidos.
- Ruptura da linearidade temporal do argumento, con constantes avances (prolepses) e retrocesos (analepses) no tempo.
- Predominio do monólogo interior ou fluír da conciencia, que tenta reproducir os pensamentos tal como brotan na mente do personaxe.
- Técnica do ollo cinematográfico: o narrador actúa como se fose unha cámara, rexistrando con obxectividade o que os seus sentidos perciben.
Autores Destacados da Literatura Galega
Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938)
Ferrín é un dos escritores fundamentais da literatura galega actual, tanto no ámbito da poesía (como veremos na unidade 6) como no da narrativa:
- Novela: Arrabaldo do norte (1964)
- Relato: Percival e outras historias (1958), O crepúsculo e as formigas (1961)
As súas primeiras obras encádranse dentro da Nova Narrativa Galega e nelas apréciase a influencia da literatura europea e americana. Están protagonizadas por personaxes antiheroes que se moven en ambientes sórdidos: Percival e outras historias (1958), O crepúsculo e as formigas (1961), Arrabaldo do norte (1964).
Nos anos 70 escribe obras máis políticas nas que presenta a violencia, a represión do Estado, a clandestinidade: Elipsis e outras sombras (1974), Antón e os inocentes (1976), Crónica de Nós (1980), Retorno a Tagen Ata (1971).
Carlos Casares (Ourense, 1941 – Vigo, 2002)
A súa actividade literaria desenvolveuse sobre todo no xénero da narrativa:
- Novelas: Cambio en tres (1969), Xoguetes pra un tempo prohibido (1975)
- Relatos: Vento ferido (1967)
As primeiras obras inclúense dentro da Nova Narrativa Galega. Son de carácter autobiográfico e sitúanse en distintas etapas da súa vida: Vento ferido, Cambio en tres e Xoguetes pra un tempo prohibido.
As restantes obras ambiéntanse nun pasado histórico e tamén escribiu obras de literatura infantil.
María Xosé Queizán (Vigo, 1939)
A súa obra literaria abrangue todos os xéneros: novela, conto, ensaio, teatro e poesía. Destaca a súa implicación no movemento feminista presente en moitos dos seus libros.
- Novela: A orella no buraco (1965)
Variedades Lingüísticas
As linguas non son sistemas uniformes, senón que todas presentan variacións internas debidas a distintos factores.
Variedades Lingüísticas | |||
Factor temporal | Factor espacial | Factor sociocultural | Factor situacional |
Variedades históricas ou diacrónicas | Variedades xeográficas (dialectos) | Variedades diastráticas (niveis) | Variedades diafásicas (rexistros) |
Tipos de Variedades
- Variedades históricas: son as diferenzas que se dan nas linguas ao longo do tempo.
- Variedades xeográficas: corresponden ás variantes que unha lingua presenta nas distintas zonas xeográficas nas que se fala.
- Variedades sociais: están determinadas por factores como a idade, o nivel cultural, etc. Diferenciamos tres niveis:
- Nivel culto: propio das persoas que teñen un alto nivel de coñecemento da lingua. Caracterízase por: pronuncia esmerada, riqueza léxica, corrección sintáctica…
- Nivel medio: usado pola maioría da poboación e polos medios de comunicación. Caracterízase polo respecto ás normas lingüísticas.
- Nivel vulgar: propio de falantes con escasa formación e que descoñecen as normas lingüísticas. Caracterízase por: incorreccións fonéticas, morfolóxicas e sintácticas (vulgarismos), vocabulario escaso, etc.
- Variedades situacionais: son as modalidades de fala que escolle o falante segundo a situación comunicativa en que se atopa. Diferenciamos:
- Rexistro formal: propio de situacións formais: conferencias, entrevistas, clases…
- Rexistro informal: propio das situacións de familiaridade e confianza: conversas cos colegas e coa familia, cartas persoais, etc.
Fronte a estas variedades internas da lingua, sitúase a variedade estándar ou lingua normativa, que, como xa vimos, representa o modelo de lingua común para todos os falantes.
O Auxe da Literatura Galega a partir de 1975
A morte do xeneral Franco en 1975 permite a recuperación das liberdades reprimidas pola Ditadura e a instauración dun réxime democrático. En 1978 apróbase a Constitución, que recoñece a descentralización política e a realidade plurilingüe do Estado. O Estatuto de Autonomía de Galicia (1981) afirma a lingua galega como lingua propia de Galicia, e sinala a súa cooficialidade, xunto co castelán.
- Xorden numerosas editoriais: Edicións Xerais de Galicia, A Nosa Terra e Baía Edicións.
- As editoriais diversifican a súa oferta de xéneros e incorporan as traducións ao galego dos grandes clásicos da literatura universal.
- Créanse premios literarios (Blanco Amor, Xerais, Illa Nova, Esquío) que contribúen á difusión de novos autores e novas obras.
- Internet achega novas formas de ler e en distintos soportes que conviven coa edición tradicional en papel impreso.
Todos estes factores propician o desenvolvemento progresivo da nosa literatura. Multiplícase o número de libros de poesía e de narrativa publicados, así como o número de montaxes teatrais realizadas.
Poesía Galega Actual
Na poesía actual conviven distintas xeracións de poetas. Os representantes da Xeración das Festas Minervais ou Xeración dos 50 (Méndez Ferrín, Manuel María, Xohana Torres, Bernardino Graña...) continúan publicando e a eles súmanse novas voces pertencentes ás últimas xeracións.
O ano 1976 marca o inicio do «cambio de rumbo» da poesía galega. Nesa data publícanse varias obras poéticas (Con pólvora e magnolias de Méndez Ferrín, Seraogna de Afonso Pexegueiro e Mesteres de Arcadio López-Casanova) que rompen coa temática socialrealista da poesía galega de posguerra e introducen novos temas e formas expresivas.
A partir desa data xorden grupos poéticos. Os máis salientables foron: Cravo Fondo, Rompente e De amor e desamor integrados por poetas novos que dan a coñecer os seus versos en libros colectivos. A isto súmase a edición de revistas poéticas e os premios literarios.
A Xeración dos 80
Nos anos 80, publícanse antoloxías e danse recitais para dar a coñecer unha xeración de poetas que pretende revitalizar o panorama poético: Pilar Pallarés, Manuel Forcadela, Ana Romaní, Xosé María Álvarez Cáccamo, Ramiro Fonte, Lois Pereiro, Xavier Rodríguez Baixeras, Antón Reixa... Todos eles coinciden nos seguintes trazos:
- Culturalismo e interculturalismo: céntranse especialmente nunha temática intimista de carácter introspectivo, con numerosas referencias a outras artes (cine, música, artes plásticas...).
- Esteticismo formal: concédenlle grande importancia á construción do poema cunha esmerada e delicada elaboración léxica e estilística dos versos.
A Xeración dos 90
Na década dos noventa xorde unha nova promoción de autores, algúns agrupados en colectivos poéticos como Batallón Literario da Costa da Morte, Ronseltz...
Entre os novos poetas destacan Miro Villar, e cómpre destacar a incorporación de numerosas voces femininas: Chus Pato, Xela Arias, Yolanda Castaño, Olga Novo, Marta Dacosta, Luísa Villalta, Lucía Aldao.
Moitas destas e destes poetas coinciden na difusión oral da súa obra mediante a participación en recitais poéticos e espectáculos multidisciplinares (música, vídeo, artes plásticas).
Algunhas características comúns aos poetas dos 90 son:
- Linguaxe directa e coloquial, aínda que elaborada.
- Poesía próxima á vida cotiá, fronte ao culturalismo da década anterior.
- Preferencia polo verso libre.
- Variedade de temáticas: amor, desamor, compromiso social, feminismo, erotismo, ecoloxía.