Evolución da Prosa Galega Contemporánea: Etapas e Autores Clave (1975-Actualidade)
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 4,8 KB
NARRATIVA GALEGA A PARTIR DE 1975
Podemos diferenciar catro etapas na prosa de finais do século XX e principios do século XXI.
1. A fase embrionaria ou narrativa posfranquista (1976-1980)
Nesta etapa desenvólvese o proceso de adaptación da narrativa á nova situación social e cultural. Conviven autores consolidados como Cunqueiro ou Blanco Amor, obras editadas na diáspora e o experimentalismo da Nova Narrativa Galega.
Carlos Casares publica en 1975 Xoguetes para un tempo prohibido, Os escuros soños de Clío en 1979 e Ilustrísima en 1980, onde mestura o conflito social con características propias da Nova Narrativa Galega.
Serán as obras iniciáticas desta nova xeración, xunto con Ferrín e outros autores da Nova Narrativa.
2. A década dos oitenta
1980 foi un ano de aumento na publicación de narrativa, marcada polo auxe dos premios, o que leva os autores a escribir para o mercado do gran público. Hai nesta década unha perspectiva modernizadora da narrativa e unha ampla renovación temática. As liñas temáticas salientables desta xeración son:
- Liña memorialista e intimista: realismo social. Exemplo: Xavier Alcalá (A nosa cinza).
- A novela histórica ou de ficción histórica. Exemplos: Víctor Freixanes (O triángulo inscrito na circunferencia); Alfredo Conde (Xa vai o griffón no vento).
- O relato policial. Exemplo: Carlos R. Reigosa (Crime en Compostela).
- A narrativa experimental: Suso de Toro, quen a través de obras como Caixón desastre ou Polaroid, introduce na literatura os problemas da sociedade da época (drogas, proletariado, linguaxe coloquial, etc.).
Destaca tamén a aparición dunha serie de voces femininas que ofrecen unha nova reinterpretación do feito literario, como María Xosé Queizán (Amor de Tango) ou Margarida Ledo.
3. A década dos noventa
A década dos 90 perfílase como o período no que se establecerá definitivamente o xénero novelesco dentro das letras galegas. Conviven os xéneros iniciados nos 80 con outros novos, entre os que destacan:
- A novela negra: de tendencia filmográfica norteamericana, adaptada ao modelo cultural galego. Exemplos: Xelís de Toro (Non hai misericosala), Xurxo Borrazás (Criminal).
- A ficción científica ou futurista. Exemplos: Ramón Caride (Soños eléctricos), Daniel Asorey (Nordeste).
- A narrativa de misterio ou terror. Exemplos: Xosé Miranda (Pel de lobo, A biblioteca da iguana), Paco Martín (Historias para ler de noite).
- Novela policial e detectivesca. Exemplo: Manuel Forcadela (Fóra de xogo).
- A narrativa histórica: diferenciamos entre a narrativa histórica contemporánea e a narrativa memorialística sobre o 36. Manuel Rivas presenta estas temáticas: a primeira en Un millón de vacas e a da Guerra Civil en A lingua das bolboretas; e X. Fdez. Ferreiro con Agosto do 36 (tamén sobre a Guerra Civil).
- A literatura infantil e xuvenil. Exemplos: Agustín Fernández Paz (Cartas de inverno, Trece anos de Branca, Os corredores de sombra...), Fina Casalderrey ou Concha Blanco.
4. Os comezos do novo século (Século XXI)
Os comezos do novo século caracterízanse pola continuidade na diversidade de xéneros e pola ampliación de liñas temáticas, o que se combina cunha intensa actividade na rede, que os escritores empregan como plataforma de difusión da súa obra e como foro de debate cos seus lectores.
Destacan sagas detectivescas coma as de Diego Ameixeras, Domingo Villar ou Xabier Quiroga; novela histórica, de Teresa Moure; a aparición de formas narrativas vinculadas aos blogs (Anxos Sumai); Berta Dávila (temáticas como a saúde mental ou a maternidade), entre outros.
Tamén contamos con varios autores e autoras que recibiron nestes últimos anos o Premio Nacional de Narrativa. Son Xesús Fraga, con Virtudes (e misterios) (2020), e Marilar Aleixandre con As malas mulleres (2021). Manuel Rivas, Premio Nacional das Letras Españolas 2024 pola súa traxectoria.