Evolución da Narrativa Galega dende o Século XX
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 4,49 KB
Primeiras Innovacións (Século XX)
Dende comezos do século XX, xurdiu a idea de que o galego debía ocupar outros espazos alén da poesía. As Irmandades da Fala impulsaron unha nova literatura que buscaba superar o costumismo e explorar xéneros pouco cultivados como o ensaio e a novela. Estas propostas innovadoras e modernizadoras influíron nos autores do Grupo Nós, escritores nados na década de 1880, que levaron a cabo a modernización da lingua e literatura galegas, superando o costumismo e o ruralismo en tódolos xéneros. Tras unha etapa inicial de "inadaptados", centraron a súa atención en Galicia a partir de 1918. Na narrativa, as Irmandades crían na importancia da novela para fortalecer a literatura. Prepararon o terreo para a publicación de novelas curtas a través de coleccións como "Céltiga" ou "Lar", que servirían como antesala da narrativa moderna do Grupo Nós.
A renovación da prosa foi unha das grandes preocupacións do Grupo Nós, que cultivando a narración curta, a novela e o ensaio, superaron o ruralismo costumista con novelas-ensaio e protagonistas de gran riqueza espiritual e ideolóxica. Na prosa de ficción entre 1916 e 1936, distínguense catro direccións:
- Liña tradicional: Converxencia entre o tardorromanticismo e o realismo (Francisca Herrera Garrido...).
- Renovación enxebre: Prosa que responde ás demandas do nacionalismo irmandiño (Autores das Irmandades).
- Relato simbólico-identitario: Indagación na identidade nacional galega e relato idealizado da chegada dos intelectuais ao galeguismo (Autores do Grupo Nós).
- Renovación da narrativa popular: Transformación e depuración da narrativa popular con técnicas modernas (Castelao, Rafael Dieste...).
Autores Destacados
Nesta época, destacan autores como:
- Vicente Risco: Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (esoterismo e espiritualismo), O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán (mitos populares e valores cristiáns), e O porco de pé (sátira do materialismo).
- Otero Pedrayo: Novelas realistas como Os camiños da vida (decadencia da fidalguía) e culturalistas como Arredor de si (evolución da conciencia galeguista).
- Castelao: Artista total con obras como Un ollo de vidro e Os dous de sempre, e relatos como Cousas e Retrincos.
Posguerra e Rexurdimento
A posguerra, coa ditadura, censura e persecución lingüística, trunca o camiño da prosa galega. A literatura refúxiase no exilio e a recuperación comeza nos anos 50 co proxecto Galaxia. Destacan:
- Escritores da etapa anterior, como Otero Pedrayo.
- Continuadores da Xeración Nós, como Ricardo Carballo Calero.
- A Nova Narrativa Galega, con novas técnicas e temas.
- Autores no exilio con obras autobiográficas sobre a resistencia e represión.
- Narradores individuais que publican clásicos na década dos 50, como Ánxel Fole (realismo popular e tradición oral), Eduardo Blanco Amor (realismo social e denuncia das inxustizas), e Álvaro Cunqueiro (realidade e fantasía).
Nova Narrativa Galega (NNG)
Nos anos 50, a NNG rompe coa narrativa anterior, influída por autores como Kafka, Joyce e Faulkner. Os seus obxectivos eran renovar a narrativa galega, manter unha actividade cultural e política galeguista, e a práctica monolingüe en galego. Características:
- Abandono do antropocentrismo.
- Expresión do absurdo da existencia.
- Intimismo e introspección.
- Mundo simbólico e fantástico.
- Presenza do sexo, violencia e morte.
Destacan autores como Camilo Gonsar e Gonzalo Rodríguez Mourullo, e as primeiras obras de Xosé Luís Méndez Ferrín e Carlos Casares.
Da Transición ao Século XXI
Tras a ditadura, a narrativa diversifícase con novas técnicas e temas. Nos anos 80, reflíctese o ambiente da Transición, con autores como Alfredo Conde, Xavier Alcalá e Víctor Freixanes. Nos 90, a narrativa galega vive un auxe, con autores como Darío Xohán Cabana, Suso de Toro e Manuel Rivas. No século XXI, a produción narrativa intensifícase, con autores como Francisco Castro, Ledicia Costas, Diego Ameixeiras, Domingo Villar, Xurxo Borrazás, Xosé Carlos Caneiro, Manuel Rivas, Teresa Moure e Inma López Silva.